O vindeiro martes 16 de xuño ás 20 horas, Justo Beramendi convesará no Café Volter de Vigo sobre o seu libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Premio Nacional de Ensaio 2008) con Luís Domínguez e Camilo Nogueira. O acto desenvolverase nas instalacións da Fundación Casares de Vigo, situadas en Elduayen 36, 2º (antigo edifico Asefal).
Posts Tagged ‘de_provincia_a_nación’
“De provincia nación”, no Café Volter de Vigo
Xuño 12, 2009«De provincia a nación», crítica en «Culturas»
Xaneiro 6, 2009Ramón Loureiro publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, dedicado aos mellores libros galegos do pasado ano, unha crítica do libro de Justo Beramendi De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Premio Nacional de Ensaio 2008.
Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, cofundador do Museo do Pobo Galego e autor de títulos como Galicia e a historiografía (1993), Manuel Murguía (1998) e Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998), o profesor Justo G. Beramendi (Madrid, 1941) ven de conseguir o Premio Nacional de Ensaio, outorgado polo Ministerio de Cultura, pola súa monumental obra -en máis dun sentido, o de monumental- De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Froito, como calquera pode supoñer, dunha longa investigación e dun intensísimo traballo, dun labor de nada menos 25 anos, neste libro o profesor Beramendi estuda a esencia dos movementos que acometeron a “reivindicación de Galicia como suxeito político” desde o século das luces ata os nosos días. Unha viaxe polo tempo que abrangue, con especial fondura, tanto o provincialismo, o rexurdimento e o rexionalismo decimonónicos como o nacionalismo do século XX, e que presta unha especial atención a aspectos como a “reconstrución das estruturas das ideoloxías”, sempre de cara a explicar, coa perspectiva científica que nace da historia, os alicerces sobre os que hoxe se asenta a personalidade política de Galicia; unha personalidade “claramente diferenciada”. Así, polas páxinas de Justo G. Beramendi aparecen desde a Galicia que vivía o ocaso do Antigo Réxime, os ilustrados do país e o reformismo conservador, ata o que para o nacionalismo galego supuxo a constitución do BNG, pasando pola confrontación entre o absolutismo e o liberalismo, o papel de Compostela na aparición do primeiro galeguismo, a Galicia isabelina, a mensaxe provincialista, os tradicionalismos, o movemento agrario, o pensamento solidario ou, por suposto, as Irmandades da Fala.
Finalmente lembra, o autor, ao remate do libro, que “o futuro nunca está escrito” e que “menos podemos escribilo quen só sabemos escrutar o pasado con mellor ou peor fortuna”, así que, polo tanto, di, haberá que deixar, ao final da historia que vén de escribir, un “interrogante aberto”. Ramón Loureiro
Justo Beramendi, entrevistado na contraportada de «La Voz de Galicia»
Xaneiro 6, 2009Foto de Sandra Alonso, La Voz de Galicia
Nacho Mirás Fole entrevista a Justo Beramendi na súa Cara B, a contraportada de La Voz de Galicia, con motivo da obtención do Premio Nacional de Ensaio por De provincia a nación. Historia do galeguismo político.
Catro obras de Xerais entre «O mellor do 2008» para «Culturas»
Xaneiro 3, 2009O suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia publica hoxe unha dobre páxina na que se recollen críticas de seis obras consideradas como «O mellor do 2008». Entre elas están catro publicadas pola editorial: O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Renacer de Xabier Paz e De provincia a nación. Historia do Galeguismo Político de Justo Beramendi, Premio Nacional de Ensaio 2008.
«Visibilidade da nación galega», artigo de X. L. Méndez Ferrín no «Faro de Vigo»
Novembro 3, 2008Recomendamos este artigo, onde X. L. Méndez Ferrín fala sobre a repercusión da literatura galega alén das nosas fronteiras, baseándose no feito de que recentemente o Ministerio de Cultura lle concedese dous dos premios nacionais a senllas obras escritas en galego: o de Ensaio a De provincia a nación: historia do galeguismo político, de Justo Beramendi, e o de Literatura Infantil e Xuvenil a O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz. Ademais, salienta Ferrín a importancia de que outra obra escrita en galego, Os libros arden mal, de Manuel Rivas (editada en francés por Gallimard co título de L’eclat dans labîme), sexa finalista do prestixioso premio Medicis.
Justo Beramendi, entrevista no «Faro da Cultura»
Outubro 30, 2008«De provincia a nación»: Premio Nacional de Ensaio 2008
Outubro 17, 2008Justo Beramendi foi galardoado co Premio Nacional de Ensaio 2008 polo seu libro De provincia a nación. Historia do Galeguismo Político, publicado por Xerais no pasado ano 2007.
De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo.
A obra de Beramendi leva acadado os máis importantes premios galegos:
Premio Irmandade do Libro. Mellor obra editorial do ano 2007 – Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Ensaio), 2007 – Premio da Crítica Galicia (Investigación), 2008 – Premio Losada Diéguez (Investigación), 2008