Posts Tagged ‘celso_emilio_ferreiro’

Celso Emilio Ferreiro, trinta aniversario do seu pasamento

Agosto 28, 2009

cartaz homenaxe celso emilio definitivoMañá sábado, organizado pola asociación Arraianos, celebraranse en Celanova unha serie de actos con motivo do trinta aniversario do pasamento do poeta Celso Emilio Ferreiro (31 de agosto de 1979).

Ás 12 da mañá, realízarase un acto no Alto do Furriolo (A Bola), onde hai anos se inaugurou un mural creado por Xosé Vizoso, para lembrar os represaliados pola ditadura franquista. Alí haberá un recital a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Baldo Ramos e membros do colectivo Redes Escarlata.

Xa ás 18.30 horas, no cemiterio de San Breixo de Celanova, os actos da homenaxe popular comezarán cun recital poético con Manuel Vilanova e Victor Campio, así como unha lectura dramatizada dos seus artigos xornalísticos. A velada estará amenizada musicalmente e rematará cun diálogo poético de Ramón Nicolás, especialista en Celso Emilio (recentemente publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro).

Celanova, presentación de “Conversas con Celso Emilio Ferreiro”

Maio 22, 2009

o22c16F2A edición de Ourense de La Voz de Galicia informa hoxe da presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro celebrada onte na Casa dos poetas de Celanova. No acto participaron Luís Ferreiro (director da Fundación Celso Emilio Ferreiro), Antonio Mouriño (alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez), Ramón Nicolás (autor do libro) e Manuel Bragado.

“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, en Celanova

Maio 19, 2009

Capa_CronicaO xoves, 21 de maio, ás 20:00, na Casa das Poetas de Celanova (rúa dos Poetas 37),  realizarase unha presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. No acto acompañarán ao autor, Luis Ferreiro e Manuel Bragado.

«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»

Marzo 18, 2009

Hoxe chegaron da imprenta os primeiros exemplares de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. Este orixinalísimo título chegará ás librarías na primeira semana do mes de abril.

Capa_CronicaA través de Conversas con Celso Emilio Ferreiro mergullámonos na significativa persona-lidade dun dos grandes escritores da literatura galega. Da man de Ramón Nicolás, biógrafo e editor da súa obra literaria, rescátase a voz e a palabra do autor celanovés, cando se cumpren trinta anos do seu pasamento, para dar conta da súa opinión política e literaria e para introducirnos no «universo Celso Emilio», que en boa medida goza de plena actualidade e validez. Ramón Nicolás compilou e ordenou, temática e fragmentariamente, as máis das entrevistas que se lle realizaron a Celso Emilio en medios escritos durante a súa vida e, como nun xogo de espellos, recupera o seu criterio e a súa presenza. A súa propia obra literaria, a política, a militancia, as polémicas que protagonizou, a súa perspectiva sobre o ámbito da cultura, a súa opinión sobre cuestións como a lingua galega ou a nación latexan ao longo destas páxinas apaixonantes.