Xullo 28, 2009
Esta semana chega ás librarías Escapado. Do Monte do Pindo ao exilio, pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luís Lamela, un dos investigadores máis importantes sobre a memoria republicana de Galicia.
Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón de Luís Lamela García quere lanzar a mensaxe de que é moito máis importante recordar que comprender, por que a memoria sempre pode ser verdadeira, aínda que ás veces sexa falsa. Unha novela que quere ser unha crónica na que se mestura a vida e a morte, o pasado e o presente, a realidade e a ficción. Unha obra de lectura engaiolante que enlaza a historia e a memoria, e nas que as relacións temporais están, tamén, unidas por espazos reais: o monte do Pindo, Fisterra e a ría de Corcubión, a illa de San Simón, as frontes da guerra civil española, o exilio francés e americano, o desexado retorno ás raíces do Pindo… Un percorrido pola esperanza perdida e a traxedia dos vencidos dunha guerra civil, a de 1936, que cambiou drasticamente a vida de toda unha xeración ilusionada e apaixonada. Unha traxedia que, polo que a Teófilo Caamaño se refire, o protagonista principal da narración, aínda non terminou.
Escapado será presentado por vez primeira na Feira do Libro de Cee (que se celebrará a mediados do mes de agosto), e xa co comezo da nova tempada literaria, na cidade da Coruña.
Etiquetas: a_coruña, cee, escapado, luís_lamela, novela
Publicado en Crónica, Historia, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Xullo 28, 2009
María Xosé Queizán protagoniza hoxe unha ampla reportaxe de Faro de Vigo na que Fernando Franco fai un interesantísimo percorrido pola súa traxectoria biográfica e literaria. Así mesmo, María Xosé Queizán publica esta semana n’ A Nosa Terra unha columna de opinión sobre Prostitución: clientes e outros homes, libro das sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Etiquetas: a_nosa_terra, águeda_gómez_suárez, faro_de_vigo, fernando_franco, maría_xosé_queizán, prostitución, silvia_pérez_freire
Publicado en Autores, Entrevistas, Socioloxía, Universitaria, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xullo 27, 2009
Ferrín con membros da asociación Arraianos. Foto I. Osorio.
O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín foi nomeado onte «Arraiano Maior» pola asociación Arraianos, no seo dunha festa transfronteiriza que se realizou no día de onte. As nosas beizóns para Ferrín e para os organizadores do merecido recoñecemento.
Etiquetas: arraianos, méndez_ferrín
Publicado en Autores, Noticias, Premios, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xullo 27, 2009
Xosé Neira Vilas obtivo o XIV premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela, organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polas colaboracións que ven publicando en El Correo Gallego baixo o epígrafe «Lóstregos». Concesión do premio que coincide coa chegada estes días ás librarías galegas do libro homónimo no que Neira Vilas recolle un centenar destes traballos.
Aparecen neste libro de Xosé Neira Vilas cen textos, outros tantos lostregueos escintilando no espazo e no tempo. Cen variados temas que informan, analizan ou denuncian cuestións que atinxen ao mundo que nos arrodea ou acontecementos pretéritos que dalgún xeito inciden nas nosas vidas. Así, a Amazonia en perigo, a fuxida de cerebros, os dereitos indíxenas, o fogar cubano de Hemingway, o cambio climático, os galegos no canal de Panamá, o centenario de Laxeiro, a defensa da lingua galega, a prensa dos emigrantes, o problema da auga, os biocombustibles, os noventa anos de Mandela… Todo tratado con rigor documental e cunha prosa ben traballada, áxil, precisa, modelo de xornalismo, no que alternan a crónica, a memoria e o afán de expresar en poucas palabras todo o que o autor nos vai contando.
Lóstregos será presentado na Feira do Libro da Coruña o martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, nun acto no que Xosé Neira Vilas será acompañado polo editor Manuel Bragado.
Etiquetas: a_coruña, a_estrada, lóstregos, premio_manuel_reimóndez_portela, xosé_neira_vilas
Publicado en Crónica, Feiras_do_libro, Noticias, Premios, Presentacións | 3 Comments »
Xullo 27, 2009
Aquí pode escoitarse a conversa que os responsables do Diario Cultural da Radio Galega mantiveron coas sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, autoras da investigación recollida no libro Prostitución: clientes e outros homes.
Etiquetas: águeda_gómez_suárez, diario_cultural, prostitución, radio_galega, silvia_pérez_freire
Publicado en Entrevistas, Radio, Socioloxía, Universitaria, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xullo 24, 2009
Na Feira do Libro da Coruña, que se celebrará nos xardíns de Méndez Núñez, do 1 ao 10 de agosto, Xerais ten programadas as seguintes actividades:
Día 1. Sábado
18.30 O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares do seu libro O sombreiro chichiriteiro e de toda a súa obra.
Día 3. Luns
20.00 Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.
Día 4. Martes
19.30 Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.
21.00 O escritor Xosé Neira Vilas, presenta o seu libro Lóstregos. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.
Día 5. Mércores
18.00 A feira dos nenos. Acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás. Participarán os autores do libro.
20.00 O escritor e xornalista Luis Rei Núñez presenta o seu libro Monte Louro, (Premio Blanco Amor de novela 2009). Xunto co autor, participarán no acto o escritor Xavier Seoane e Manuel Bragado.
Día 6. Xoves
19.00 O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa asinará exemplares do seu libro (Premio Torrente Ballester de novela 2008) A vida do outro.
Día 7. Venres
20.00 Xabier P. Docampo (autor) e Xosé Cobas (ilustrador), asinarán exemplares d‘ O Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia).
