Posts Tagged ‘a_poesía_infantil_no_século_XXI’

«A poesía infantil no século XXI (2000-2008)»

Setembro 8, 2009

Esta semana chega ás librarías A poesía infantil no século XXI (2000-2008), o volume anual da Rede Temática de Investigación ¨LIJMI», que coedita Xerais e a Fundación Caixa Galicia.

XG00158301Os membros da Red Temática de Investigación sobre Literatura Infantil y Juvenil del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), coa colaboración doutros investigadores convidados, reúnen neste volume un conxunto de estudos, destinados fundamentalmente a todos aqueles que desenvolven labores de mediación, centrados na Poesía infantil e xuvenil no século XXI (2000-2008).
Tras dunha introdución teórica na que se repasan a historia e as características que adoitan identificar o xénero, incídese no valor da poesía á hora de educar a sensibilidade, desenvolver a creatividade e fomentar o espírito crítico desde as primeiras idades e deféndese a súa presenza nas aulas mediante unha boa selección de textos que acolla tanto os escritos expresamente para a infancia e a mocidade como aqueloutros cun destinatario universal. A seguir inclúense enfoques panorámicos que abordan o xénero no período estudado nas literaturas castelá, catalá, galega, portuguesa e vasca, co engadido de tres achegas que estudan a poesía no ámbito literario alemán, brasileiro e inglés. O volume inclúe ademais unha selección de poemarios, trece dos cales son obxecto dun comentario pormenorizado, co fin de facilitarlles aos mediadores e mediadoras algunhas claves de aproximación para o seu uso na educación literaria.

O volume será presentado o xoves, 10 de setembro, ás 12:00 horas, no seo das actividades do VIº curso de formación continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora, que se desenvolve ao longo de toda esta na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago.