Posts Tagged ‘alvarellos’

Novas críticas no “Faro da Cultura”

Maio 1, 2008

Francisco Martínez Bouzas publica unha nova crítica sobre A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos. Así mesmo, no mesmo espazo de Faro da Cultura hoxe aparecen os textos de Dorinda Castro Soliño sobre Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos e de Laura Caveiro sobre a tradución d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir.

Presentación de “Diario dun pai acabado de nacer” de Henrique Alvarellos

Abril 10, 2008

O venres, 11 de abril, ás 20:00 horas, continuarán as presentacións de Xerais na Feira do libro de Santiago. Nese momento presentarse o libro de Henrique Alvarellos, Diario dun pai acabado de nacer. Manuel Bragado acompañará ao autor no acto, no que serán lidos fragmentos do diario.

O xornalista Henrique Alvarellos comezou este diario íntimo no mesmo intre de saber que ía ser pai. Aquí están as risas, os acenos, as anécdotas, as experiencias e mesmo «as medras» do novo ser, do cambio radical na vida de quen afronta a paternidade. A súa intención era tamén ir reflexionando sobre o papel do pai, esa función que ninguén adoita tratar, deténdose exclusivamente no intransferible labor da nai. Pois ben, aquí, un pai. O pai en primeiro plano, coprotagonista desde os primeiros días da vida do fillo. Durante cinco anos o autor viu medrar o seu fillo e gozou con el, que pasou de bebé a neno. Pero nestes cinco anos foi tamén o tempo en que, inesperadamente, o autor perdeu a seu pai. O resultado desa sacudida, desa contusión son as páxinas deste Diario dun pai acabado de nacer. Páxinas iniciáticas que envolven grandes momentos de ledicia, de ilusión e futuro; a carón dos momentos de desesperanza, de confusión e de dor.