Etiquetas: a_coruña, a_vida_do_outro, carlos_reigosa, charo_pita, lóstregos, luís_rei_núñez, manuel_rivas, monte_louro, novela, o_arco_da_vella, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, o_sombreiro_chichiriteiro, premio_blanco_amor, premio_torrente_ballester, xabier_docampo, xosé_cobas, xosé_neira_vilas, xosé_tomás
Publicado en Feiras_do_libro, Presentacións | 5 Comments »
Xullo 24, 2009
Hoxe no seo de Festigal realizaranse as presentacións de dous dos nosos libros da colección de ensaio: ás 18:00 horas O natural é político de Teresa Moure e ás 19:30 Nos camiños do entusiasmo de Goretti Sanmartín. En senllos actos as autoras estarán acompañadas polo editor Manuel Bragado.
Etiquetas: festigal, goretti_sanmartín, nos_camiños_do entusiasmo, o_natural_é_político, santiago, teresa_moure
Publicado en Ensaio, Presentacións | Leave a Comment »
Xullo 22, 2009
Xavier Queipo
Algúns autores destilan as súas novelas coa lentitude coa que madurecen os viños do Porto e ofrcennos así, de cada tanto, unha garrafa de sabores e delicias que se diría extraída das reservas das caves de Vilanova de Gaia. Dez anos de silenzo levou Xelís de Toro no intervalo de producir este Riofero desque nos presentase –no século pasado- os seus Saltimbanquis no Paraíso.
A novela, que varios críticos entroncaron directamente co Corazón da Escuridade de Conrad, por aquilo, supoño, da ascensión do río, que semella ir invadindo corpos e almas dos que por el ascenden, é ao meu parecer unha novela da selva, que ten os seus antecedentes (ou referentes se se prefire) en certas alfaias dos sistemas literarios póximos como Cárcere verde de Xavier Alcalá ou A selva, esa delicia saída da pluma do noso veciño do Sur, Ferreira de Castro ou mesmo Os Rios de Luandino Vieira, xa metidos no mato africano. Tamén hai elementos que a relacionan coas novelas sudamericanas de tema «selvático», de seringueiros e reductores de cabezas como La Vorágine de Jose Eustasio Ribeira, Canaima de Rómulo Gallegos ou aínda Los Pasos Perdidos de Alejo Carpentier. O río polo que ascenden esas personaxes apocalípticas de Riofero, na procura de non se sabe qué, mais sempre na procura de si mesmos, ábrese en centos de veas de auga e así as contén a todas elas e lles rinde homaxe (teña lido o autor as novelas que eu cito ou outras se cadra de temática semellante e non menor interese).
A imaxe de impacto do inicio da novela, telúrica, como saída do alén mundo, que abre o espicho polo que se aventura o escritor-narrador, do que fai xurdir as sombras que nos han acompañar en todo o traxecto do río, ata chegar ao poboado e alí perderse a súa pista nese «final twist» que nos deixa coa dúbida de se aconteceu o que aconteceu o todo é un mal soño. O «desvío final» non o vou rebelar, por unha cuestión de respeito duplo, aos que lean a novela e ao propio autor.
Mais non me resisto a transcribir a imaxe que me impactou ao inicio e que fixo que xa non puidese levantar os ollos da novela. Di así: «Polo medio do río baixaba unha barcaza que, de súpeto, ficou parada, abaneando a estribor e babor, bambeando nese espazo no que se encontran o río e o mar, incapaz de seguir baixando. No medio da barca campaba o mastro fumegante, e nel había un home crucificado co corpo chamizado.» Se esta imaxe non lles dá azos para seguir lendo, pois daquela mellor que non sigan, pois con semellante punto de partida só se pode tratar dunha novela de aventuras e misterio, das que algúns gustan e outros detestan.
Acumúlanse en Riofero elementos clásicos da novela de aventura exótica (algo de Kipling, un pizzicatto de Salgari e por suposto imaxes extraídas de The mission e Apocalypsis Now e unhas pingas de realismo máxico e do «real marabilloso» do que falaba Carpentier) dende o rapaz espelido e arteiro, sabechón e case adulto, curtido na desgraza e se cadra por iso vulnerábel até o aventureiro accidental, perdido nun mundo que o abraia a cada relanzo do río, o temor ao estranxeiro e a negativa a aceptar ser fotografados, as caixas de música que sempre aparecen no intre preciso das lembranzas románticas, e as historias de amores desgrazados, todo iso mesturado con algo de maxía, de antropoloxía cultural, de xeografía económica, botánica de amador e imaxes tiradas de mil filmes de aventuras, configuran un universo de «western de río» ou de novela de fronteira.
A presenza case constante de fantasmas achega o texto a algúns autores africanos da lusofonía (Manuel Rui, Mia Couto, Paulina Chiziane) e a mitoloxía do «saloon» e as bacantes que se namoran do heroe desaparecido e xa mítico no panteón de heroes do río a certa literatura do «Far West» como nas novelas de Karl May ou mesmo das historias do Mississipi como Mark Twain. Tamén aparecen desdobramentos de personalidade e afastamento do real por intermedio de certas substancias alucinóxenas, o que non deixa tamén de ser un clásico nas novelas de aventuras. Se alguén pensa que falta o elemento de amor tan típico das novelas do «Far West» de estranxeiro que chega ao poboado logo de demorada viaxe e se namora da bailarina ou da bacante do «saloon», que por suposto lle corresponde e de como son felices e desgrazados en sucesión de aconteceres e malaria dos sentimentos no podía faltar pois aí está , presente nas lembranzas que se contan do barqueiro, do heroe do río.
