Posts Tagged ‘Educación’

Faleceu Xesús R. Jares

Setembro 27, 2008

A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu máis profundo pesar polo falecemento de Xesús R. Jares, autor e colaborador da editorial dende hai dúas décadas. Xesús R. Jares foi Catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Coruña, cátedra que obtivo co perfil «Modelos de Educación para a Paz e o Desenvolvemento». Desde 1983 coordinou o colectivo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Foi presidente da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ) e presidiu ata o seu falecemento a Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ). Deseñou e coordinou o proxecto multidisciplinar e solidario «Construír a paz. Cultura para a paz nos anos 1995-1997». Tamén foi o deseñador e coordinador do Programa educativo municipal «Aprender a convivir» do Concello de Vigo nos anos 2000-2003. En Edicións Xerais de Galicia publicou: Construír a paz. Cultura para a paz (Cdor., 1996), Educación e dereitos humanos. Estratexias didácticas e organizativas (1998), Aprender a convivir (2001, 3ª edición en 2006), Técnicas e Xogos cooperativos para todas as idades (2005), Educación e paz I. 25 anos de Educadores pola paz (Xerais 2008) e Educación e paz II. Presente e futuro da construción da paz (Xerais 2008). O vindeiro 10 de decembro, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, será presentado no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo o terceiro volume da triloxía «Educación e paz» Educación e paz III. Literatura e paz (Xerais 2008), libro colectivo coordinado por Jares no que participan corenta escritores e escritoras galegos. A súa importante obra ensaística vencellada á educación para a paz está traducida ao castelán e o portugués. O domingo 28 de setembro, ás 20:00 horas celebrarase en Vigomemorial un acto cívico na súa memoria.

“Educación e paz”, presentación

Xuño 12, 2008

Xesús Jares mandounos a reportaxe fotográfica (preparada por Paco Vilabarros) do Serán pola paz, celebrado o pasado 18 de abril, no que presentamos os dous primeiros volumes de Educación e paz e festaxamos o 25 aniversario da fundación do grupo Educadores pola paz.

Entrevista a Xesús R. Jares

Abril 18, 2008

A raíz da celebración hoxe do Serán pola paz, onde serán presentados os dous primeiros volumes de Educación e paz, La Voz de Galicia e Faro de Vigo entrevistan a Xesús R. Jares.

Presentación “Educación e paz”

Abril 17, 2008

O venres, 18 de abril, ás 20:00 horas, no seo da celebración do Serán pola paz no Teatro Caixanova de Vigo, serán presentados os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz, coordinada por Xesús R. Jares. No acto, no que intervirán os grupos Abe Rábade Trío e Berrogüetto, ademais de ensaístas e escritores participantes na triloxía, está previsto que asistan preto dun milleiro de persoas.

No primeiro volume, Educación e paz I. 25 anos de Educadores pola paz, da autoría de Xesús R. Jares, recóllese a historia dos 25 anos de funcionamento do grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, o primeiro grupo da historia de Galicia de Educación para a Paz e un dos pioneiros no resto de España. O libro recolle a orixe do grupo, os seus obxectivos, as actividades desenvolvidas, as publicacións realizadas, os programas deseñados, as propostas feitas, as ilusións presentes e as esperanzas de futuro. Nesta crónica dos 25 anos de Educadores pola Paz o autor está acompañado por catro colaboracións que falan de outras tantas experiencias de educación para a paz: Xosé Manuel Cid en Ourense, Xosé Manuel Rodríguez desde Santiago, Flora Fondevila das Escolas asociadas á UNESCO e Manuel Blanco do Programa “Vivir xuntos, convivir” de Lugo.

No segundo, Educación e paz II. Presente e futuro da construción da paz, volume coordinado por Xesús R. Jares, recóllense as colaboracións que fixeron uns 40 ensaístas (Gregorio Peces Barba, Carlos Taibo, Xulio Ríos, Vidal Beneyto, Xurxo Torres Santomé…, entre outros) de distintas disciplinas e países agrupadas en tres capítulos: “O mundo no que vivimos e propostas de futuro”; “Escenarios e presupostos de paz” e “O papel da educación para a paz e os dereitos humanos”.

Serán pola paz

Abril 4, 2008

O 18 de abril, venres ás 20:00 horas, celebrarase no Teatro Caixanova de Vigo o SERÁN POLA PAZ. Un acto literario musical, conducido por Manuel Romón, inserido nas actividades do XXII Encontro de Educadores pola Paz, no que presentaremos os dos primeiros volumes da triloxía Educación e paz: 25 anos de Educadores pola Paz de Xesús R. Jares e Presente e futuro da construción da paz, libro colectivo, coordinado tamén por Jares, no que participan corenta ensaístas de todo o mundo.

Coa publicación desta triloxía, Xerais quere sumarse aos camiños da paz dos que nos fala Xesús R. Jares na introdución do primeiro dos volumes da triloxía: “os camiños da paz son sinónimos de compromisos, de accións, de reflexións, de estudos, etc., mais tamén de comunicación, de entrega, de tenrura, de afecto, de amor, de solidariedade, de reciprocidade. Son camiños para compartir e recoñecer, acompañar e estar acompañado. Camiños que veñen de moi lonxe, desde moi diferentes xeografías e espazos socioculturais”.

Ao longo deste SERÁN POLA PAZ, no que agardamos reunir a máis de seiscentas persoas, intervirán poetas e ensaístas participantes nos libros, ademais de contar coas actuacións de Abe Rábade e Berrogüeto. A entrada é libre, previa recollida das entradas na Concellería de Educación, Rúa Oporto, 1 (Ant. Edif. Reitorado), de Vigo.