Posts Tagged ‘álvarez_blázquez’

“Xosé María Álvarez Blázquez. Unha fotobiografía”

Setembro 1, 2008

Antón Castro, escritor e xornalista galego afincado en Zaragoza, publica no seu blog unha interesante anotación sobre a Xosé María Álvarez Blázquez. Unha fotobiografía. Recollemos un dos parágrafos do texto:

El libro es estupendo. Quizá las fotos no sean tan buenas como las de otros, pero se percibe el universo de Álvarez Blázquez: su relación con Galicia y el mar, su interés por la poesía medieval, sus juegos literarios (publicó Cancionero de Monfero como si fuese un libro perdido de los trovadores galaico-portugueses, aquellos primorosos poetas a los que quizá no conozca George Steiner; publicó Roseira do teu mencer, en homenaje a su hija Colorín, publicó su obra maestra probablemente: Canle segredo), su curiosidad intelectual, su compromiso con la izquierda, la carga literaria de la estirpe, la relación con sus hermanos, sus historia de amor y complicidad con María Luisa Cáccamo, de ascendencia italiana y tan bella y elegante… Álvarez Blázquez, curiosamente, publicó en 1943 una pequeña novela policíaca en Zaragoza: El crimen de la Isla Verde, que apareció en la revista Letras, 1941.

“A cidade e os días”, crítica

Xullo 10, 2008

O historiador Xosé Antonio López Teixeira publica hoxe no Faro da Cultura unha crítica sobre a edición en galego d’ A cidade e os días, o calendario histórico de Vigo de Xosé María Álvarez Blázquez.

Nova crítica de “Roseira do teu mencer”

Maio 18, 2008

María Navarro publica no especial de Faro da Cultura dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez unha nova crítica sobre a nosa edición recente de Roseira do teu mencer.

Crítica de “Roseira do teu mencer”

Maio 16, 2008

Isabel Soto pubica en Lg3 unha crítica da nova edición de Roseira do teu mencer, o poemario de Xosé María Álvarez Blázquez que publicamos na colección Merlín. Reproducimos un parágrafo do texto:

En 2008 –a ocasión ben o merece– Xerais actualiza a Roseira nunha nova edición, cos cambios lingüísticos pertinentes consonte á nova normativa e engadíndolle unha serie de materiais que explican tanto o percorrido biográfico de Álvarez Blázquez como a xénese e características do poemario. Por unha banda, o epílogo de Darío Xohán Cabana constitúe un acertado resumo, adaptado ao horizonte de expectativas do lectorado máis novo, da completa reconstrución elaborada en Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (Xerais, 2008). Outro breve texto, tamén da súa man, engádelle atractivo á figura do intelectual, pois deseña del un retrato máis persoal baseado na lembranza. Ademais, neste novo formato da Roseira reprodúcese o texto do fillo do poeta que xa aparecía na edición de 1992 e insírese unha “Cronoloxía” preparada por Manuel Bragado. Manuel Uhía volve ser o encargado de acompañar coa súa lectura en imaxes as composicións de Álvarez Blázquez, anovando a vida dos obxectos e personaxes evocados con ilustracións figurativas en cores vivas.

“Xosé María Álvarez Blázquez. Unha fotobiografía”

Maio 14, 2008

Estes días chega ás librarías Xosé María Álvarez Blázquez. Unha fotobiografía, álbum preprado por Alfonso Álvarez Cáccamo. A obra será presentada en Vigo o vindeiro 28 de maio.

A presente obra, coordinada por Alfonso Álvarez Cáccamo, fillo de Xosé María Álvarez Blázquez e o primeiro dos seus biógrafos, recolle un detallado percorrido fotobiográfico (con catrocentas imaxes e fotografías, unha boa parte delas inéditas ata o momento) sobre a peripecia vital e traxectoria literaria da figura homenaxeada o 17 de maio de 2008. Inclúe, ademais a semblanza de Xosé María Álvarez Cáccamo (“Notas para o álbum da vida de Xosé María Álvarez Blázquez”) e o ensaio de Darío Xohán Cabana (“A forxa dun esculcador”). O volume complétase cunha completa cronoloxía e bibliografía de e sobre Xosé María Álvarez Blázquez.

“A cidade e os días”, brillante presentación

Maio 11, 2008

Foi moi brillante o acto de presentación da nosa edición galega d’ A cidade e os días celebrada onte no Museo Marco. En primeiro lugar interviu Manuel Bragado, director da editorial e co-tradutor da obra, xunto a Pablo Sánchez Mato, que glosou a importancia e as características da edición preparada por Xerais e apoiada pola Alcaldía do concello de Vigo. Despois de enmarcar o libro no conxunto da produción literaria de Álvarez Blázquez, Bragado rematou expresando que

“tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna (xa que para o autor, Vigo derrámase dende o Val do Fragoso até o esteiro do Miño) escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto”.