No medio de todo isto unha linguaxe de signos que hai que interpretar, que se nos ofrecen como indicadores para a comprensión ou coma linguaxe oculto. O narrador mesmo reflexiona sobre este punto cando afirma: Pensou que a ave que o espertara co seu sangue podía ser un deses sinais que debía entender. Parte da linguaxe oculta que debía desentrañar. A linguaxe que lle abriría as portas do río e o axudaría a entender a sorte do barqueiro».
Xelís de Toro non esquece o elemento investigador, anovador e experimental, tan característico dalgúns do seus traballos anteriores cando fai unha descrición polo miúdo dos encadres das fotografáis que tanto o xornalista (Marques) como o rapaz axudante do barqueiro (Cordel) van tirando no camiño. Elemento que sen acadar unha presenza excesiva axuda a recrear certas escenas descriptivas sen chegar a cansar.
En resumo, unha novelas das que paga a pena ler neste verán á sombra dunha palmeira ou dun piñeiro manso, mentres un se deleita cun cáliz dun viño das reservas das caves de Vilanova de Gaia ou daquela compaña que lles gorente. Que gozen da lectura e do verán dunha novela escrita nesa lingua fantástica, que polo que se vé ten ben máis inimigos dos que merece. A lingua na que escribiu Rosalía, a lingua que ninguén quería.
Bruxelas, xullo 2009
Etiquetas: riofero, xavier_queipo, xelis_de_toro
Publicado en Críticas, Narrativa | Leave a Comment »
Xullo 22, 2009
Foto: Tamara de la Fuente.
A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora da XXª edición do Premio Torrente Ballester, foi presentada onte en Compostela. Acompañaron ao autor o escritor Fermín Bouza e o profesor e comentarista político Xosé Luís Barreiro Rivas.
Camilo Franco en La Voz de Galicia cualificou a obra como «unha novela da xeración da Transición». Pola súa banda, Iago Martínez en Xornal de Galicia salienta que «Reigosa novela o relato “aínda por construír” da Transición». Galicia hoxe titula «O periodista dos moitos egos». El Progreso presenta a novela como «biografía dunha xeración». Europa Press titula «Carlos G. Reigosa acerca al lector a la Transición mediante una crónica “humana” y menos generacional de lo que parece». ABC anuncia que «Carlos Reigosa novela la transición con “A vida do outro”».
Etiquetas: a_vida_do_outro, camilo_franco, carlos_reigosa, el_progreso, europa_press, fermín_bouza, galicia_hoxe, iago_martínez, la_voz_de_galicia, novela, premio_torrente_ballester, xornal_de_galicia, xosé_luís_barreiro_rivas
Publicado en Autores, Narrativa, Premios, Presentacións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xullo 17, 2009
Con motivo da presentación na Feira do Libro de Vigo de Prostitución: clientes e outros homes de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire, Faro de Vigo publica hoxe unha entrevista coa segunda das co-autoras desta investigación pioneira en España.
Etiquetas: águeda_gómez_suárez, prostitución, silvia_pérez_freire
Publicado en Entrevistas, Socioloxía, Universitaria, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xullo 13, 2009
Anxos García Fonte publica en “lg3” unha crítica sobre Monbars o Exterminador, a máis recente novela publicada de Hixinio Puentes, gañadora do Premio Eixo Atlántico de Narrativa galega e portuguesa 2006. Recollemos un dos parágrafos dun texto que cualifica a novela como encadrada dentro do “xénero de aventuras” e de “extraordinaria calidade”:
Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel… mais se hai algo que chama poderosamente a atención nesta nave narrativa é a madeira coa que está feita: un galego popular riquísimo ben embreado de voces e frases dialectais, ese regueiro vivificante nunha literatura que tende a retroalimentarse de si mesma en canto a materiais lingüísticos caendo con frecuencia nunha manía estandarizante empobrecedora. Hixinio Puentes, ben lonxe disto, demostra un dominio lingüístico fóra do común non só na utilización da terminoloxía mariñeira senón tamén na adaptación estilística ao contexto narrativo.
Publicado en Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xullo 13, 2009
Luís Rei Núñez, a partir das 20:30 horas, asinará na Feira doLibro de Vigo exemplares de Monte Louro, a súa máis recente novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009. Coincidindo con esta asinatura, Galicia hoxe publica unha longa entrevista co novelista realizada por Manuel Vidal Villaverde. Recollemos un dos parágrafos da conversa referidos a Monte Louro:
Iniciei a súa escrita co propósito de sempre: indagar na existencia. Nese sentido, en Monte Louro volven aparecer asuntos como a loita pola vida, o amor nas súas diferentes cristalizacións, o desexo de vinganza, a auto-inmolación solidaria, o sentimento de culpa… Todo iso sen deixar de contar o caso dunha infancia real, no Muros dos anos da República e da guerra, e de paso a experiencia da emigración a América, creo que pouco tratada na narrativa galega. Esta historia reclamaba un número xeneroso de páxinas co que, entre outras cousas, quería emendar a plana ós libros anoréxicos desta época de daltonismo moral. En fin, que tras coroar Monte Louro (un Himalaia de andar pola casa), o resultado é unha novela á que eu quero xa tanto coma Expediente Artieda ou O señor Lugrís e a negra sombra, pero que por moitas razóns se vai facer se cadra máis inocultable. E iso acrecenta o orgullo do autor.
