Archive for the ‘Narrativa’ Category

Fran Alonso, entrevista Premios Xerais 2009

Xuño 15, 2009

Rexina Vega, entrevista Premios Xerais 2009

Xuño 15, 2009

Luís Rei Núñez nos Premios Xerais 2009

Xuño 10, 2009

Luís Rei Núñez, autor de Monte Louro, obra gañadora do Premio Blanco Amor 2009, fala dos Premios Xerais, da súa última novela e das posibles semellanzas temáticas que esta puidese ter con Sol de Inverno, a obra de Rosa Aneiros gañadora deste Xerais 2009.

Premios Xerais 2009, falan Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano

Xuño 9, 2009

Rosa Aneiros, primeiras entrevistas

Xuño 8, 2009

Rosa Aneiros, a gañadora tanto do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura Xuvenil 2009 por Ás de bolboreta como do Xerais de Novela 2009 por Sol de Inverno, realizou as primeiras entrevistas para os medios. Recollemos as que fomos localizando.

2009060819450238589

«Sol de Inverno» de Rosa Aneiros, premio Xerais 2009

Xuño 8, 2009

O xurado da 26ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e cinco obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

Na novela gañadora do Premio Xerais 2009, desde a ventada e afastada aldea de Antes, unha voz narrativa en segunda persoa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato. O xurado no texto de xustificación da súa decisión sinalou que “esta é unha longa novela que emociona, unha novela comprometida, densa, que se arrisca cun tema xa tratado e que sae indemne para debuxar o periplo vital dunha fascinante personaxe que, desde os trece anos que ten ao comezo, se move baixo o motor da paixón: Inverno. Inverno, que é a protagonista, habita, empuxada polos designios da historia, diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes –nada máis que trinta lumes a comezos de 1936– a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias do exilio en Francia, ao emblemático Ipanema que viaxa con destino a México; ao longo exilio cubano –onde nos atopamos coa emigración e cos descendentes dos cimarróns–; á revolución castrista; e mesmo á viaxe a un París marcado polos estudantes do maio do 68. Sen dúbida, a narración responde ao pulso da historia, pero tamén á rebeldía dos seus personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.”

_Rosa_02A novela, de profunda instrospección nos protagonistas e no deseño dos ambientes, constrúe un mundo simbólico, máxico, riquísimo en referentes, a través do que pululan seres entrañables, que nos conmoven, e tamén persoas reais, como Castelao, Carmen Muñoz ou Rafael Dieste. Deste xeito, apaña o fío da tradición literaria galega este longo relato de pulso vagoroso, meditado, que reborda nun río de historias que nunca nos deixan indiferentes. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno ten que lamber unha e outra vez coma un pesadelo, é a que vai erguendo as sólidas paredes desta novela que, de seguro, engaiolará desde a primeira páxina, desde a dedicatoria inicial a Silvia Mistral.

Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o premio Xerais, que “nesta novela quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retronar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia”. Rematou Rosa Aneiros salientando que “Inverno é un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios”.

Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano, Premios Xerais 2009

Xuño 6, 2009

_DSC0036Despois da súa última deliberación, o xurado da XXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.

Pola súa banda o xurado da IVª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.

Por último, o xurado da XXVIª edición do Premio Xerais de novela despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

A cerimonia de entrega, na que participan máis de trescentas persoas, estase celebrando na illa de San Simón podendo ser seguida dende Blogaliza.tv.

Xerais, novidades do mes de xuño

Xuño 5, 2009

Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.

XG00164001Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez.  Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.

Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.

XG00157101Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil,  ilustrada por Rodrigo Chao.

Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.

Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.

XG00163901Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.

Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.

«Peaxes» recomendada por Trafegando ronseis

Xuño 2, 2009

Trafegando ronseis publica unha anotación recomendando a lectura de Peaxes, a novela de Santiago Lopo.

Capa_PeaxesNon me disgustou nada este libro de Santiago Lopo, Peaxes, que desenvolve unha idea na que supoño tod@s temos cavilado nalgún momento cando pagamos na autoestrada, aínda que cae nalgúns tópicos (topiquísimos) e se deixa levar polas boas intencións con algúns trazos de denuncia que non chegan a medrar; aínda así, unha novela curta de fácil lectura e trato agradable que sintoniza cun día a día dun traballador da peaxe que prefire non tolear dentro do seu cubículo maxinando a vida daqueles e daquelas que pola súa ventá pasan cada día. Curiosa resulta a maneira de introdución de cada novo capítulo cun anaco tirado de cancións que supostamente as personaxes escoitan nos seus coches e das que se nos dará ao final do libro unha perfecta relación, pero que case podemos escoitar nós tamén -de coñecérmolas- coa lectura; unha música diferente segundo sexa quen conduce o coche: unha información decisiva sobre as súas personalidades. Quizais o peor sexa o final: un final marabilloso case de conto de Disney. Pero unha lectura agradable para unha hora de descanso antes de coller a estrada.

“Case perfecto”, premio Sarmiento 2009

Xuño 2, 2009

XG00126201A novela Case perfecto de Marina Mayoral foi a gañadora do premio Frei Martín Sarmiento na categoría de obras para persoas adultas. Este premio é outorgado polos equipos de normalización lingüística dos centros da FERE en Galicia. Os nosos parabéns para os organizadores e para Marina Mayoral, a gañadora.

Finalistas dos Premios Xerais 2009

Maio 29, 2009

Reunido, hoxe 29 de maio, no castelo de Soutomaior, o xurado da XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que participaron corenta e cinco obras,  formado por Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».

Pola súa banda, o xurado da IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que participan dezanove obras,  formado por Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».

O xurado da XXIV edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que participan vinte e catro obras, formado por Rosana Estévez (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».

O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 6 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón.

“O ‘Salto do Can” en “Galicia hoxe”

Maio 28, 2009

Coincidindo coa presentación hoxe en Ferrol d’ O ‘Salto do Can, M. Dopico publica en Galicia hoxe unha reportaxe entrevista sobre esta primeira novela de Jorge Llorca. Recollemos un fragmento das declaracións de Llorca sobre o sentido dunha novela na que os seus personaxes comparten os fracasos, mais non desisten da súa capacidade de soñar.

XG00164201A reivindicación do potencial, da posibilidade de chegar a realizarse

“A vida é unha degradación que vai da enormidade potencial do ser, á insignificancia final do produto”. É unha frase dun dos personaxes, que apunta á cerna da novela. “A árbore acaba sendo lapis, pero co lapis pódese escribir ou debuxar cousas marabillosas… Facer falar así aos personaxes é tamén un xeito de facer reflexionar ao lector… Non quixen facer ningunha tese, nin unha novela costumista como tantas que hai sobre a época. Só quixen falar duns personaxes que, malia a frustración, e o ambiente cruel e desapiadado que agocha unha sociedadede que tenta parecer piadosa e caritativa, resisten, teñen sentimentos, soños e aspiracións. Falan dos demais para esquecer as propias miserias…, ninguén fala sen querer que o escoiten, pero tamén se entenden… Non son personaxes normais, no sentido de que teñen un punto de loucura, porque cadaquén ten unha parte que non ten que ser a que amosa: uns soños… A pantasma é un espectro do que quería ser…”, afirma o autor. Os ambientes, os lugares, a psicoloxía dos personaxes, están descritos con detalle. “Si hai realismo niso. É un xeito de completar a visión dese tempo…”, di.

Homenaxe á Cidade da Liberdade

Maio 25, 2009

2009052322312888271Foi un espectáculo literario-musical dunha emotividade cativante. A verdade é que Rivas, ademais de saber escoller ben os seus artistas colaboradores (que foron un bon lote), soubo transmitir un coruñesismo cheo de sentimentos positivos sobre un presente que se ergue sobre unha historia libertaria repleta de heroicidades, despois decapitada polo franquismo. Heroicidades da muller e o home da rúa, da vangarda ideolóxica europea que eran os anarquistas herculinos do primeiro cuarto de século XX. Foi unha actuación memorábel en que o público, con Teatro Rosalía completo, tivo o aplauso a flor de pel desde os primeiros cinco minutos até o final. Así é un pracer asistir a actos literarios. Todos os que nos atrevemos a pisar os escenarios deberiamos tomar nota. Alfredo Ferreiro.

