Posts Tagged ‘carme_adán’

«Anti natura», María Xosé Queizán

Novembro 21, 2008

Hoxe ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia de Vigo presentarase Anti natura, o novo ensaio de María Xosé Queizán. No acto, acompañarán á autora Carme Adán e os actores María Armesto e Xavier Picallo.

xg00149001Anti natura é unha viaxe polo saber. María Xosé Queizán descobre as trampas e simplifica as teorías que, desde Aristóteles ata Freud, lexitimaron o patriarcado, deténdose nas distintas concepcións do feminismo e apoiándose nos valores racionais de igualdade e xustiza. O saber é quen de mudarnos a mirada e de automodificarnos, de suprimir a opresión e a apropiación patriarcal; con todo, os cambios non serán inmediatos, a pesar das leis, e nin sequera se producirán de balde: traerán o custo do enfrontamento cos intereses sociais, políticos e económicos acomodados á situación, así como un custo de vidas humanas que as mulleres xa están a pagar. Toda viaxe leva a algures: esta viaxe parte do saber científico para rescatar as mulleres da escuridade á que estiveron predestinadas durante séculos para conducilas á luz pública.

Aquí pódese escoitar a entrevista que lle fixeron á María Xosé Queizán no Diario Cultural da RG.

«Manual para coeducar na escola infantil», presentación

Setembro 21, 2008

Onte ao mediodía foi presentado no IES Portovello de Ourense o Manual para coeducar na escola infantil de María Luísa Abad Abad. Este título é a primeira entrega dunha serie de monografías dirixidas á formación do profesorado de Educación Infantil, coeditadas por Xerais e a rede galega de escolas infantís Galescolas, dependentes da Secretaría Xeral de Igualdade. No acto de presentación participaron a autora, o director da editorial e Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade.

O Manual para coeducar na escola infantil está organizado en dúas partes ben diferenciadas: unha primeira ensaística (os tres primeiros capítulos) na que se reflexiona sobre a construción da identidade sexual e de xénero, o sexismo na educación e sobre os conceptos de igualdade e coeducación; unha segunda de carácter didáctico (o capítulo cuarto) na que se propón un modelo de intervención coeducativa ao longo de toda a etapa de EI. Nese capítulo central da obra propóñense pautas para a organización dos espazos e da actividade educativa no centro e na aula, así como outras para acadar a imprescindible colaboración das familias nun modelo de coeducación compartida.

Ao longo do vindeiro ano 2009 está previsto que continúe esta serie de monografías con títulos dedicados ao bo trato e ao xogo.