Etiquetas: Feiras_do_libro, galicia_hoxe, luís_rei_núñez, monte_louro, novela, premio_blanco_amor, vigo
Publicado en Autores, Entrevistas, Feiras_do_libro, Narrativa, Premios | Leave a Comment »
Xullo 13, 2009
María Reimóndez é entrevistada hoxe en El País a raíz da aparición de Pirata, a súa máis recente novela. Reproducimos varios parágrafos dun texto moi interesante:
Ambientada en el siglo XVIII, su protagonista es una de las mujeres piratas más importantes de la época, Mary Read. Vestida de hombre y tras el nombre de Mark, Mary consigue encontrar su identidad como bucanero. Una búsqueda que, pese a todo, no llega a ser completa. En su historia todavía falta lo que dos de los otros personajes, Anne Bonney y Madame Ébano, le llegarán a aportar. Así, Reimóndez define su obra como “un viaje interior por la identidad”. Recuperando una idea de la ensayista norteamericana Judith Butler, Reimóndez explica que esta historia manifiesta como el género es algo que se construye por la percepción de los demás derivando, en algunos casos, “en una confusión de tu propia identidad”.
Al igual que Mark, Anne también es rescatada de la historia por María Reimóndez. Y lo hace de forma fiel, algo que la diferencia de otras obras ya publicadas en otros ámbitos literarios como el español. Para esto, reproduce fragmentos de lo que se habló en el juicio de Mark Read, presenta la trayectoria de los barcos que atacaron, muestra todo su recorrido vital conservado en los documentos históricos… Y es que a Reimóndez lo que más le gusta del proceso de escribir un libro es la creación de los personajes, porque “eso es lo que marca después el resto”.
Además, advierte que siempre necesita que exista algún desafío, algo que le haga el trabajo interesante. “No puedo escribir cosas que me son muy conocidas, por las que no me tengo que esforzar en crear, ni en recrear, ni en inventar”. Y muchas veces, para conseguir que todo esto funcione, es muy importante la fase de documentación. La autora de Pirata reconoce que invirtió mucho tiempo ojeando documentos históricos con el fin de conocer, por ejemplo, cómo se vivía en los barcos pirata o la relación que los tripulantes tenían entre ellos. “Para la creación de Madame Ébano, me dejé influenciar por textos del 1700 escritos por mujeres negras que hablaban sobre la esclavitud”.
Tal y como ocurre en la novela, Reimóndez considera que el sexismo presente en la literatura envía a las escritoras a los márgenes. “Una manera es diciendo que escribimos ‘literatura de mujeres’ consiguiendo, así, darle menos valor a lo que una escribe. Otra forma es a través de la crítica de nuestros libros, desde los insultos personales, hasta comentarios sobre tu aspecto físico, pasando por poner que es un libro que manifiesta el universo femenino”. Con sus libros como herramienta, la escritora lucense mantiene vivas las esperanzas. “Las escritoras no somos pasivas ante esta serie de cosas. Además, el hecho de hablar de los temas es ya una forma de luchar contra ellos”.
Confiada en que la presentación de su última obra puede ganar mucho en un lugar que tenga que ver con el tema más superficial de su libro, la editorial Xerais está gestionando la posibilidad de que Pirata desembarque en el Aquarium Finisterrae de A Coruña en octubre.
Etiquetas: el_pais_galicia, maría_reimóndez, novela, pirata
Publicado en Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios | 1 Comment »
Xullo 8, 2009
Chega ás librarías esta semana Itinerarios seguindo o río Miño, unha guía de viaxe, concibida por Paco Armada, para percorrer en coche as ribeiras do noso río primeiro.
Desde o seu nacemento, nas estribacións da serra de Meira, en Lugo, ata a súa desembocadura na Guarda, en Pontevedra, regando o 40% do territorio galego, o río Miño, o «pai dos ríos galegos», acubilla un rico e variado patrimonio natural, monumental e cultural. Conta con paraxes «protexidas» como as Insuas do Miño ou con entornos modificados pola man do home, nos diversos encoros que –na maioría dos casos– alteraron importantes ecosistemas naturais. Un río cheo de lendas, que nos falan de teiticieiras e xanas que moraban nas súas augas.
A través dos Itinerarios seguindo o río Miño, Paco Armada, autor desta guía de viaxe, ofrécenos a posibilidade de coñecer e gozar das terras e do patrimonio que se estende a ambas as dúas ribeiras do Miño, incluíndo a parte do territorio na que compartimos o río coa veciña Portugal. Descricións detalladas dos itinerarios, con preto de 1.000 km de percorrido, localidades bañadas polo augas miñotas, monumentos, historia, áreas de esparcemento, excursións a lugares de interese, rutas de sendeirismo… A guía vai nutrida, ademais, de mapas e máis de 400 fotografías que fan deste libro un referente indispensable para o viaxeiro.
Etiquetas: itinerarios_seguindo_o_río_miño, paco_armada
Publicado en Guías_de_viaxe, Natureza, Noticias | Leave a Comment »
Xullo 7, 2009
Esta semana chega ás librarías Pedras de Compostela, a recompilación de textos arredor da historia compostelana asinados por Mercedes Gualteria Pintos Barreiro baixo o alcuño de Aldonza de Praterías. Un fermoso libro de historia local, ilustrado coas fotografías de Manuel G. Vicente.
En Pedras de Compostela, Aldonza de Praterías debulla as súas lembranzas para referirlle á cidadanía os sucesos acaecidos ao longo de séculos en Compostela. Aldonza observou desde finais do século XI a cantos franquearon os limiares da porta do Perdón, na fachada de Praterías, sentido en cada momento o latexo da cidade. Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, a autora de Pedras de Compostela, móvese animada pola esperanza que a cidadanía compostelá redescubra a adúltera pillada en flagrante, esa marabillosa escultura románica da catedral, e que a reincorpore ao seu patrimonio persoal.
