Posts Tagged ‘armando_requeixo’

Dez razóns para ler “Monte Louro”

Xuño 29, 2009

Recollemos un fragmento da intervención que sobre a novelagañadora do Blanco Amor 2009  Monte Louro de Luís Rei Núñez  leu o crítico e profesor Armando Requeixo durante o acto de presentación en Burela, o pasado 30 de maio.

XG00167401…. Cando teñan ocasión de se achegar ás páxinas de Monte Louro descubrirán unha historia fascinante protagonizada por un neno muradán, que logo se fará mozo barcelonés e que acabará por vivir o seu tempo de adulto no Bos Aires dos anos setenta e oitenta do pasado século. As case setecentas páxinas nas que se relata esta intensa peripecia vital agochan en cada recanto moitas e moi fundadas razóns para convencer da necesidade da súa demorada lectura, pero, coa intención de que se deixen atrapar polo engado desta narración, voume permitir agora enunciarlles dez motivos polos cales coidou o xurado que Monte Louro tiña por forza que ser este ano a novela gañadora do certame:

1. En contadas ocasións se ten dado na historia da literatura galega recente a escrita dunha historia onde os personaxes que a poboan fosen caracterizados cunha profundidade psicolóxica tan reveladora, tan certeira, de tanta fondura.

2. Moi poucos escritores de noso poden presumir dun dominio e dunha plasticidade tan abraiante nas descricións e no profundar nas psiques de personaxes de ambos xéneros, facendo cribles por igual as máis diversas vivencias de mulleres e homes de distinta condición, idade e circunstancia.

3. Admira o realismo e a verosimilitude coa que se recrean escenarios, tempos e espazos, demostrando un sorprendente traballo de documentación que tivo que ter presente un lapso de tempo moi dilatado e localizacións moi diferentes.

4. Salienta a habelencia do autor á hora de lograr unha perfecta integración dun abano de personaxes variado e numeroso en moitos feitos paralelos ou sucesivos que se orquestran nunha estrutura superior sólida e coidada.

5. A novela ten a virtude de relatarnos a trama facendo progresar a acción dosificadamente, conseguindo así manter sempre a atención e a tensión narrativas, evitando caer en devalos, reiteracións ou excursos innecesarios.

6. O estilo da prosa é moi elaborado, cun galego vizoso e unha adxectivación e uso de modismos ben acaídos que fan de moitos parágrafos da obra pezas maxistrais polo seu resaibo poético.

7. Os diálogos da novela están instalados nun verismo convincente e en todo momento se fan cribles e recoñecibles.

8. A narración incorpora no seu seo citas e referencias máis ou menos explícitas a moitos e moi variados autores da literatura universal; ora ben, faino dun xeito tal que, lonxe de pedanterías metaliterarias ao uso, acaba por fundir esa tradición en homenaxes ben traídas que serven para tecer unha inconfundible voz de seu.

9. A acuidade e delicadeza coa que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano nesta obra sorprende dende a primeira ata a última páxina. O amor, a morte, a amizade, a loucura, a incomprensión, o medo, a ira, a tristura viven nos personaxes da novela, facéndoos tan humanos e próximos a nós que é inevitable sentirnos retratados neles en maior ou menor medida e recoñecer nas súas vivencias as nosas propias paixóns e debilidades.

E 10. A ambición e o alento que anima unha novela de máis de medio milleiro de planas esixe unha orquestración estrutural e un labor de esmerilado de todas e cada unhas das múltiples láminas que a van engrosando tan grande que só un escritor extraordinariamente dotado é quen de afrontar o reto con posibilidades de éxito. Armando Requeixo

“Monte Louro”, presentación na Pobra do Caramiñal

Xuño 23, 2009

XG00167401O vindeiro venres, 26 de xuño, ás 20:30 horas terá lugar no Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal a presentación de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do premio Blanco Amor 2009. No acto acompañarán ao autor, Armando Requeixo (crítico), Manuel Bragado (editor), Antón Riveiro (presidente de Barbantia), Encarna González (concelleira de Cultura) e Isaac Maceiras (alcalde da Pobra do Carmiñal). A presentación está organizada por Xerais, a Asociación Cultural  Barbantia e o concello da Pobra do Caramiñal.

“Monte Louro”, presentación en Pontevedra

Xuño 17, 2009

XG00167401Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez, gañadora do Premio Blanco Amor 2009, será presentada o vindeiro xoves, 18 de xuño, ás 20:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, Edificio Café Moderno de Pontevedra. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra e a editorial, participarán Armando Requeixo, Manuel Bragado e o autor.

«Peaxes», crítica en «Faro da Cultura»

Abril 30, 2009

Vi005c30Armando Requeixo publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Peaxes, a novela de Santiago Lopo. Requeixo salienta que esta novela curta «pode ser unha moi agaradable inmersión de lectura na realidade plural e non sospeitada de xentes do común».

[Premer sobre a imaxe para ler a crítica con maior comodidade.]

Luís Rei Núñez, premio Blanco Amor 2009

Abril 4, 2009

cp67f02795781_102742Acabamos de coñecer que a novela Monte Louro de Luís Rei Núñez é a novela gañadora da 27ª edición do Premio Blanco Amor falado no concello de Burela.  O xurado, formado pola gañadora da edición anterior Inma López Silva; o poeta e doutor en filoloxía galega Emilio Insua; a poeta e xornalista Olaia Cociña; o escritor Santiago Jaureguízar, e o investigador Armando Requeixo, outorgou o premio por unanimidade. Os nosos parabéns para Luis Rei Núñez.

Actualización (05-04-2009):

Anotación de Jaureguizar, membro do xurado: «Luís Rei Núñez gañou o Premio Blanco Amor coa novela Monte Louro, unha pescuda biográfica nun personaxe de ficción entre o Muros dos corenta, a Barcelona dos sesenta e unha Arxentina máis próxima no tempo. »

Actualización (06-04-2009):

Galicia hoxe.

– Cultura Galega.

A Nosa Terra.

La Voz de Galicia.

«A batalla do paraíso triste», crítica en «Protexta»

Marzo 29, 2009

pena_protextaArmando Requeixo publica unha crítica en Protexta 09 d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.

«O señor Lugrís e a negra sombra», 2ª edición

Xaneiro 21, 2009

Está chegando as librarías a segunda edición d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela máis recente de Luís Rei Núñez. A novela non só conseguiu o apoio dos lectores e lectoras, que supón esta segunda edición, se non que tamén recibiu dous dos máis importantes premios á obra xa editadas: o Premio da Crítica española 2008 e o Premio Irmandado do Libro ao mellor libro do ano 2007. Así mesmo, os críticos expresaron a súa admiración. Ramón Nicolás escribiu en La Voz de Galicia: «Luís Rei ofrece unha das novelas máis compactas e solventes entre as publicadas entre nós nos últimos tempos.» Pola súa banda, Armando Requeixo escribiu en Faro da Cultura: «… o libro é asemade un mergullo e pleno pulmón nas físgoas submarinas do complexo océano Lugrís.»

xg00116001Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos taram-bainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os cando-rosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

«Os nomes do traidor», crítica no «Faro da Cultura»

Setembro 26, 2008

Armando Requeixo publicou onte no Faro da Cultura unha crítica sobre Os nomes do traidor, a novela de Xurxo Sierra Veloso.