1986, IIIº Premio Xerais
Vigo, 15 novembro de 1986
A grande novidade desta edición dos Xerais foi a convocatoria do Premio Merlín de literatura para nenos, dotado con 250.000 pesetas, co que a editorial pretendía fomentar a creación literaria especificamente dirixida ao lector infantil.
Dezaseis novelas foron presentadas á terceira edición do Xerais, das que resultou gañadora No ano do cometa, presentada polo escritor de Marín Xoán Bernárdez Vilar, coñecido ata entón polas súas novelas históricas, especialmente a titulada Un home de Vilameán. No ano do cometa, novela histórica, tamén, moi ben estruturada e documentada, con momentos moi logrados e final aberto, reproduce a conquista de Inglaterra polos normandos en 1066, coincindindo coa aparición do cometa Halley nese mesmo ano. Foi caracterizada polos críticos como “un xeito de devolvérnos o pasado nunha fición engaiolante”. Foi reeditada na colección “Narrativa” de Xerais, sendo revisada e actualizada totalmente polo autor.
Xurado III Premio Xerais de Novela: Xesús Alonso Montero, Luís Cochón, Salvador García Bodaño, Anxo Tarrío Varela, Mª do Carmo Kruckenberg, Luís Mariño (secretario sen voto)
Úrsula Heinze foi a gañadora, entre 25 orixinais presentados, da primeira
edición do Merlín coa obra A casa abandonada, unha magnífica novela das aventuras de tres irmáns que dende a súa primeira edición obtivo unha grande acollida entre os lectores máis novos.
Xurado I Premio Merlín de Literatura para Nenos: Valentín Arias López, Víctor F. Freixanes, Agustín Fernández Paz, Miguel Vázquez Freire, X. L. Méndez Ferrín (secretario sen voto)
Deixar unha resposta