Posts Tagged ‘burela’

Dez razóns para ler “Monte Louro”

Xuño 29, 2009

Recollemos un fragmento da intervención que sobre a novelagañadora do Blanco Amor 2009  Monte Louro de Luís Rei Núñez  leu o crítico e profesor Armando Requeixo durante o acto de presentación en Burela, o pasado 30 de maio.

XG00167401…. Cando teñan ocasión de se achegar ás páxinas de Monte Louro descubrirán unha historia fascinante protagonizada por un neno muradán, que logo se fará mozo barcelonés e que acabará por vivir o seu tempo de adulto no Bos Aires dos anos setenta e oitenta do pasado século. As case setecentas páxinas nas que se relata esta intensa peripecia vital agochan en cada recanto moitas e moi fundadas razóns para convencer da necesidade da súa demorada lectura, pero, coa intención de que se deixen atrapar polo engado desta narración, voume permitir agora enunciarlles dez motivos polos cales coidou o xurado que Monte Louro tiña por forza que ser este ano a novela gañadora do certame:

1. En contadas ocasións se ten dado na historia da literatura galega recente a escrita dunha historia onde os personaxes que a poboan fosen caracterizados cunha profundidade psicolóxica tan reveladora, tan certeira, de tanta fondura.

2. Moi poucos escritores de noso poden presumir dun dominio e dunha plasticidade tan abraiante nas descricións e no profundar nas psiques de personaxes de ambos xéneros, facendo cribles por igual as máis diversas vivencias de mulleres e homes de distinta condición, idade e circunstancia.

3. Admira o realismo e a verosimilitude coa que se recrean escenarios, tempos e espazos, demostrando un sorprendente traballo de documentación que tivo que ter presente un lapso de tempo moi dilatado e localizacións moi diferentes.

4. Salienta a habelencia do autor á hora de lograr unha perfecta integración dun abano de personaxes variado e numeroso en moitos feitos paralelos ou sucesivos que se orquestran nunha estrutura superior sólida e coidada.

5. A novela ten a virtude de relatarnos a trama facendo progresar a acción dosificadamente, conseguindo así manter sempre a atención e a tensión narrativas, evitando caer en devalos, reiteracións ou excursos innecesarios.

6. O estilo da prosa é moi elaborado, cun galego vizoso e unha adxectivación e uso de modismos ben acaídos que fan de moitos parágrafos da obra pezas maxistrais polo seu resaibo poético.

7. Os diálogos da novela están instalados nun verismo convincente e en todo momento se fan cribles e recoñecibles.

8. A narración incorpora no seu seo citas e referencias máis ou menos explícitas a moitos e moi variados autores da literatura universal; ora ben, faino dun xeito tal que, lonxe de pedanterías metaliterarias ao uso, acaba por fundir esa tradición en homenaxes ben traídas que serven para tecer unha inconfundible voz de seu.

9. A acuidade e delicadeza coa que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano nesta obra sorprende dende a primeira ata a última páxina. O amor, a morte, a amizade, a loucura, a incomprensión, o medo, a ira, a tristura viven nos personaxes da novela, facéndoos tan humanos e próximos a nós que é inevitable sentirnos retratados neles en maior ou menor medida e recoñecer nas súas vivencias as nosas propias paixóns e debilidades.

E 10. A ambición e o alento que anima unha novela de máis de medio milleiro de planas esixe unha orquestración estrutural e un labor de esmerilado de todas e cada unhas das múltiples láminas que a van engrosando tan grande que só un escritor extraordinariamente dotado é quen de afrontar o reto con posibilidades de éxito. Armando Requeixo

“Monte Louro”, presentación en Burela

Maio 28, 2009

XG00167401O vindeiro sábado, 30 de maio, ás 12:30 horas no salón de plenos do concello de Burela realizarase o acto de entrega do Premio Blanco Amor 2009 e a presentación da novela gañadora, Monte Louro de Luís Rei Núñez.

“Monte Louro” de Luís Rei Núñez

Maio 21, 2009

Monte Louro foi a novela gañadora por unanimidade do premio Blanco Amor de novela 2009, fallado o pasado 4 de abril no concello de Burela. A obra de Luís Rei Núñez xa está no prelo e será presentada o vindeiro 30 de maio, sábado, ás 12:30 no concello de Burela.

XG00167401Unha muller casa e, tras quedar embarazada, é abandonada polo home, ao que idolatra, no tempo da proclamación da República. O fillo criase como un orfiño nun Muros de posguerra de onde tamén el vai acabar dimitindo polo tempo da súa estrea na mocidade. O destino tenlle reservada cita en Barcelona cun nome falso, cunha amante que lle permitirá atisbar a plenitude e, de propina, cun crime que o condena a fuxir para sempre. Provisto dunha nova identidade desembarcará daquela en Bos Aires, onde a experiencia da emigración se verá decontado premiada co éxito e cun grande amor. Monte Louro, o máis poderoso referente xeográfico da infancia, agrándase na memoria como resumo mítico do que no pasado non puido ser e talvez non será xa nunca. Tamén andan ao axexo o complexo de culpa, o desequilibrio e, finalmente, unha baixada ós infernos na que parece que sairá triunfante o Mal. Terá que xurdir o empeño dunha filla cuxa existencia se ignoraba para que moitos anos despois volva semellar posible recompoñer o puzzle roto da vida… Todo isto e moito máis contánolo Rei Núñez nunha novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009, que o acredita como mestre do oficio de escribir, chamada a converterse nun clásico das letras galegas.

Luís Rei Núñez, premio Blanco Amor 2009

Abril 4, 2009

cp67f02795781_102742Acabamos de coñecer que a novela Monte Louro de Luís Rei Núñez é a novela gañadora da 27ª edición do Premio Blanco Amor falado no concello de Burela.  O xurado, formado pola gañadora da edición anterior Inma López Silva; o poeta e doutor en filoloxía galega Emilio Insua; a poeta e xornalista Olaia Cociña; o escritor Santiago Jaureguízar, e o investigador Armando Requeixo, outorgou o premio por unanimidade. Os nosos parabéns para Luis Rei Núñez.

Actualización (05-04-2009):

Anotación de Jaureguizar, membro do xurado: «Luís Rei Núñez gañou o Premio Blanco Amor coa novela Monte Louro, unha pescuda biográfica nun personaxe de ficción entre o Muros dos corenta, a Barcelona dos sesenta e unha Arxentina máis próxima no tempo. »

Actualización (06-04-2009):

Galicia hoxe.

– Cultura Galega.

A Nosa Terra.

La Voz de Galicia.