Mañá, martes, 12 de maio, ás 18:00 horas, celebrarase no Instituto Cervantes de Lisboa un acto de homenaxe a Ramiro Fonte. Nesta mesa redonda, que será presidida por Carmen Cafarell (directora do Instituto Cervantes), participarán Carlos Marzal, Graça Videira, Jose Manuel Mendes, Raúl Veiga e Manuel Bragado. O actor Evaristo Calvo recitará unha antoloxía de poemas de Ramiro e serán proxectadas imaxes do poeta cedidas pola TVG.
Posts Tagged ‘lisboa’
Homenaxe a Ramiro Fonte en Lisboa
Maio 11, 2009«A batalla do paraíso triste», novela de Xosé Ramón Pena
Novembro 14, 2008Xosé Ramón Pena, gañador do premio Xerais de novela 1987, tras un silencio de varios anos, regresa á novela con A batalla do paraíso triste, unha ficción de espionaxe ambientada na Lisboa salazarista.
Entre 1940 e 1941 Europa arde baixo as lapas da II Guerra Mundial. Fuxindo das bombas e da barbarie nazi, milleiros de refuxiados acoden a Lisboa na procura dun visado que lles permita atinxir a liberdade. No medio daquela multitude está Antoine de Saint-Exupéry. O autor d’ O principiño residiu na capital portuguesa antes de marchar cara a América e definiuna como un paraíso triste. Fuxindo do París ocupado, Fernando Freitas –antigo oficial portugués– retorna ao seu país co obxectivo de cruzar o Atlántico. Con todo, os días son eternos na angustia da espera. Descuberta a súa verdadeira identidade, vese involucrado no medio da batalla que se está a librar na cidade entre os distintos servizos secretos, convertindo Lisboa nun niño de espías: un espazo de ambigüidades que se complica coa relación que Freitas vive coa actriz de revistas Catarina Gusmão.
A batalla do paraíso triste é unha novela de acción e de espionaxe, pero tamén un relato de amores, esperanzas e desenganos; de amizades e traizóns: a crónica dunha Lisboa pobre e gris que a ditadura salazarista tenta ocultar co centileo dos hoteis de luxo e os espectáculos musicais.