Posts Tagged ‘letras_galegas_2010’

De Bernardino a Novoneira

Xuño 29, 2009

Artigo de X.L. Méndez Ferrín en Faro de Vigo con motivo da elección de Bernardino Graña como membro da Academia Galega e da designación de Uxío Novoneira como figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Unha lectura moi recomendable.

Soemos decer que a Academia certa sempre ao designar a persoa que ha de ser celebrada no Día das Letras Galegas. En realidade o que ocorre é que, a partir do nomeamento da figura representativa anual, moitedume de individuos e grupos se aplican ao labor de diseccionala. Un impulso divulgativo irradia desde as editoriais, centros de ensino, asociacións culturais, comunidades varias e o autor intronizado no Día das Letras Galegas soe converterse no obxecto dunha análise colectiva e multidisciplinar que abraza tamén unha época dada na nosa Historia. Normalmente, e de modo litúrxico e repetitivo, sempre hai uns palermas que se laian de que o Día das Letras Galegas non serve para nada e todas esas cousas. Deus nos libre das xentes da crítica crítica (Marx).
Logo están outros que coidan que negar a existencia de xeracións literarias é cousa obrigada. Xeralmente pertencen a unha tradición que vén desde hai mundos de anos repetindo lugares comúns sen teren lido Petersen nin tan sequera no Fondo da Cultura Económica. Eu agora cadro contente porque a Academia Galega, que segue sen se equivocar, acaba de admitir o Bernardino Graña como individuo de número. Póñolle a “etiqueta” a Bernardino de escritor galego da xeración das Festas Minervais. E estalle moi ben, porque el foi un dos primeiros daquel concurso que, convocado polo SEU de Compostela, quixo resucitar as vellas Festas Minervais nas que o idioma galego cantara coa voz crocitada do corvo de “asas negras” nos chamados (por quen?) Séculos Escuros.
Sei que para algúns non hai xeracións literarias en xeral e a nosa das Festas Minervais carece especialmente de verdadeira substancia. Non digo que non, pero a das Festas Minervais (n´a habendo) foi ben excluída e marxinada alí onde chegaba a man negra do piñeirismo. Por esa razón a tantos importantes escritores galegos a Academia Galega do pasado, zarrapechou as portas de ingreso por eles seren considerados de filiación política sospeitosa de “nacionalismo” ou de “comunismo”. Eu non sei de que diaños podería ser sospeitoso Bernardino Graña, pro o caso é que só o último sábado, e tendo o noso amigo e autor, 77 anos, a Academia chamou por el para ocupar o sitio que merece na Rúa das Tabernas.
Sábado pasado, este cronista foi feliz na Coruña, na Academia, na Rúa das Tabernas. Viviu unha bela sesión na que na Academia resplendeceron as luces de prudencia, da ecuanimidade e da fraternidade corporativa. Bernardino Graña, o altísimo poeta, o mellor artífice e señor das palabras do mar, pasará a integrar a Institución. E, por se fose pouco, o noso irmán Uxío Novoneira, resultou designado figura central do próximo Día das Letras Galega. Novoneira forma parte da mesma xeración literaria ca Bernardino e ca min, aínda que é un dos pouquiños que nunca tomaron parte nunhas Festas Minervais. Durante o ano que vén falarase moito de Novoneira, e falarase no contexto dunha ofensiva dos poderes autónomicos reaccionarios contra a nosa lingua.
Teremos ocasión de tratar nestes asuntos. Non teñan medo. X.L. Méndez Ferrín

Uxío Novoneyra, 17 de maio 2010

Xuño 27, 2009

En Xerais recibimos con enorme satisfacción a designación por parte da Academia Galega do poeta Uxío Novoneyra como figura homenaxeada o 17 de maio de 2010.  Recoñécese así a traxectoria do autor d’ Os Eidos como unha das fulcrais da poesía galega do século XX.

12003113Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, Courel, 1930-Santiago, 1999) fillo dunha familia de labregos, terá na súa terra natal o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (Xerais 1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ata a súa morte no ano 2000. Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.