A continuación interviu Alfonso Álvarez Cáccamo, terceiro fillo de Xosé María e autor da Fotobiografía editada por Xerais, que comezou as súas palabras salientando que “esta edición en galego dun libro que estaba presente na nosa casa por todas partes era unha das arelas máis íntimas do meu pai”. Despois de relatar algunhas anécdotas sobre o traballo erudito de Álvarez Blázquez (“Meu pai pertence a unha xeración de tacaños do papel que escribían co bolígrafo BIC vermello”), Alfonso foi debullando algúns dos personaxes vigueses con maior presenza na obra, como Elduayen, Cachamuíña ou Araújo de Lira. Rematou recordando a fidelidade excepcional de don Xosé María cara a súa familia e os seus amigos, “o que non lle impedía manter coa maior firmeza as súas conviccións”.

Lalo Vázquez Gil, actual Cronista Oficial da Cidade de Vigo e amigo e colaborador de Xosé María, comezou as súas palabras sinalando que “o libro era interesantísimo, tanto por presentar un repertorio local de efemérides como por ser o primeiro na historiografía viguesa que o incorpora o sentido moderno da historia, superando amplamente todas as contribucións anteriores”.

Pola súa banda, Ceferino de Blas, director xeral de Faro de Vigo, comezou o seu discurso lembrando que o primeiro de ano de 1959 Faro de Vigo publicaba o primeiro dos artigos dunha serie titulada “Calendario histórico de Vigo” que Xosé María Álvarez Blázquez publicaría diariamente e de forma ininterrumpida no diario decano ao longo de todo ese ano. Ao longo da súa intervención de Blas, recordou a figura de Francisco Leal Insua, director entón de Faro de Vigo que abriu a etapa de directores literarios do periódico (continuada por Cerezales e Álvaro Cunqueiro) que permitiu que nas páxinas literarias publicasen plumas como as do propio Xosé María, Álvaro Cunqueiro, Diego San José, José Espinosa ou Julio Sigüenza.

Pechou a quenda de intervencións Abel Caballero, alcalde de Vigo, que amosou a súa satisfacción pola edición dun libro extraordinario para Vigo e pola colaboración con Edicións Xerais de Galicia.

“Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra”

Maio 10, 2008

En Faro da Cultura desta semana Montse Pena Presas publica unha crítica de Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra, o estudo biográfico e literario preparado por Darío Xohán Cabana.

“Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didáctica”

Maio 7, 2008

Irene Pérez Pintos, profesora de lingua e literatura do IES O Castro de Vigo, preparou Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didáctica un material educativo concibido para unha abordaxe integral nas aulas de ensino secundario da figura homenaxeada este 17 de maio.

A unidade didáctica organízase en seis grandes apartados:

  • A historia de Xosé María Álvarez Blázquez e de todos nós.
  • A historia sociolingüística de Xosé María Álvarez e de todos nós.
  • O amor ás letras nas letras do ADN.
  • A Xeración do 36.
  • A obra literaria de Xosé María Álvarez Blázquez.
  • Escolma de textos.

Cada un dos apartados inclúe textos expositivos e actividades, apoiados por fotografías e pés explicativos.

Xunto con esta unidade didáctica, esta semana tamén poñemos á venda A cidade e os días e a Fotobiografía de Xosé María Álvarez Blázquez completando así a nosa contribución ao ano Xosé María Álvarez Blázquez.

Presentación “A cidade e os días”

Maio 2, 2008

O sábado, 10 de maio, ás 12:00 horas, no Salón de Actos do Marco (príncipe 54) de Vigo presentaremos a nosa edición d’ A cidade e os días de Xosé María Álvarez Blázquez . No acto participarán Alfonso Álvarez Cáccamo (en representación da familia do autor), Lalo Vázquez Gil (Cronista Oficial da cidade de Vigo), Ceferino de Blas (director xeral de Faro de Vigo), Manuel Bragado (director de Edicións Xerais de Galicia) e Abel Caballero (alcalde de Vigo).

“A cidade e os días”

Abril 10, 2008

Por fin, despois de case oito meses de traballo, temos na imprenta a tradución d’ A cidade e os días, o voluminoso calendario histórico de Vigo de don Xosé María Álvarez Blázquez. Consideramos esta edición como un dos fitos máis relevantes na homenaxe nacional que a sociedade galega tributa ao editor de Monterrei e Castrelos. O libro estará nas librarías na primeira semana de maio. Presentamos a cuberta (na que pretendimos emular a realizada en técnica serigráfica na edición príncipe) e transcribimos a nota editorial que preparamos:

Esta edición d’ A cidade e os días, publicada por Xerais en colaboración coa alcaldía do concello de Vigo, rescata para a lingua galega o calendario histórico de Vigo, desenvolto por Xosé María Álvarez Blázquez ao longo de 1959 nas páxinas de Faro de Vigo e publicado, logo, en formato de libro por Ediciones Monterrei en 1960. Unha obra monumental, na que Xosé María ofrece un impresionante fresco histórico de Vigo, desde o burgo de pescadores da Idade Media que foi, pasando polo carácter de porto corsario que abrigou no século XVIII, ao empuxe da abella ribeira que a convertiu na cidade portuaria e industrial de hoxe. Tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna, escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto.