1985, IIº Premio Xerais
Vigo, 9 novembro de 1985
Nesta segunda edición, dobrouse a dotación do premio, acadando o millón de pesetas, converténdose daquela no premio literario de maior contía dos convocados en Galicia.
Participaron quince novelas, entre as que o xurado decidiu premiar por unanimidade á presentada baixo o lema “Imago noctis”, logo titulada As horas de cartón, da que resultou ser autor o estudiante lugués, Lois Xosé Pereira. O xurado valorou da novela “o interese do argumento e dos personaxes, o ritmo e a tensión narrativa que domina a obra e que consigue transmitir ao lector a interioridade psicolóxica do seu protagonista e o seu mundo afectivo no marco da nosa historia recente”.
As horas de cartón mereceu o Premio da Crítica Galega do ano 1986 e foi recibida con entusiasmo polos críticos que subliñaron a vocación renovadora dunha obra caracterizada pola profundidade coa que o autor, de só vinte anos, enfocaba á protagonista: Clara, unha muller de corenta e cinco anos que, presenciando polo televisor o enterro de Franco, evoca toda a súa existencia.
Xurado II Premio Xerais de Novela: Xosé Luís Franco Grande, Anxo Tarrío, Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo e Luís Mariño (secretario sen voto)
Deixar unha resposta