Francisco Martínez Bouzas publica no “Faro da Cultura” de hoxe o que constitúe a cuarta crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval. Bouzas salienta que nestes dez relatos “o lector poderá detectar sen demasiados esforzos o ADN privativo de Fernández Naval como narrador”. Un libro que constitúe “unha persistente e témera pescuda da esencia da vida, do tempo vivido, reflectidos cos galanos dunha escrita cumprida e madura”.
Posts Tagged ‘francisco_martínez_bouzas’
«Para seguir bailando», crítica en «Faro da Cultura»
Maio 7, 2009«A clase», crítica no «Faro da Cultura»
Abril 2, 2009Francisco Martínez Bouzas publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica d’ A clase, a novela de François Bégadeau, traducida para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto. A publicación da crítica coincide coa chegada ás librarías da segunda edición da novela.
«Riofero», crítica no «Faro da Cultura»
Marzo 26, 2009Francisco Martínez Bouzas publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a novela de Xelís de Toro Riofero.
«A batalla do paraíso triste», segunda crítica
Xaneiro 7, 2009Acaba de aparecer a segunda crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena. O texto é de Francisco Martínez Bouzas e foi publicado nas páxinas de El Correo Gallego o pasado 30 de decembro. Recollemos algúns dos parágrafos dun texto moi gabancioso coa novela:
Lisboa, a cinsenta, ambigua e á vez brillante e fermosa capital dun país niño de espías e intrigas internacionais durante a II Guerra Mundial, sérvelle ao escritor para ambientar e situar a acción dunha excelente novela que tira do lector desde a primeira liña. Porque, cando o fragmentarismo ou os trebellos metaficcionais comezan a nos empachar, Pena volve ás canles da novela de sempre e cóntalle ao lector unha verdadeira historia, que racha cos lindes xenéricos e sutura en doses equilibradas, elementos da novela de acción, da novela negra, de espionaxe e o thriller sentimental, actuando a intriga como fío que turra constantemente da atención lectora.
[…]
Pena conxuga con habilidade elementos históricos, como tal a presenza dos seguidores do movemento ultrafascista portugués Rolão Preto, que pretendera anexionar Galicia durante a Guerra Civil, cunha rede argumental enteiramente ficcional. Mais a ficción é o grande marcador semántico que somete ás súas leis acontecementos e personaxes historicamente verificables. Endalí que A batalla do paraíso triste é unicamente ficción, unha novela que ilustra fermosamente un retallo da historia portuguesa. Cun estilo limpo, áxil e natural e un ritmo fluído, o narrador conta unha verdadeira historia que racha cos xéneros.
A novela consolida definitivamente, se aínda non o estaba, un soberbio narrador, que sabe resistir as urxencias de publicar cada ano, pero que, na miña estima, non está sendo valorado como cumpriría. Estamos nun intre no que o sistema literario galego e o aparello promocional dalgúns dos seus axentes máis importantes decidiron apostar, quer pola cota da discriminación positiva, quer por puro marketing, por caras máis novas e máis bonitas. Pero a fermosura e a novidade, nestes eidos literarios, non son sinónimo de calidade e as modas son sempre efémeras e pasaxeiras.
«Renacer», crítica en «Faro da Cultura»
Outubro 16, 2008Francisco Martínez Bouzas publica en Faro da Cultura unha crítica de Renacer, a novela de Xabier Paz.