Na recollida de textos publicados polos medios, que vimos realizando no blog, quedounos atrás o magnífico traballo que Rubén Ruibal publicou o pasado 3 de xaneiro no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia (non está publicado na rede). No longo artigo, que ocupa dúas páxinas, o autor fai un percorrido polas novidades de literatura dramática publicadas en 2008. Recollemos algúns dos parágrafos que fan referencia aos títulos editados por Xerais:
Tentando citar todo, emprezo pola literatura infantil. A publicación máis destacada do 2008 foi o Game over de Carlos Losada, gañador do premio Manuel María 2007. […] Levado á escena por Cachuzo, é posible que no 2009, se a lotería das programacións o contempla, teñamos de novo a oportunidade de velo nos escenarios galegos. Ó meu modo de ver, o espectáculo ten un gran problema: lonxe do habitual, non trata ós nenos coma parvos.
[…]
Falando de autores galegos que chegan ós escenarios, se cadra con menos fortuna do que merecen, Roberto Salgueiro publicou no 2008 dentro da Biblioteca Dramática Galega de Xerais o texto gañador do premio Álvaro Cunqueiro 2007, Historia da chuvia que cae tódolos días, no que un pai, un fillo e a moza deste viven, sofren e reflexionan en torno ás miserias da emigración e da permanencia na terra propia nun espazo fechado arredor do cal todo se afunde na auga da chuvia; un texto ben recomendable. Nesa colección publica Raúl Dans, Nachtmarhr, un exercicio de liberdade literaria que non deixa escapar ó lector dende a primeira á ultima liña e sorprende pola riqueza de imaxes escénicas que provoca. Unha das miñas pezas preferidas deste autor e, probablemente, do 2008. Xerais tamén sacou á rúa o libro-CD do IIº certame de Teatro radiofónico do «Diario Cultural» da Radio Galega, a oportunidade de ler teatro sen esforzo de pasar páxinas
sequera; non teñen excusa. Xerais agasallounos, tamén, xa para rematar, coa Obra Dramática de Francisco Taxes, un gran libro que merece, en calquera país teatralmente civilizado, algo mási que esta simple nota nunha sorte de resume anual. Un volume imprescindible. Rubén Ruibal