Pedras de Compostela reúne sesenta e oito fermosos textos, acompañados de fotografías de Manuel G. Vicente, que percorren a historia de Compostela durante nove séculos e acrecentan o gozo de vivir nesta cidade de pedra. Como afirma José Mª Díaz, Deán da catedral de Compostela, no prólogo, Aldonza –“esa Aldonza feminista precoz, reivindicativa e, por momentos laicista militante”- “debeu de escapar durante moitas noites do seu posto”, tanto para estudar de seu os espazos interiores da Catedral como para atender o paso dos peregrinos ou seguir o desenvolvemento da cidade: traída de augas, fontes, hospitais, institucións docentes, etc.
Etiquetas: aldonza, mercedes_gualteria_pintos, pedras_de_compostela
Publicado en Fóra_de_colección, Historia | Leave a Comment »
Xullo 6, 2009
César Lorenzo Gil entrevista n’ A Nosa Terra ao escritor Gonzalo Moure a raíz da publicación d’ A porta de Mayo. Reproducimos algúns fragmentos dunha conversa moi interesante, onde Moure anuncia que acaba de rematar a súa primeira obra en galego:
Como foi que A porta de Mayo estea en galego –en tradución de Santiago Jaureguizar– e non na lingua orixinal, o castelán?
Este libro ten unha historia singular. Hai 16 anos Tina Blanco, Jaureguizar e máis eu iniciamos un xogo literario que consistía en escribir tres versións sobre o enigma de quén estaba soterrado nunha misteriosa campa na casa da miña familia. Pouco despois Jaureguizar empezou a traballar en El Progreso e distanciámonos os tres. A historia quedou aí e foi tomando outra cor. Converteuse nunha reflexión sobre a miña familia, en cuxa historia está lonxanamente baseada, e cando estivo acabada tanto Tina coma min sabiamos que era un libro distinto. Jaureguizar, para “sentirse” dentro do proxecto, ofreceuse para traducila ao galego e buscarlle editor. Pareceunos fantástico porque é unha novela moi galega e de momento non temos présa por editala en castelán. É un libro que precisa tempo, de ciclo lento, complexo, implacábel e esixente co lector.
Definiríao como unha deconstrución da memoria?
É unha historia real metabolizada. Hai certos aspectos da miña familia que literariamente son máis potentes que na novela pero non me considerei con dereito a publicalos. Noutros casos hai só imaxinación. Por exemplo, na novela fálase de que a orixe da familia é un cabaleiro irlandés que chega a Galiza por erro no século XII. Na realidade, o “náufrago” era un baixo nobre asturiano do século XV. Pero na altura de empezar a novela, viaxaramos a Eire para buscar as orixes do meu apelido materno, Trenor, que si é irlandés e pensamos que xunguir Irlanda con Galiza daríalle máis potencia ao relato.
Etiquetas: a_nosa_terra, a_porta_de_mayo, césar_lorenzo, gonzalo_moure, novela
Publicado en Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xullo 2, 2009
O vindeiro mércores, 8 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes 6) de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do libro de Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado.
Etiquetas: cartas_de_republicanos_galegos_condenados_a_morte, libraría_couceiro, santiago, xesús_alonso_montero
Publicado en Crónica, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Xullo 1, 2009
Tras a presentación de onte en Vigo de Pirata, a súa terceira novela, María Reimóndez é entrevistada por Faro de Vigo (só na edición impresa), Xornal de Galicia e Galicia hoxe.
En Xornal de Galicia, María Reimóndez insiste na idea de que Pirata “non é unha historia de piratas, senón un pretexto para falar doutras cousas. O que me interesaba dende o punto literario era subverter a literatura de aventuras, un xénero habitualmente masculinizado, polo que fixen algo que é en parte unha novela de piratas, e tamén unha novela histórica, pero ten moitas outras facetas”.
Na entrevista en Galicia hoxe, preparada por M. Dopico, Reimóndez presenta Pirata como a busca da propia identidade e todas as loitas que isto implica, encarnada en tres personaxes que se rebelan contra os patróns de comportamento establecidos. “O que máis me fascinou de toda a historia é o tema das identidades, que son fluctuantes, permeables, flexibles. A personaxe principal” -Mark Read- “manifesta como somos o que perciben de nós. É o que di Judith Butler sobre o xénero: que é unha representación. As personaxes demostran como é posible levar unha vida que non é a socialmente esperable segundo o teu xénero, clase social…”, salientou. Malia que a imaxe da portada poida levar a interpretar o contrario, Pirata non é un libro para nenos, nin un relato de aventuras, senón unha obra de personaxes, que a autora estrutura en partes: Azul, Vermello e Negro. “O azul do mar, o vermello do sangue, o negro das bandeiras piratas. Na primeira parte hai máis introspección, na segunda máis acción. O de aventuras é un xénero tipicamente masculino, entón hai un xogo cos libros de aventuras, pero para contar algo totalmente diferente. Para min foi moi divertido escribir esta novela”, asegurou María Reimóndez.
Etiquetas: faro_de_vigo, galicia_hoxe, m.dopico, maría_reimóndez, pirata, xornal_de_galicia
Publicado en Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios | 1 Comment »
Xuño 30, 2009
No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:
Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”
Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”
Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.
Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar. “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”
Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”
Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez. “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”
Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).
Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.
Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.
Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.
Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.
Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.
Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.
Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.
Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.
Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos 🙂
Entre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”. Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.
