Posts Tagged ‘a_estrada’

“Lóstregos” de Xosé Neira Vilas premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela

Xullo 27, 2009

Xosé Neira Vilas obtivo o XIV premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela, organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polas colaboracións que ven publicando en El Correo Gallego baixo o epígrafe «Lóstregos». Concesión do premio que coincide coa chegada estes días ás librarías galegas do libro homónimo no que Neira Vilas recolle un centenar destes traballos.

capa_lostregos.inddAparecen neste libro de Xosé Neira Vilas cen textos, outros tantos lostregueos escintilando no espazo e no tempo. Cen variados temas que informan, analizan ou denuncian cuestións que atinxen ao mundo que nos arrodea ou acontecementos pretéritos que dalgún xeito inciden nas nosas vidas. Así, a Amazonia en perigo, a fuxida de cerebros, os dereitos indíxenas, o fogar cubano de Hemingway, o cambio climático, os galegos no canal de Panamá, o centenario de Laxeiro, a defensa da lingua galega, a prensa dos emigrantes, o problema da auga, os biocombustibles, os noventa anos de Mandela… Todo tratado con rigor documental e cunha prosa ben traballada, áxil, precisa, modelo de xornalismo, no que alternan a crónica, a memoria e o afán de expresar en poucas palabras todo o que o autor nos vai contando.

Lóstregos será presentado na Feira do Libro da Coruña o martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, nun acto no que Xosé Neira Vilas será acompañado polo editor Manuel Bragado.

Presentación de dúas obras de Varela Buxán

Abril 22, 2008

O vindeiro sábado, 26 de abril, ás 20:00 horas, presentaremos no Teatro Principal da Estrada Se o sei… non volvo á casa e Taberna sen dono, as dúas pezas de Manuel Varela Buxán, publicadas na colección Biblioteca das Letras Galegas en edición de Xosé Luna. O acto, que comezará coa intervención musical de Manoele de Felisa, contará coa participación de Xosé Luna, Carlos Loureiro, Ramón Nicolás, Manuel Méndez, Manuel Bragado e José Antonio Dono. Ao remate o Grupo de Teatro Coto Manguelo porá en escea a obra Pista ou Peste de Varela Buxán.

A figura de Manuel Daniel Varela Buxán (1909-1986) é a dun dramaturgo galego de obra prolífica que cumpría revisitar a través dunha edición coma a presente. Ofrécense así senllas pezas clave na súa bibliografía: Se o sei… non volvo á casa e mais Taberna sen dono, acompañadas dun estudo crítico e contextualizador, preparado por Xosé Luna Sanmartín, e enriquecidas coa inclusión de abondoso material fotográfico e documental. Co presente traballo preténdese facilitar a accesibilidade aos traballos teatrais de Varela Buxán ao tempo que se lle quere tributar un necesario recoñecemento a ese labor calado, intenso e fundamental que realizou polo noso teatro, tanto na emigración arxentina coma en Galicia.