Posts Tagged ‘jacobo_bermejo_barrera’

«Do orixinal ao libro»

Abril 27, 2009

Juan Blanco Valdés, autor de Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica, publica no seu blog esta anotación ao abeiro da presentación da obra realizada o pasado 23 de abril:

10000573513As presentacións de libros teñen algo de bautismal. No bautismo, en orixe, e deixando á parte derivacións e procedementos meramente litúrxicos, reúnense deudos e amigos dos proxenitores para, entre todos, practicar un recoñecemento colectivo da nova criatura testemuñando a ledicia polo seu ingreso na comunidade e facendo votos por unha existencia frutífera, longa e feliz. Todo ata aquí podería aplicarse tamén á presentación dun neófito editorial. Pero, a cousa comeza a diverxer, cando, nas presentacións de libros, o proxenitor (ou proxenitora) toma a palabra para se referir, sequera brevemente, ao seu vástago (ou vástaga). Imaxinan que, nun bautismo, tras os ritos, óleos, rezos e augas de rigor, o presbítero cedese a palabra ao pai (ou nai)? Que diría? Que o proceso creativo do pequeno tivo lugar de noite, sen luz e sen ver moito o que se facía, e que, aínda así, non hai moita queixa, que hai que ver o ben pintado que saíu o bebé? Que lle gustaría un pouco máis tirando a loiro? Que, mirando para o ventre da nai, parecía que ía pesar máis, pero que ao cabo eran todo augas? Que para lle acabar chamando Faustino á criatura houbo os seus máis e os seus menos e non foi doada decisión por existiren trasacordos entre a liña materna e a paterna?
Disque o ollo do amo engorda o cabalo. A min débeme suceder o contrario. Será, talvez, por un espírito hipercrítico pero, con todo o que fago (e non mo tomen a falsa modestia), pásame como aos británicos cos xardíns: o meu sempre me parece peor. Presentando o pasado día do libro o meu Manual de edición técnica, xunto con Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e Libro Galego, e Manolo Bragado, director de Xerais -o meu editor-, e tras escoitar as súas laudatorias palabras, tan xenerosas como desproporcionadas aos meus limitados méritos, debíame, cando tomei a palabra, mover entre a miña natural humildade e o desexo de non contradicir aos meus predecesores no discurso. Ora, tamén lles digo unha cousa, co seu permiso: se imos a xulgar as calidades deste manual polo traballo que me deu, debe ser excepcional. En definitiva, os libros téñense sós e hai un criterio ineludible que os pon no seu sitio: o veredito do público. Alá veremos.
De por parte, e como podería botarse a excesiva modestia (tan excesiva que soase falsa) que non lle adicara a libro tan significativo (polo libro en si e por ser meu) un post no meu blog, consagrado especialmente aos libros e a edición, permitireime enfatizar algo que xa dixen na presentación e me parece importante: eran chegados os tempos de que en Galicia houbese unha obra así. E digo isto con total independencia de que sexa eu o seu autor. Creo que este manual de edición non é máis que -ou é principalmente- a manifestación necesaria do dinamismo e perspectivas de futuro dun sector como o editorial, que, só no país, concita a 45 editoriais privadas asociadas a Ásociación Galega de Editores (máis toda a actividade pública, por veces, como é o caso da edición universitaria, inxustamente marxinada); publicou no ano 2007 máis de 2000 títulos e case tres millóns de exemplares e dá emprego a preto de cincocentas persoas, só no sector da edición (deixando de lado o sector das artes gráficas)…
Só quería apuntar isto. O demais que se poida dicir do libro non me corresponde a min dicilo. Juan Blanco Valdés.

Día internacional do libro

Abril 23, 2009

xg001641011Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.

«Do orixinal ao libro», presentación en Compostela

Abril 20, 2009

xg00164101O 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro e dos dereitos de autor, presentarase Do orixinal ao libro. Manuel de edición técnica do editor Juan Blanco Valdés. O acto, organizado polo Consello da Cultura Galega e por Xerais, realizarase ás 12:00 horas no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro de Santiago. Intervirán  Jacobo Bermejo Barrera (Presidente do Cluster do Produto Gráfico e do Libro Galego), Manuel Bragado e o autor.