Etiquetas: agosto_do_36, a_casa_dos_lucarios, a_lúa_dos_everglades, camilo_franco, concubinas, educación_e_paz, elucidario, fernández_paz, gonzalo_navaza, herba_moura, inma_lópez_silva, italo_calvino, jaureguizar, lúa_do_senegal, leocadio_o_león, luís_rei_núñez, magog, maría_gándara, monte_louro, oli, o_barón_rampante, o_globo_de_shakespeare, palabras_contadas, resistencia, riofero, sempre_quixen_bailar_un_tango, teresa_gonzález_costa, teresa_moure, teresa_novoa, xelis_de_toro, xesús_manuel_marcos, xosé_fernández_ferreiro
Publicado en facebook, Narrativa, Noticias, Opinións_lectores/as | Leave a Comment »
Xuño 29, 2009
María Reimóndez presentará mañá, martes 30 de xuño, Pirata, a súa terceira novela. No acto, que terá lugar no salón noble do Club Náutico de Vigo, actuará o cantante Xabier Díaz.
Etiquetas: maría_reimóndez, pirata, vigo, xabier_díaz
Publicado en Narrativa, Noticias, Presentacións | 1 Comment »
Xuño 29, 2009
Isabel Soto publica en “lg3” unha nova crítica sobre o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.
Etiquetas: carlos_negro, isabel_soto, lg3, makinaria
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Poesía, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Xuño 29, 2009
Artigo de X.L. Méndez Ferrín en Faro de Vigo con motivo da elección de Bernardino Graña como membro da Academia Galega e da designación de Uxío Novoneira como figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Unha lectura moi recomendable.
Soemos decer que a Academia certa sempre ao designar a persoa que ha de ser celebrada no Día das Letras Galegas. En realidade o que ocorre é que, a partir do nomeamento da figura representativa anual, moitedume de individuos e grupos se aplican ao labor de diseccionala. Un impulso divulgativo irradia desde as editoriais, centros de ensino, asociacións culturais, comunidades varias e o autor intronizado no Día das Letras Galegas soe converterse no obxecto dunha análise colectiva e multidisciplinar que abraza tamén unha época dada na nosa Historia. Normalmente, e de modo litúrxico e repetitivo, sempre hai uns palermas que se laian de que o Día das Letras Galegas non serve para nada e todas esas cousas. Deus nos libre das xentes da crítica crítica (Marx).
Logo están outros que coidan que negar a existencia de xeracións literarias é cousa obrigada. Xeralmente pertencen a unha tradición que vén desde hai mundos de anos repetindo lugares comúns sen teren lido Petersen nin tan sequera no Fondo da Cultura Económica. Eu agora cadro contente porque a Academia Galega, que segue sen se equivocar, acaba de admitir o Bernardino Graña como individuo de número. Póñolle a “etiqueta” a Bernardino de escritor galego da xeración das Festas Minervais. E estalle moi ben, porque el foi un dos primeiros daquel concurso que, convocado polo SEU de Compostela, quixo resucitar as vellas Festas Minervais nas que o idioma galego cantara coa voz crocitada do corvo de “asas negras” nos chamados (por quen?) Séculos Escuros.
Sei que para algúns non hai xeracións literarias en xeral e a nosa das Festas Minervais carece especialmente de verdadeira substancia. Non digo que non, pero a das Festas Minervais (n´a habendo) foi ben excluída e marxinada alí onde chegaba a man negra do piñeirismo. Por esa razón a tantos importantes escritores galegos a Academia Galega do pasado, zarrapechou as portas de ingreso por eles seren considerados de filiación política sospeitosa de “nacionalismo” ou de “comunismo”. Eu non sei de que diaños podería ser sospeitoso Bernardino Graña, pro o caso é que só o último sábado, e tendo o noso amigo e autor, 77 anos, a Academia chamou por el para ocupar o sitio que merece na Rúa das Tabernas.
Sábado pasado, este cronista foi feliz na Coruña, na Academia, na Rúa das Tabernas. Viviu unha bela sesión na que na Academia resplendeceron as luces de prudencia, da ecuanimidade e da fraternidade corporativa. Bernardino Graña, o altísimo poeta, o mellor artífice e señor das palabras do mar, pasará a integrar a Institución. E, por se fose pouco, o noso irmán Uxío Novoneira, resultou designado figura central do próximo Día das Letras Galega. Novoneira forma parte da mesma xeración literaria ca Bernardino e ca min, aínda que é un dos pouquiños que nunca tomaron parte nunhas Festas Minervais. Durante o ano que vén falarase moito de Novoneira, e falarase no contexto dunha ofensiva dos poderes autónomicos reaccionarios contra a nosa lingua.
Teremos ocasión de tratar nestes asuntos. Non teñan medo. X.L. Méndez Ferrín
Etiquetas: bernardino_graña, ferrín, letras_galegas_2010, uxío_novoneyra
Publicado en Autores, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xuño 29, 2009
Víctor Paz Morandeira publica hoxe en Xornal de Galicia unha entrevista con Luís Rei Núñez, a raíz da publicación de Monte Louro, a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2009.
Etiquetas: luís_rei_núñez, monte_louro, novela, premio_blanco_amor, víctor_paz_morandeira, xornal_de_galicia
Publicado en Autores, Entrevistas, Narrativa, Premios, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xuño 29, 2009
Recollemos un fragmento da intervención que sobre a novelagañadora do Blanco Amor 2009 Monte Louro de Luís Rei Núñez leu o crítico e profesor Armando Requeixo durante o acto de presentación en Burela, o pasado 30 de maio.
