Posts Tagged ‘cabana’

Crítica de “Roseira do teu mencer”

Maio 16, 2008

Isabel Soto pubica en Lg3 unha crítica da nova edición de Roseira do teu mencer, o poemario de Xosé María Álvarez Blázquez que publicamos na colección Merlín. Reproducimos un parágrafo do texto:

En 2008 –a ocasión ben o merece– Xerais actualiza a Roseira nunha nova edición, cos cambios lingüísticos pertinentes consonte á nova normativa e engadíndolle unha serie de materiais que explican tanto o percorrido biográfico de Álvarez Blázquez como a xénese e características do poemario. Por unha banda, o epílogo de Darío Xohán Cabana constitúe un acertado resumo, adaptado ao horizonte de expectativas do lectorado máis novo, da completa reconstrución elaborada en Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (Xerais, 2008). Outro breve texto, tamén da súa man, engádelle atractivo á figura do intelectual, pois deseña del un retrato máis persoal baseado na lembranza. Ademais, neste novo formato da Roseira reprodúcese o texto do fillo do poeta que xa aparecía na edición de 1992 e insírese unha “Cronoloxía” preparada por Manuel Bragado. Manuel Uhía volve ser o encargado de acompañar coa súa lectura en imaxes as composicións de Álvarez Blázquez, anovando a vida dos obxectos e personaxes evocados con ilustracións figurativas en cores vivas.

“Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra”

Maio 10, 2008

En Faro da Cultura desta semana Montse Pena Presas publica unha crítica de Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra, o estudo biográfico e literario preparado por Darío Xohán Cabana.

“Conversas con Darío Xohán Cabana”

Abril 13, 2008

Lucía Garzón publica en Fervenzas literarias unha anotación sobre a súa lectura de Conversas con Darío Xohán Cabana, o libro preparado por J.L. Calvo e Yago Rodríguez Yáñez. Transcribímola:

Galván en Saor, Fortunato de Trasmundi, O cervo na Torre, As aventuras de Breogán Folgueira foron as obras que máis me marcaron de Darío Xohán Cabana na miña infancia e xuventude. Vivín as aventuras e as historias que contaba como se fosen miñas.
Cando vin na miña libraría de Vigo este libro de Conversas con Darío Xohán Cabana non dubidei nin un intre en levármolo a casa, tal vez buscaba desentrañar algúns dos misterios que para min tiñan eses libros que lin de nova, ou tal vez para recrealas sensacións de volver a aqueles anos cando marchaba cedo ó meu cuarto e sobre a cama devoraba estes e outros libros.
O libro comeza cunha sección chama “Vida e Literatura”, onde Darío repasa a súa dura infancia na aldea de Roás, como se vivía daquela, o traballo do campo, os seus primeiros libros, a política, a relación con Alonso Montero ou con Xosé María Álvarez Blázquez… Un repaso á vida cultural, social e política da segunda metade do século XX.
A segunda parte trata da obra poética de Darío, aquí hei de recoñecer que non lin nin Home e terra, Romanceiro da Terra Chá nin outro libro de poesía do poeta lugués. Aínda que os autores deben de coñecela moi ben, porque desgranan polo miúdo a poesía de Darío, e Darío, como bo amante da poesía, deixase preguntar e responde cunha clarividencia asombrosa.
Na terceira parte volta á infancia. Descoñezo a súa poesía pero as súas novelas téñoas moi dentro. Ao igual que na parte dedicada á poesía, os autores inciden profundamente na obra narrativa de Darío. Que tempos! que libros!
A parte de conversas remata co Darío e a súa relación coa tradución, os seus primeiros poemas de autores franceses como exercicio do seu profesor Alonso Montero, a tradución da Divina Comedia de Dante e no proxecto de traducir poetas occitanos no que anda embarcado nestes intres.
Quen gozara cos libros de Darío que merque este libro, quen queira coñecer como era a Galicia post-ditadura que merque este libro.
Eu, polo momento, vou reler Galván en Saor.
Bicos.

Presentación de “Incertos” de Antón Dobao

Abril 9, 2008

O xoves, 10 de abril, as 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago, presentarase Incertos, o volume de relatos de Antón Dobao. No acto participarán Darío Xohán Cabana, Manuel Bragado e o autor.

Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.