Posts Tagged ‘a_semente_da_nación_soñada’

«A semente da nación soñada»

Febreiro 2, 2009

ferrin70_web1Transcribimos a información de Galicia hoxe sobre A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, o libro que será presentado en Vigo o vindeiro venres, 6 de febreiro, a partir das oito da tarde, no auditorio do Centro Social Caixanova, no seo do acto de homenaxe nacional a X.L. Méndez Ferrín. A obra, coeditada por Sotelo Blanco e Xerais chega ás librarías esta semana.

Para celebrar os setenta anos de Xosé Luís Méndez Ferrín e o setenta aniversario da publicación dunha das súas obras máis emblemáticas, Percival e outras historias, sesenta escritores, activistas e intelectuais reuníronse nun libro que, baixo o título A semente da nación soñada, tracexa un percorrido de longo alento sobre as vertentes dun dos homes que marcou de xeito máis decisivo a Literatura e o nacionalismo galegos nas últimas décadas.

O volume, coordinado por unha comisión de homenaxe na que figuraban desde Sotelo Blanco a Antón Dobao, pasando por Anxo Angueira ou Xosé María García Crego, será presentado o próximo venres, seis de febreiro, no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo. O acto será primeira parte dunha homenaxe que se completa, a partir das dez da noite no Pazo Os Escudos de Alcabre, cunha cea á que está prevista a asistencia de máis de duascentas persoas.

A semente da nación soñada, publicado por Xerais e Sotelo Blanco, a mesma editorial para a que Ferrín dirixe a revista A trabe de ouro, reúne boa parte das persoas que, dalgún xeito, gardan unha estreita relación co escritor. Compañeiros de biografía e de partido –Ferrín é o número un por Pontevedra da Fronte Popular Galega (FPG) nas próximas eleccións autonómicas– especialistas na súa obra, admiradores ou camaradas de institucións como a Academia Galega recompilan recordos, imaxes e poemas para unha obra que é –en palabras dos membros da comisión de homenaxe– «unha mostra de agradecemento e cariño ao amigo Ferrín, que seguindo o ronsel de Murguía e dos que soñaron unha Galicia ceibe e soberana, empeña a súa vida na construción da Nación».

Pero tamén é un tributo ao candidato da Literatura galega ao Nobel, «renovador constante da creación literaria, que desde moi novo anda á caza da olorosa pantera, á caza dun galego radical e puro, descolonizado de castelanismos, que á vez sexa popular e útil para a comuniación da cultura moderna, un idioma válido para todos os galegos e para todos os usos da lingua».

O volúme –de case 600 páxinas– complétase cunha exhaustiva bibliografía que cataloga cronoloxicamente a súa produción literaria, ensaística e científica –realizada por Miguel Anxo Seixas– coa escolla, polo miúdo, dos seus artigos periodísticos, traballo este que desenvolveu Antón Capelán, autor tamén dunha pequena introdución neste apartado.

Entrevista a X.L. Méndez Ferrín

Febreiro 1, 2009

2009-02-08_img_2009-02-01_22_28_53_pag2

Foto J. de Arcos

Fernando Franco publica nas páxinas de Faro de Vigo unha longa entrevista con X.L. Méndez Ferrín, con motivo da homenaxe nacional que se lle renderá en Vigo o vindeiro venres, 6 de febreiro, acto no que se presentará, tamén, o libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Balnco e Xerais.

Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

Xaneiro 25, 2009

cartel_ferrin_okO día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.

Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.