Posts Tagged ‘fundación_caixa_galicia’

«A poesía infantil no século XXI (2000-2008)»

Setembro 8, 2009

Esta semana chega ás librarías A poesía infantil no século XXI (2000-2008), o volume anual da Rede Temática de Investigación ¨LIJMI», que coedita Xerais e a Fundación Caixa Galicia.

XG00158301Os membros da Red Temática de Investigación sobre Literatura Infantil y Juvenil del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), coa colaboración doutros investigadores convidados, reúnen neste volume un conxunto de estudos, destinados fundamentalmente a todos aqueles que desenvolven labores de mediación, centrados na Poesía infantil e xuvenil no século XXI (2000-2008).
Tras dunha introdución teórica na que se repasan a historia e as características que adoitan identificar o xénero, incídese no valor da poesía á hora de educar a sensibilidade, desenvolver a creatividade e fomentar o espírito crítico desde as primeiras idades e deféndese a súa presenza nas aulas mediante unha boa selección de textos que acolla tanto os escritos expresamente para a infancia e a mocidade como aqueloutros cun destinatario universal. A seguir inclúense enfoques panorámicos que abordan o xénero no período estudado nas literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa e vasca, co engadido de tres achegas que estudan a poesía no ámbito literario alemán, brasileiro e inglés. O volume inclúe ademais unha selección de poemarios, trece dos cales son obxecto dun comentario pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras algunhas claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.

O volume será presentado o xoves, 10 de setembro, ás 12:00 horas, no seo das actividades do VIº curso de formación continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora, que se desenvolve ao longo de toda esta na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago.

«O natural é político», acto en Pontevedra

Marzo 31, 2009

xg00153201O xoves, 2 de abril, ás 20:00 horas, na sala de conferencia s da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, terá lugar un diálogo arredor do libro O natural é político, entre a súa autora, Teresa Moure, e o editor Manuel Bragado. O acto está organizado polo Ateneo de Pontevedra.

«A Cabeza de Medusa», presentación en Vigo

Novembro 27, 2008

xg001409011Mañá, venres 29 de novembro, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2008. No acto, acompañarán á autora Marta Dacosta, Gloria Rodríguez e Manuel Bragado.