Posts Tagged ‘a_porta_de_mayo’

Entrevista a Gonzalo Moure

Xullo 6, 2009

88d11f3b6e2f799ec1605f85c359a857fd2cb6d7César Lorenzo Gil entrevista n’ A Nosa Terra ao escritor Gonzalo Moure a raíz da publicación d’ A porta de Mayo.  Reproducimos algúns fragmentos dunha conversa moi interesante, onde Moure anuncia que acaba de rematar a súa primeira obra en galego:

Como foi que A porta de Mayo estea en galego –en tradución de Santiago Jaureguizar– e non na lingua orixinal, o castelán?
Este libro ten unha historia singular. Hai 16 anos Tina Blanco, Jaureguizar e máis eu iniciamos un xogo literario que consistía en escribir tres versións sobre o enigma de quén estaba soterrado nunha misteriosa campa na casa da miña familia. Pouco despois Jaureguizar empezou a traballar en El Progreso e distanciámonos os tres. A historia quedou aí e foi tomando outra cor. Converteuse nunha reflexión sobre a miña familia, en cuxa historia está lonxanamente baseada, e cando estivo acabada tanto Tina coma min sabiamos que era un libro distinto. Jaureguizar, para “sentirse” dentro do proxecto, ofreceuse para traducila ao galego e buscarlle editor. Pareceunos fantástico porque é unha novela moi galega e de momento non temos présa por editala en castelán. É un libro que precisa tempo, de ciclo lento, complexo, implacábel e esixente co lector.
XG00138901Definiríao como unha deconstrución da memoria?
É unha historia real metabolizada. Hai certos aspectos da miña familia que literariamente son máis potentes que na novela pero non me considerei con dereito a publicalos. Noutros casos hai só imaxinación. Por exemplo, na novela fálase de que a orixe da familia é un cabaleiro irlandés que chega a Galiza por erro no século XII. Na realidade, o “náufrago” era un baixo nobre asturiano do século XV. Pero na altura de empezar a novela, viaxaramos a Eire para buscar as orixes do meu apelido materno, Trenor, que si é irlandés e pensamos que xunguir Irlanda con Galiza daríalle máis potencia ao relato.

«A porta de Mayo», primeira crítica

Xaneiro 8, 2009

portademayoHoxe, María Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» a primeira crítica sobre A porta de Mayo, a novela de Gonzalo Moure e Tina Blanco.

«O Globo de Shakespeare», presentación en Ribadeo

Xaneiro 2, 2009

xg00153001Mañá, sábado, 3 de xaneiro, as 20:30 horas, na libraría Casa das Letras de Ribadeo, presentarase O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar. No acto o autor ribadense conversará con Gonzalo Moure, co-autor d’ A porta de Mayo.

«A porta de Mayo»

Setembro 27, 2008

Está a piques de chegar ás librarías A porta de Mayo a novela de Gonzalo Moure e Tina Blanco, traducida ao galego por Jaureguizar.

Pódese ganar unha guerra e perder todas as batallas. Pódense gañar todas as guerras e perder todas as batallas dunha familia. Ata a loucura, ata a morte. Una tumba nun prado, acarón dun torreón. Patricio Mayo inventa cada vez unha historia distinta para agachar a súa verdade. Desde o corpo do seu devanceiro, o noble irlandés Patrick O’Mayo que quixo unirse á terceira cruzada de Corazón de León pero se equivocou de costa para desembarcar en Galicia, ata os mortos máis innomeables da guerra civil. A porta de Mayo de Gonzalo Moure e Tina Blanco é a novela que Clara e Manuel escriben sobre sobre o seu devanceiro, o despistado e desmesurado irlandés, mais viven ao mesmo tempo a traxedia final dunha familia condenada á desaparición. E a tumba do prado do torreón, o seu escuro segredo leva a Clara a atoparse con todos os fantasmas dos Mayo. Ata a loucura, ata a morte.