…. Cando teñan ocasión de se achegar ás páxinas de Monte Louro descubrirán unha historia fascinante protagonizada por un neno muradán, que logo se fará mozo barcelonés e que acabará por vivir o seu tempo de adulto no Bos Aires dos anos setenta e oitenta do pasado século. As case setecentas páxinas nas que se relata esta intensa peripecia vital agochan en cada recanto moitas e moi fundadas razóns para convencer da necesidade da súa demorada lectura, pero, coa intención de que se deixen atrapar polo engado desta narración, voume permitir agora enunciarlles dez motivos polos cales coidou o xurado que Monte Louro tiña por forza que ser este ano a novela gañadora do certame:
1. En contadas ocasións se ten dado na historia da literatura galega recente a escrita dunha historia onde os personaxes que a poboan fosen caracterizados cunha profundidade psicolóxica tan reveladora, tan certeira, de tanta fondura.
2. Moi poucos escritores de noso poden presumir dun dominio e dunha plasticidade tan abraiante nas descricións e no profundar nas psiques de personaxes de ambos xéneros, facendo cribles por igual as máis diversas vivencias de mulleres e homes de distinta condición, idade e circunstancia.
3. Admira o realismo e a verosimilitude coa que se recrean escenarios, tempos e espazos, demostrando un sorprendente traballo de documentación que tivo que ter presente un lapso de tempo moi dilatado e localizacións moi diferentes.
4. Salienta a habelencia do autor á hora de lograr unha perfecta integración dun abano de personaxes variado e numeroso en moitos feitos paralelos ou sucesivos que se orquestran nunha estrutura superior sólida e coidada.
5. A novela ten a virtude de relatarnos a trama facendo progresar a acción dosificadamente, conseguindo así manter sempre a atención e a tensión narrativas, evitando caer en devalos, reiteracións ou excursos innecesarios.
6. O estilo da prosa é moi elaborado, cun galego vizoso e unha adxectivación e uso de modismos ben acaídos que fan de moitos parágrafos da obra pezas maxistrais polo seu resaibo poético.
7. Os diálogos da novela están instalados nun verismo convincente e en todo momento se fan cribles e recoñecibles.
8. A narración incorpora no seu seo citas e referencias máis ou menos explícitas a moitos e moi variados autores da literatura universal; ora ben, faino dun xeito tal que, lonxe de pedanterías metaliterarias ao uso, acaba por fundir esa tradición en homenaxes ben traídas que serven para tecer unha inconfundible voz de seu.
9. A acuidade e delicadeza coa que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano nesta obra sorprende dende a primeira ata a última páxina. O amor, a morte, a amizade, a loucura, a incomprensión, o medo, a ira, a tristura viven nos personaxes da novela, facéndoos tan humanos e próximos a nós que é inevitable sentirnos retratados neles en maior ou menor medida e recoñecer nas súas vivencias as nosas propias paixóns e debilidades.
E 10. A ambición e o alento que anima unha novela de máis de medio milleiro de planas esixe unha orquestración estrutural e un labor de esmerilado de todas e cada unhas das múltiples láminas que a van engrosando tan grande que só un escritor extraordinariamente dotado é quen de afrontar o reto con posibilidades de éxito. Armando Requeixo
Etiquetas: armando_requeixo, burela, luís_rei_núñez, monte_louro, novela
Publicado en Narrativa, Opinións_lectores/as, Premios, Presentacións | 3 Comments »
Xuño 27, 2009
Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!
Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.
Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).
No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).
Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.
E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).
Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.
Etiquetas: acendede_as_almenaras, bernardino_graña, conversas_con_bernardino_graña, fins_do_mundo, heitor_mera, oso_mimoso, o_gaiteiro_e_o_rato_pérez, o_quirico_lambón, protoevanxeo_do_neto_de_herodes, rafael_fernández_lorenzo, rata_linda_de_compostela
Publicado en Autores, BLG, Crónica, Entrevistas, Homenaxes, Infantil, Merlín, Narrativa, Noticias, Poesía, Teatro | 2 Comments »
Xuño 27, 2009
En Xerais recibimos con enorme satisfacción a designación por parte da Academia Galega do poeta Uxío Novoneyra como figura homenaxeada o 17 de maio de 2010. Recoñécese así a traxectoria do autor d’ Os Eidos como unha das fulcrais da poesía galega do século XX.
Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, Courel, 1930-Santiago, 1999) fillo dunha familia de labregos, terá na súa terra natal o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (Xerais 1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ata a súa morte no ano 2000. Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Etiquetas: letras_galegas_2010, os_eidos, uxío_novoneyra
Publicado en Autores, BLG, Homenaxes, Noticias, Poesía | 3 Comments »
Xuño 27, 2009
Montse Penas publica no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica tras a aparición do poemario de Carlos Negro Makinaria dentro da colección xuvenil Fóra de Xogo. Baixo o título de «Poesía para a mocidade: a virazón do aire», Montse Penas ofrece un texto no que reflexiona sobre o indubidable interese da mocidade pola lectura de poesía, ao tempo que considera o poemario de Carlos Negro como «unha ventada de aire fresco».
Etiquetas: carlos_negro, makinaria, montserrat_pena_presas, nós, xornal_de_galicia
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Poesía, Xerais_nos_medios, Xuvenil | 1 Comment »
Xuño 26, 2009
O vindeiro martes, 30 de xuño, ás 20:30 no salón noble do Club Náutico de Vigo presentarase Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Acompañarán á autora o editor Manuel Bragado e o cantante Xabier Díaz.
