Posts Tagged ‘crime_en_compostela’

Carlos G. Reigosa, novas reedicións

Xaneiro 23, 2009

carlos-reigosaNesta semana entraron no almacén dúas reedicións de senllas novelas de Carlos G. Reigosa: a décimo quinta de Crime en Compostela, gañadora do primeiro Premio Xerais, hai agora vinte e cinco anos, e a quinta de Pepa A Loba. Tras a recente publicación de Laxeiro por si mesmo, Reigosa agarda a publicación na primavera da novela pola que obtivo o Premio Torrente Ballester de narrativa 2008, A vida do outro. Os nosos parabéns ao autor da Corda por esta magnífica xeira.

Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008

Novembro 11, 2008

carlos_reigosaA vida do outro de Carlos G. Reigosa é a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2008 dado a coñecer no día de hoxe. «Que me fixo a min a Transición e a consolidación democrática posterior?» é a pregunta que trata de responder, aos cincuenta e seis anos, o protagonista da obra, o director dun xornal madrileño (de orixe galega), cando despois de ter un amago de infarto se decata que non se coñece a si mesmo. Escrita toda ela en primeira persoa, A vida do outro é, en palabras do autor, «unha novela sobre o xornalismo e a vida». Carlos G. Reigosa, autor dunha longa obra narrativa e ensaística toda ela en galego publicada por Xerais, agarda estes días a publicación de Laxeiro por si mesmo, no que recupera a entrevista, aínda inédita, que lle fixera hai vinte anos ao xenial pintor de Botos. Case vinte e cinco anos despois de obter o primeiro Premio Xerais de Novela por Crime en Compostela, Reigosa recunca nun dos máis prestixiosos premios literarios das literaturas galega e castelán que, precisamente, leva o nome de Gonzalo Torrente Ballester, a quen Reigosa lle fixera en 1983 un importante libro de conversas. Os nosos maiores parabéns para o noso amigo Carlos.

Aconsellamos escoitar a entrevista que hoxe lle fixeron no «Diario Cultural» da Radio Galega.