Posts Tagged ‘fonte’

Ramiro Fonte, traxectoria poética en «Luces»

Novembro 1, 2008

Daniel Salgado publica no «Luces» de El País Galicia desta semana unha interesante reportaxe sobre a traxectoria poética de Ramiro Fonte.

«Reversos. (Días adiados)», derradeiro poemario de Ramiro Fonte

Outubro 16, 2008

Chegan do prelo os primeiros exemplares de Reversos. (Días adiados), o derradeiro poemario do poeta Ramiro Fonte, falecido o pasado sábado, 11 de outubro.

Continuando co ciclo de poemas complementarios de formas clásicas, recompilado en A rocha dos poscritos (Xerais 2005), Fonte ofrece un libro memorable. Escrito, na súa maior parte, durante a súa estancia en Cataluña, durante a primavera pasada cando se reconstruía corporal e espiritualmente, foi revisado por el o pasado mes de setembro.

Cento quince poemas, onde o autor xogando cunha prolífica secuencia de formas, nas que se emparella o culto e o popular, volve a demostrar as simetrías entre o clasicismo e a modernidade que caracterizou toda a súa obra.

Ramiro Fonte, actos de despedida

Outubro 12, 2008

Os actos de despedida de Ramiro Fonte realizaranse, mañá luns, 13 de outubro, en Pontedeume.

Os seus restos mortais velaranse, a partir das 11 da mañá e ata as 17 horas, na Casa do Concello de Pontedeume.

Ás 17:00 horas sairá a comitiva funebre en dirección ao cemiterio da vila.

Ás 18:00 horas oficiarase unha misa funeral na igrexa parroquial de Santiago.

Pesar polo pasamento de Ramiro Fonte

Outubro 12, 2008

Hoxe son numerosas as mostras de pesar expresadas polo falecemento do escritor Ramiro Fonte:

A estas condolencias e obituarios cómpre engadir as noticias que apareceron no día de onte:

Lándoa

Vieiros

A vella da manta

Alfaias

La Voz de Galicia

El Correo Gallego

Europa Press

Xornal.com

El País

Presidencia da Xunta

Uvas na solaina

Público

Conselleira de Cultura

A Nosa Terra, «Non ler libros» (derradeira columna de Fonte)

Faleceu Ramiro Fonte

Outubro 11, 2008

A dirección e o cadro de persoal de Edicións Xerais de Galicia amosa o seu máis fondo pesar polo falecemento do escritor Ramiro Fonte, autor da editorial dende hai vinte e cinco anos. O pasado venres acabárase de imprimir Reversos, o longo poemario de versos de formas clásicas medidas, que escribira durante os últimos meses e que a editorial tiña previsto publicar este mes de outubro.  Os actos de despedida realizarase en Pontedeume, a súa terra natal, o luns, 13 de outubro, ás 16,30 horas.

Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957, Barcelona 2008), licenciado en Filosofía e Letras, profesor de Lingua e Literatura Galegas, era director do Instituto Cervantes de Lisboa. Membro correspondente da Real Academia Galega. Poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega, formou parte dos poetas do Colectivo Cravo Fondo. Como poeta publicou: As cidades da nada (1983); Designium (Xerais 1984), Premio da Crítica e Premio Losada Diéguez de creación; Pensar na tempestade (1986); Pasa un segredo (Xerais 1989), Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas (1991); Adeus norte (1991), Premio Esquío; Luz de mediodía (1995); Persoas de amor (1995); O cazador de libros (1997); Mínima moralidade (1999), Premio González Garcés; Capitán inverno (Xerais 1999); A rocha dos proscritos (2001, e Xerais, 2005, edición na que inclúe o libro O pasaxeiro inmóbil), O xardín do Pasatempo (Tambre, 2008) e Reversos (Xerais 2008). A súa obra poética foi antologada nas obras Ámbito dos pasos (1997) e nunha recente edición publicada polo Premio Esquío (2008). Como ensaísta publicou As bandeiras do corsario (1996). Como narrador deuse a coñececer en 1986 co relato «O retornado», Premio Pedrón de Ouro, ao que seguiron, Catro novelas sentimentais (Xerais 1988); As regras do xogo (1990); Aves de paso (Xerais 1990); «Iluminacións danubianas», relato incluído no volume Caderno de viaxe (Xerais 1989); «Razóns para matar a Martíns», incluído no volume O relato breve. Escolma dunha década (1990); Os leopardos da lúa (1993), novela; Soños eternos (1994), relato e a triloxía das novelas «Vidas de infancia» formada por Os meus ollos (Xerais 2003), Premio Losada Diéguez de creación 2004, Os ollos da ponte (Xerais 2004) e As pontes no ceo (Xerais 2007). En castelán publicou: Escolma poética (Colección Maillot Amarillo, Diputación de Granada, 1990), Pasa un secreto (Ediciones Libertarias, 1991), Adiós Norte (Editorial Renacimiento, 1992, tradución de Xabier Rodríguez Baixeras), Luz de mediodía (Editorial Renacimiento 1997) e Capitán Invierno (Pre-Textos 2002, tradución de Xabier Rodríguez Baixeras). No pasado mes de xullo recibiu o Premio Porto Magno, outorgado polo Real Coro Toxes e Fores de Ferrol, en recoñecemento a súa traxectoria. En 1996 recibiu a medalla de ouro do concello de Pontedeume e foi nomeado «Fillo predilecto» da súa vila natal.

Ramiro Fonte, Premio Porto Magno

Xullo 21, 2008

Segundo informa hoxe no seu blog o xornalista Perfecto Conde o próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi outorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor). Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.

Recomendamos moi vivamente a lectura destoutra anotación de Perfecto Conde e da longa entrevista co autor eumés publicada por Ramón Loureiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia (pode lerse premendo sobre as imaxes). Expresamos o noso agarimo e parabéns a Ramiro Fonte por tan merecido e xusto recoñecemento.

“As pontes no ceo”, nova crítica

Xuño 13, 2008

Delfín Caseiro publica en Protexta unha crítica sobre As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía Vidas exemplares de Ramiro Fonte.

“As pontes do ceo”, nova crítica

Maio 29, 2008

Xulio Valcárcel publica na páxina literaria de El Ideal Gallego unha crítica completísima sobre As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía “Vidas de infancia” de Ramiro Fonte. Recollemos varios fragmentos do texto:

“Último volume da triloxía “Vidas de infancia”, As pontes no ceo pecha con ramo de ouro un dos proxectos literarios máis ambiciosos dos últimos tempos. Ramiro Fonte ofrece tres libros indispensables, a cada cal mellor. Lonxe de decaer ou esvaecer o seu nivel, a súa puxanza, sobrepóñense nunha liña de contante superación. Relato denso, sereno e caudaloso, As pontes no ceo, está recorrida ao longo de 564 páxinas dunha néboa que desdebuxa os perfís gardando só o esencial, como a luz outoniza da última verbena das festas de setembro daquel Pontedeume da nenez. […] Traballa Ramiro cunha prosa directa, precisa, libre de retórica, tanto no plano formal coma no conceptual. O fío narrativo, baseado na lembranza, discorre con naturalidade e sinxeleza, coa mesma inocencia coa que viviu aquel neno as vivencias agora recuperadas. Pero tamén coa mesma intensidade que tiveron e que siguen tendo na memoria do narrador. A elegancia do humor e unha sutil ironía, sabiamente administrada, compensa e equilibra ese pouso de tristeza que radica sempre detrás do desvalimento dun neno. Boa, mala, ou peor, a infancia, tempo sementado de ausencias e perdas, aparece recollida en toda a súa riqueza por Ramiro Fonte nunha novela de matices, de dados mínimos, de exquisitas pequeneces, coas que curiosamente ergue unha grande obra. […] Volven agora polo valor salvífico da palabra nunha novela espléndida, que nos conforta por dentro como un bálsamo, que nos axuda á comprensión, á reconciliación.”