Etiquetas: maría_reimónde, pirata, vigo, xabier_díaz
Publicado en Narrativa, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Xuño 25, 2009
Mañá, 26 de xuño, ás 12:00 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro presentarase Makinaria, o poemario máis recente de Carlos Negro. No acto o autor estará acompañado por Fran Alonso.
Etiquetas: carlos_negro, dodro, makinaria
Publicado en Fóra de Xogo, Noticias, Poesía, Presentacións | Leave a Comment »
Xuño 25, 2009

Foto El Ideal Gallego
A vida do outro de Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008, foi presentado no día de onte en roda de prensa na sede da Deputación da Coruña. Nesta anotación enlazamos toda a información recollida nos medios.
- “Un espello no que atopar o rostro” (Galicia Hoxe)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro a través de Xerais” (La Opinión)
- “Carlos G. Reigosa presenta la novela A vida do outro, ganadora del vigésimo Premio Torrente Ballester” (La Voz de Galicia)
- “Sae ao mercado o último premio Torrente Ballester” (El Ideal Gallego)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro de Carlos G. Reigosa” (El Correo Gallego)
- “Reigosa: A vida do outro é unha novela sobre o que a Transición fixo en nós” (Diario de Ferrol)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro de Carlos G. Reigosa” (Xornal.com)
Etiquetas: a-coruña, a_vida_do_outro, carlos_reigosa, diario_de_ferrol, el_correo_gallego, el_ideal_gallego, galicia_hoxe, la_opinión, la_voz_de_galicia, premio_torrente_ballester
Publicado en Entrevistas, Narrativa, Premios, Presentacións, Xerais_nos_medios | 2 Comments »
Xuño 24, 2009
Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.
Día 10 venres, ás 19,00 horas:
Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.
Día 11 sábado, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.
Día 13 luns, ás 20,30 horas:
Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).
Día 15 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.
Día 16 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.
Etiquetas: águeda_gómez_suárez, cartas_de_republicanos_galegos_condenados_a_morte, enrique_vázquez_pita, Feiras_do_libro, fernández_paz, lúa_do_senegal, luís_rei_núñez, monte_louro, paula_fernández, prostitución, sansón_troleyro, silvia_pérez_freire, vigo, xesús_alonso_montero
Publicado en Crónica, Fóra de Xogo, Feiras_do_libro, Narrativa, Noticias, Premios, Sopa de Libros, Universitaria, Xuvenil | Leave a Comment »
Xuño 24, 2009

Foto EFE
No día de onte, nunha cerimonia celebrada en Teruel e presidida polos príncipes de Asturiais, Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz recibiron cadanseu premio nacional, o primeiro na categoría de ensaio, por De provincia a nación. Historia do galeguismo político, e o segundo na de literatura infantil, por O único que queda é o amor.
Etiquetas: fernández_paz, justo_beramendi, premio_nacional_de_literatura_infantil, premio_nacional_ensaio
Publicado en Noticias, Premios | Leave a Comment »
Xuño 23, 2009
O vindeiro venres, 26 de xuño, ás 20:30 horas terá lugar no Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal a presentación de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do premio Blanco Amor 2009. No acto acompañarán ao autor, Armando Requeixo (crítico), Manuel Bragado (editor), Antón Riveiro (presidente de Barbantia), Encarna González (concelleira de Cultura) e Isaac Maceiras (alcalde da Pobra do Carmiñal). A presentación está organizada por Xerais, a Asociación Cultural Barbantia e o concello da Pobra do Caramiñal.
Etiquetas: antón_riveiro, armando_requeixo, luís_rei_núñez, monte_louro, pobra_do_caramiñal
Publicado en Narrativa, Noticias, Premios, Presentacións | Leave a Comment »
Xuño 23, 2009
O club de lectura Gálix Tendendo Redes remata a súa primeira andaina de actividades cun programa arredor da novela Festina lente de Marcos Calveiro, organizado en colaboración coa asociación Amigos del Románico.
As actividades inícianse o día 2 de xullo no Consello da Cultura Galega, cunha lectura colectiva da novela a partir das 17:00 horas e cunha conferencia, a partir das 19:00 horas, de Carlos Sastre, experto en iconografías medievais, renacentistas, modernas e contemporáneas establecerá as claves entre arte e literatura ao longo da Historia.
O día 4 de xullo, sábado, desenvolvarase unha xornada artístico-literaria polos escenarios de Festina lente en Santiago de Compostela, así como cunha actividade de Bookcrossing, patrocinada por Edicións Xerais de Galicia, na que se deixarán en variados escenarios da zona vella de Santiago de Compostela exemplares da novela de Calveiro e doutras tanto dos autores escollidos este ano no club de lectura como doutros pertencentes á literatura xuvenil galega. Rematará a xornada cun recital poético que leva como lema “Canteiro en Compostela”, no cal moitas das nosas poetas e moitos dos nosos poetas labrarán con palabras a beleza da cidade pedra.
Para participar nas actividades do día 4 de xullo cómpre inscribirse enviando un correo a galix@galix.org, anxelagracian@hotmail.com, tuiverde@gmail.com ou tendendorredes@gmail.com
Aconsellamos baixar o programa en pdf dende aquí.
Etiquetas: compostela, festina_lente, gálix, marcos_calveiro, novela, santiago
Publicado en Clubs_de_lectura, Historia, Narrativa, Noticias | 2 Comments »
Xuño 23, 2009
O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.
Etiquetas: alfonso_álvarez_gándara, carlos_núñez, cartas_de_republicanos_galegos_condenados_a_morte, marco, vigo, xesús_alonso_montero
Publicado en Crónica, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »