Archive for the ‘Poesía’ Category

«Non son de aquí», palabra e lugar

Xaneiro 3, 2009

Iago Castro Buerguer publica hoxe no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia esta crítica sobre o poemario Non son de aquí de María do Cebreiro.

xg00161401Que nada lle sexa alleo: velaquí o principal e máis ambicioso compromiso de María do Cebreiro co poema, como volve demostrar co libro de recente publicación de Non son de aquí (Xerais). «A poesía é o gran milagre do mundo!», escoitoulle un día María a Pimentel, e entón a decidida exploradora do verso deu en peneirar palabras, discursos, recordos e todo canto lle puidese ser descoñecido ao poema –inxente traballo malia tanta historia–. E tamén procurou xeografías de seu: Santiago de Compostela, Lisboa, Sintra, Madrid, Granada, A Coruña, Biscaia, Ámsterdam, Bangor… porque a única ilusión posible de dominar as palabras é ligalas a un espazo. Mais, que son os lugares senón alí onde situamos a memoria?

A casa poética de María do Cebreiro non ten paredes. Tirounas para ir na busca desesperada das palabras que foron as súas algunha vez e que sabe perdidas. Pódese pasar sen chamar e estar ben a gusto cos poemas que só caben nos seus libros. pero ollo, a súa poesía non se pode confinar, cómpre levala canda nós. É de vento. Non é de aquí. Lendo os seus versos estamos condenados a ser libres. Iago Castro Buerguer.

María do Cebreiro no «Diario Cultural»

Decembro 21, 2008

cebreiro-320x200O pasado xoves, 18 de decembro, María do Cebreiro foi entrevistada no Diario Cultural con motivo da aparición do seu poemario Non son de aquí.

«Reversos», crítica no «Faro da Cultura»

Novembro 27, 2008

reversosfaro

Román Raña publica hoxe no Faro da Cultura a primeira crítica sobre Reversos, o derradeiro poemario de Ramiro Fonte. Recollemos algúns anácos deste importante texto:

xg00161101Arriscada, arriscadísima a poesía última de Ramiro Fonte. Seguindo a súa persoal predilección, o noso poeta iniciou hai anos un camiño de mergullo na nosa tradición poética, unha busca das orixes, unha procura da depuración expresiva. Consecuencia disto, Reversos, supón a culminación desta viaxe, agora xa definitiva.

[…]

Aquí temos o seu último legado, esta colección coherente de textos breves, de poesía rimada moi particularmente influenciada por Rosalía de Castro, por Ramón Cabanillas, por Rubén Darío, mais tamén non o esuezamos, por Amado Carballo e, en última instancia, polo grande Baudelaire. Todo o século XIX en pleno acode á nosa mente cando lemos estes poemas.

[…]

Cando se ama, a mesma morte sabe que non hai morte, que a natureza e poesía son e serán sempre hálito de resurrección.

Ramiro Fonte, traxectoria poética en «Luces»

Novembro 1, 2008

Daniel Salgado publica no «Luces» de El País Galicia desta semana unha interesante reportaxe sobre a traxectoria poética de Ramiro Fonte.

«Reversos. (Días adiados)», derradeiro poemario de Ramiro Fonte

Outubro 16, 2008

Chegan do prelo os primeiros exemplares de Reversos. (Días adiados), o derradeiro poemario do poeta Ramiro Fonte, falecido o pasado sábado, 11 de outubro.

Continuando co ciclo de poemas complementarios de formas clásicas, recompilado en A rocha dos poscritos (Xerais 2005), Fonte ofrece un libro memorable. Escrito, na súa maior parte, durante a súa estancia en Cataluña, durante a primavera pasada cando se reconstruía corporal e espiritualmente, foi revisado por el o pasado mes de setembro.

Cento quince poemas, onde o autor xogando cunha prolífica secuencia de formas, nas que se emparella o culto e o popular, volve a demostrar as simetrías entre o clasicismo e a modernidade que caracterizou toda a súa obra.

«Bertiño Rompetodo», primeira crítica

Setembro 18, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura a primeira crítica de Bertiño Rompetodo, o álbum escrito por Ramón Caride e ilustrado por Chus Ferrín, publicado na colección «Merliño».

“PAlAbrAs brAncAs”, presentación en Pontevedra

Xuño 25, 2008

Mañá, xoves, ás 20,00 presentarase na Galería Sargadelos de Pontevedra PAlAbrAs brAncAs o poemario de Elvira Riveiro, ilustrado por Fino Lorenzo e publicado na colección Merlín. O acto está organizado pola asociación Máislibros.

«Hordas de escritura», nova crítica

Xuño 19, 2008

María Xesús Nogueira publica en lg3 unha crítica de Hordas de escritura, o último poemario de Chus Pato. Recollemos un fragmento:

O poemario ten como eixe central a propia linguaxe poética. A reflexión levada a cabo sobre o discurso anticípase xa nun título onde se combina o salvaxe e o primitivo (as hordas) co código (a escritura). Hai polo tanto unha importante dimensión autopoética neste libro que se pregunta «que sorte de tecnoloxía é o poema» no que «o eu é un innumerábel que multiplica e se descentra».

“Palabras brancas”, crítica

Xuño 5, 2008

Paula Fernández publica na súa sección do Faro da Cultura, dedicada ao seguimento crítico da literatura infantil, un texto ben fermoso sobre Palabras brancas, o poemario de Elvira Riveiro.

“Hordas de escritura”, no “Faro da Cultura”

Abril 17, 2008

Crítica de Armando Requeixo en Faro da Cultura de Hordas de escritura, o poemario de Chus Pato.

Entrevista a Chus Pato

Abril 13, 2008

A publicación de Hordas de escritura, o máis recente poemario de Chus Pato, suscitou esta entrevista publicada en Galicia hoxe.

Eis para a escritora ourensá o sentido deste seu libro: “A cultura que recibimos nega á besta: non queremos ser animais. Danos medo sabernos animais porque a animalidade é o indicativo da morte: somos mortais porque somos animais. Por iso, abrazamos ese tópico de que o humano é a mediación entre o animal e a divindade. Cando falamos, nos facemos civilizados, parece que escapamos á morte, pero é a costa de anular a animalidade… Eu penso que hai algo que rescatar desa animalidade. Somos animais, fillos da terra, do cosmos. Se non nos conectamos con todo iso, camiñamos cara á destrución. Somos animalidade e linguaxe. Carne e linguaxe”.

Houbo unha morte e a morte entrou no amor; finalmente produciuse unha mudanza na escritura. Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. Pero, cando o poema se compón, só lle é fiel a súa propia cicatriz; esa é a lei e a gravidade do texto. Un libro importante dunha das máis abisais, mutantes, imprescindibles e rupturistas escritas do panorama poético contemporáneo.