Posts Tagged ‘kiko_dasilva’

«O xardín das pedras flotantes»

Novembro 25, 2008

O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008, tras a súa presentación onte en Pontevedra, suscita o interese de varios medios.

Teresa Cuíñas anuncia en El País Galicia o prolongamento da novela no blog do autor.

Xosé Manuel Eyré publica duás entregas da crónica da crítica que está preparando. Adiantamos un parágrafo da primeira:

0925234001212863899-manuel-lourenzo-gonzalezPolo pronto, a novela tenme entre o ceo e o inferno. Está escrita con moito oficio, recoñécese un narrador elegante (ultimamente, eis un cualificativo que, afortunadamente, se me repite), que se manexa moi ben nun microestilo ou estilo frástico no cal os ritmos de exposición e intelección están pulcramente coidados, cunha lingua dúctil e próxima (non foxe do cultismo nin lle pon medo o coloquial ) na que o lector le con comodidade e o agrado de ter diante un narrador con oficio que se esmera en non defraudar. O ceo. Iso e a habilidade para transitar entre rexistros narrativos. Na bitácora do autor, unha excelente oportunidade de comprobalo. Aquí, cinco páxinas.

Por último, recollemos varias das afirmacións realizadas na presentación por parte de Mario Iglesias e Kiko Dasilva:

  • «Unha obra extraordinaria, de estrutura sólida, ben construída. Un traballo tremendo de arquitecto onde hai un trasfondo de anos.» Mario Iglesias.
  • «Fascina desa estrutura que sexa aberta, que teña ventás a outras moitas historias. Unha novela chea de links.» Mario Iglesias.
  • «Esta novela é un universo que conecta con universos.» Mario Iglesias
  • «Unha novela que fala do primeiro amor, mais non dende a inxenuidade do namorado.» Kiko Dasilva
  • «Os lectores namoraranse tanto dos personaxes como das historias que nos gustarían que contasen.» Kiko Dasilva
  • «Este será o libro máxico para Manuel. Enganchará a mozos e adultos. Espertará a curiosidade de cada lector polo seu propio pasado.» Kiko Dasilva

«O xardín das pedras flotantes», presentación e primeira crítica

Novembro 23, 2008

O luns, 24 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Caixa Galicia (Edifcio Café Moderno), presentarase O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do premio Xerais 2008. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra e Xerais, participarán Mario Iglesias, director de cine, Kiko Dasilva, ilustrador e humorista, o director de Xerais e o autor. Ao remate, haberá actuación dun grupo de corda e coloquio arredor dun viño galego.

Nesta última semana Manuel Lourenzo González publicou varias anotacións en Batume, o blog no que recolle novas historias, textos e materiais que forman parte do mundo d’ O xardín das pedras flotantes.

Coincidindo coa presentación, acaba de aparecer a primeira crítica sobre a obra, realizada por Manuel Rodríguez Alonso e publicada no «Cartafol de libros» de Vieiros. Recollemos os tres primeiros parágrafos deste texto.

xg00139301Na novela, unha novela longa, mestúranse varios tipos de novela. Nas voltas atrás en que se reconstrúe a vida dos antigos propietarios do libro máxico e maldito temos retallos de novela histórica; na parte en que o protagonista Simón describe en primeira persoa a súa vida na nenez e na adolescencia atopamos o costumismo rural (na liña do idealismo de considerar o agro unha Arcadia feliz) ou mesmo o estudiantil dun instituto de Pontevedra. Mais a novela entra no terreo do marabilloso de cheo cando xorde a relación amorosa Simón-Anabel, mesturada coa maldición do libro máxico.
O autor nesta parte navega polo terreo do marabilloso, máis ca do fantástico, pois non sabemos se é fantasía-soño ou unha simple realidade en que algún accidente casual parece unha malidición máxica (a morte envelenada de Anabel). Esta parte é a máis innovadora e rechamante da novela, mesmo co xogo perspectivista de presentar a relación amorosa Anabel-Simón desde as miradas enfrontadas da narración en primeira persoa de Simón e a narración, sobre estes mesmos feitos, doutro narrador en terceira persoa.
Moi atractiva resulta así mesmo a reprodución dos pensamentos de Simón no estado de coma ou semicoma que pasa no hospital. No remate todo acaba ben, ata con voda feliz do protagonista coa rapaza da aldea que sempre quixo. O lector non sabe se o que leu foi realidade ou só un soño de Simón, ben porque entrou en coma no accidente do coche da nai, ou tras a morte de Anabel. Tampouco sabe ben se existen bruxas coma Áurea ou libros malditos que só lles traen desgrazas aos seus posuidores que, non obstante, tolean por facerse con eles.
Xa que logo novela que mestura o tradicional, o costumista, o marabilloso, o subconsciente e que pode, por iso, compracer un abano amplo de lectores. Está ademais na liña de moda da novela de personaxes xuvenís, tratamento do marabilloso, bruxaría…, en fin, boa lectura para estas tardes de inverno que se aproximan, aínda que ás veces caia no tópico (as descricións arcádicas da aldea nos oitenta) ou amose algunha vacilación no tratamento do marabilloso.