Posts Tagged ‘lúa _do_senegal’

«Lúa do Senegal», crítica en «lg3»

Setembro 23, 2009

Isabel Soto publica en «lg3» a súa crítica de Lúa do Senegal, a máis recente novela de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Marina Seoane. A autora salienta que neste novela protagonizada por unha rapaza de dez anos que ten a lúa como confidente Fernández Paz «plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva». Pagaa pena recoller un dos parágrafos dun texto que convida a unha lectura en profundidade da novela:

XG00165701En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia «de fronteira» que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.

Agustín Fernández Paz en «Libro aberto»

Setembro 15, 2009

ESPAÑA-LITERATURA-PREMIOAgustin Fernández Paz visita esta noite o programa Libro aberto (TVG, martes 15 de setembro, 0:15 horas) para presentar Lúa do Senegal, a súa novela máis recente.

Mar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz

Xuño 20, 2009

2009-06-19_IMG_2009-06-19_21_54_16_soc2pazMar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz para Faro de Vigo e para La Opinión da Coruña. A conversa céntrase arredor da aparición nas librarías de Lúa do Senegal, a nova novela de Agustín que  recibirá o martes, 23 de xuño, en Teruel o Premio Nacional de Literatura Infantil 2009. Recollemos unha parte da conversa:

Tralo éxito de O único que queda é o amor, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008, Agustín Fernández Paz retornou á súa liturxia de papeis amarelos para escribir. Desta vez, unha nena de dez anos vida de Senegal a Vigo e de nome Khoedi plantexa a dor do desarraigo dos inmigrantes en Galicia, o espazo que ela e outros personaxes califican como “o país das ausencias”. A escasas horas de ser homenaxeado como “O escritor na súa terra” pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, Fernández Paz profundiza sobre a súa última obra, Lúa de Senegal (editado por Xerais e que conta con belísimas ilustracións de Marina Seoane).
Lúa do Senegal, un título ao que se fai referencia case en cada páxina do libro e mesmo no ritmo de narración.
–É un título que me veu pronto á cabeza cando me metín na historia. Á protagonista, cando chega a Vigo, todo lle parece dististo. O único que recoñece como igual é a lúa que brilla pola noite; ese é o leitmotif que marca paso de tempo. A lúa serve de conexión coa realidade que deixou e a que se atopou. Ademais, a lúa marca tamén o ritmo da narración ao seguir as súas fases tomandas de tres meses do ano pasado.
–Onde comezou a tirar do fío para esta obra?
– Os libros case nunca xorden dun único fío. Recordo do meu caderno de notas a primeira imaxe que anotei sobre un emigrante, non sei de que nacionalidade, de pel negra, traballando no andamio dunha obra. Chamoume a atención. Había tempo que quería abordar o tema da inmigración e apetecíame contalo en forma de historia. Todo acabou plasmándose neste libro.
–Á parte dese obreiro, houbo outros africanos que lle serviron de luz para a narración?
– Non cheguei a coñecer a ningún porque, en realidade, a documentación que conseguín foi amplísima a partir de libros e recortes de prensa que me foron suficientes. Eu o que quería contar realmente era o tema da emigración e escollín Senegal porque parecía atractivo. Tamén falei cunha profesora que estivo cunha ONG na zona e que me deixoume ver centos de fotos.

“Lúa do Senegal”, novo libro de Agustín Fernández Paz

Maio 29, 2009

Acaba de entrar no almacén Lúa do Senegal, o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Marina Seoane. Publicada na colección Sopa de Libros, na serie de 10 anos en diante, esta é a primeira novela publicada por Fernández Paz, tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil. Lúa do Senegal será publicada no vindeiro outono en castelán por Anaya Infantil y Juvenil e en catalán por Barcanova. Lúa do Senegal chegará ás librarías galegas a partir do día 8 de xuño.

XG00165701Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. O único lazo entre a nova realidade e o mundo que deixou atrás é a Lúa que brilla no ceo polas noites, que serve, ademais, para marcar o paso do tempo.

Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. E para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, Fernández Paz decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Mais Khoedi é unha contadora de historias. Foi a súa avoa a persoa que lle aprendeu esa arte, ese gusto por inventar historias e contalas en voz alta.

Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da protagonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes.