Posts Tagged ‘lijmi’

«A poesía infantil no século XXI (2000-2008)»

Setembro 8, 2009

Esta semana chega ás librarías A poesía infantil no século XXI (2000-2008), o volume anual da Rede Temática de Investigación ¨LIJMI», que coedita Xerais e a Fundación Caixa Galicia.

XG00158301Os membros da Red Temática de Investigación sobre Literatura Infantil y Juvenil del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), coa colaboración doutros investigadores convidados, reúnen neste volume un conxunto de estudos, destinados fundamentalmente a todos aqueles que desenvolven labores de mediación, centrados na Poesía infantil e xuvenil no século XXI (2000-2008).
Tras dunha introdución teórica na que se repasan a historia e as características que adoitan identificar o xénero, incídese no valor da poesía á hora de educar a sensibilidade, desenvolver a creatividade e fomentar o espírito crítico desde as primeiras idades e deféndese a súa presenza nas aulas mediante unha boa selección de textos que acolla tanto os escritos expresamente para a infancia e a mocidade como aqueloutros cun destinatario universal. A seguir inclúense enfoques panorámicos que abordan o xénero no período estudado nas literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa e vasca, co engadido de tres achegas que estudan a poesía no ámbito literario alemán, brasileiro e inglés. O volume inclúe ademais unha selección de poemarios, trece dos cales son obxecto dun comentario pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras algunhas claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.

O volume será presentado o xoves, 10 de setembro, ás 12:00 horas, no seo das actividades do VIº curso de formación continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora, que se desenvolve ao longo de toda esta na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago.

“A Guerra Civil española na narrativa infantil e xuvenil”

Setembro 9, 2008

O vindeiro xoves, día 11, ás 10:00 horas presentarase na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago, no seo do V curso de formación continua sobre literaturas infantís e xuvenís, o libro A Guerra Civil española na narrativa infantil e xuvenil. Coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou, Pedro Lucas Domínguez e Isabel Soto López esta nova obra dos membros da Red Temática de Investigación sobre Literatura Infantil y Juvenil del Marco Ibérico (LIJMI) reúne un conxunto de estudos destinados fundamentalmente a aqueles que desenvolven labores de mediación, centrados no tema da Guerra Civil española e a súa presenza na narrativa infantil e xuvenil.

Tras dunha introdución teórica na que se analiza o impacto e a presenza da Guerra Civil nas manifestacións culturais e artísticas das últimas décadas e a abundante bibliografía crítica xerada arredor do tema, inclúense enfoques panorámicos que abordan o tratamento do tema nas literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa, vasca, co engadido de dúas achegas que estudan a presenza da contenda española na produción en lingua alemá e inglesa.
O volume inclúe ademais unha selección de obras narrativas nas que se trata a Guerra Civilespañola, dazasete das cales son obxecto dun comentario pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras algunha claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.