“Monbars o exterminador”, presentación en Pontedeume

Maio 25, 2009

XG00152101Monbars o exterminador, a novela de Hixinio Puentes, gañadora do Premio Eixo Atlántico de Narrativa 2006, presentarase o xoves, 28 de maio, ás 20:00, nas instalacións da Biblioteca de Pontedeume (rúa Couceiro Freijomil 5). No acto acompañarán ao autor, o escritor Marcos Calveiro e o editor Fran Alonso.

“O ‘ Salto do Can”, presentación en Ferrol

Maio 25, 2009

XG00164201O ‘ Salto do Can, a novela de Jorge Llorca presentarase por vez primeira o vindeiro xoves, 28 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32. Esquina rúa María de Ferrol.). No acto acompañarán ao autor o escritor  Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado.

“O ‘Salto do Can”, primeira crítica en “Culturas”

Maio 25, 2009

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 23 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia a primeira crítica d’ O ‘ Salto do Can, a novela coa que debuta o ferrolán Jorge Llorca. Reproducimos  o texto polo seu interese:

XG00164201Anunciada como unha novela -ao tempo que podería clasificarse como unha presada  de relatos-, este O ‘ Salto do Can cómpre saudala como a obra prima dun autor na que se dirixe unha ollada descritiva -descoñezo en que medida a ficción aquí imita á realidade, ou talvez ao contrario-, sobre eses anos setenta, neste caso ben reais e verosímiles. Visión que se erixe desde unha paisaxe moi concreta: a dunha taberna ferrolá, desde a que se ve pasar a vida de siareiros e xentes de variada condición, as máis das veces marcados por peculiaridades que fan deles seres curiosos que van e veñen cos seus trazos intransferibles e que, á vez, serven para testemuñar un tempo e articular un exercicio, se cadra, a medio camiño entre a ficción e a memoria.

Mais supoñamos que, loxicamente, falamos de ficción: alén do intrínseco interese que o libro ofrece para alguén que queira ou poida esculcar nos límites reais da devandita fronteira, o certo é que o libro ofrece un monllo de historias, talvez más propiamente constituirían unha sorte de “semblanzas”, moitas delas gobernadas pola traxedia e a soidade, a través das que circulan Ponciano, o propietario do bar, e Zacarías, un siareiro cego que adiviña as corres…, personaxes que facilitan o acceso para coñecer historias e mundos de corte variado e singular: desde o que encerra Bibián, un curioso perruqueiro, pasando polo espello do escurantismo e miseria do réxime franquista retido en Mercería Dorita, até o denominado segredo de Lady Godiva -unha fidalga vida a menos, estrafalaria e a quen o pobo trata con certa crueldade…- ou mesmo os enigmas que representan o Mahía, un suposto confidente da policía, ou aquel que atesoura o impenetrable mariñeiro Perseus… Encamíñanos, todo isto, a unha conclusión, ao meu ver o mellor do volume, exposta no capítulo Fotografía artística, a través da que se presenta un fotógrafo que vai relatando as súas experiencias tanto persoais como as que se refire á práctica da súa profesión, mercé a un discurso confesional que resulta operativo pra revelar con transparencia un personaxe de carne e óso, con moito de psicólogo e que exerceu o seu oficio con orgullo e habelencia.

Sen dúbida, Llorca amosa soltura para construír un universo que se imbúe as máis das veces do arrecendo popular, contido nunha feliz expresión dun galego rico que foxe da asepsia, e retrata atmosferas con fidelidade e acerto. Malia certas tonalidades ou vernices humorísticos, non sempre conseguidos, e certa reiteración tanto na dinámica da presentación dos protagonistas de cada un dos capítulos como no tránsito por algunhas tramas xa destapadas, por estas páxinas latexan, indiscutiblemente, ganas de contar e facultades para facelo. O primeiro paso está dado e cómpre agardar con interese, abofé. outras entregas do autor. Ramón Nicolás.

“A vida do outro” de Carlos G. Reigosa

Maio 21, 2009

Na primeira semana do mes de xuño aparecerá nas librarías A vida do outro, a obra de Carlos G. Reigosa gañadora do Premio de Novela Torrente Ballester 2008 organizado pola Deputación Provincial da Coruña.

XG00164001A vida do outro de Carlos G. Reigosa é un espello no que cada un pode descubrir o seu propio rostro. O protagonista, Miguel Cano Goiriz, vive nunha sociedade en transición e busca respostas para as súas preguntas esenciais. As experiencias e as teimas da súa existencia rematan nun berro radical de afirmación e redención. Porque Miguel, xornalista de éxito e testemuña insubornable do seu tempo, acaba por dexergar un descoñecido no propio espello. Por iso se revolve contra o que é -e contra o que os demáis queren que sexa-, para ousar converterse en si mesmo e recoñecerse como tal. A vida do outro ten o celme da vida e da Historia. Nas súas páxinas alenta o misterio que nos transubstancia en buscadores da felicidade, ás veces por vieiros de extravío. Carlos G. Reigosa atina ó profundar nas chaves íntimas da vida que vivimos e que non sempre é a nosa. Quizais porque ás veces é a doutro. Inevitablemente. Esta novela gañou o XX Premio de Novela Torrente Ballester (2008).

“Monte Louro” de Luís Rei Núñez

Maio 21, 2009

Monte Louro foi a novela gañadora por unanimidade do premio Blanco Amor de novela 2009, fallado o pasado 4 de abril no concello de Burela. A obra de Luís Rei Núñez xa está no prelo e será presentada o vindeiro 30 de maio, sábado, ás 12:30 no concello de Burela.

XG00167401Unha muller casa e, tras quedar embarazada, é abandonada polo home, ao que idolatra, no tempo da proclamación da República. O fillo criase como un orfiño nun Muros de posguerra de onde tamén el vai acabar dimitindo polo tempo da súa estrea na mocidade. O destino tenlle reservada cita en Barcelona cun nome falso, cunha amante que lle permitirá atisbar a plenitude e, de propina, cun crime que o condena a fuxir para sempre. Provisto dunha nova identidade desembarcará daquela en Bos Aires, onde a experiencia da emigración se verá decontado premiada co éxito e cun grande amor. Monte Louro, o máis poderoso referente xeográfico da infancia, agrándase na memoria como resumo mítico do que no pasado non puido ser e talvez non será xa nunca. Tamén andan ao axexo o complexo de culpa, o desequilibrio e, finalmente, unha baixada ós infernos na que parece que sairá triunfante o Mal. Terá que xurdir o empeño dunha filla cuxa existencia se ignoraba para que moitos anos despois volva semellar posible recompoñer o puzzle roto da vida… Todo isto e moito máis contánolo Rei Núñez nunha novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009, que o acredita como mestre do oficio de escribir, chamada a converterse nun clásico das letras galegas.

“Pirata” de María Reimóndez

Maio 20, 2009

Hoxe, ás 20:30 horas preséntase no Teatro Jofre de Ferrol O club da calceta, a película de Antón Dobao baseada na novela homónima de María Reimóndez. Coincidindo con esta estrea, anunciamos a aparición nas librarías na primeira semana de xuño da terceira e agardada novela da narradora lucense, Pirata.

XG00156401A Mark Read levoulle moito tempo atopar o seu lugar. Mais aquí está, na cuberta do Williams. Despois da guerra en Flandres, da súa infancia como criado, das súas aventuras na mariña mercante, á fin atopou a súa identidade como pirata. Mais se cadra a súa busca non está completa, se cadra aínda lle queda moito por contar. Na súa historia falta aínda a coraxe de Anne Bonney e as preguntas que nin sequera Madame Ébano foi capaz de contestar. Están todas aínda abertas no mar.

Pirata de María Reimóndez é unha novela que fala da busca da identidade, da loita atroz pola liberdade en tempos difíciles e da esperanza de poderse sentir no fogar, mesmo nos lugares máis insospeitados. No marco real do século XVIII as súas personaxes deixan no mar estelas que falan das múltiples posibilidades da vida.

María Reimóndez abriu recentemente un blog da novela, onde se abordarán algúns dos contidos desta novela de loita pola liberdade en tempos dífíciles. Nos próximos días publicaremos un adianto para descargar.

As nosas novidades en “Libro Aberto” na TVG

Maio 20, 2009

Hoxe no programa Libro Aberto da TVG, que se emite hoxe ás 0:45 horas e que tamén se poderá ver  na G-2 (TDT) o luns 25 ás 23:30 horas, inclúese contidos referidas aos recentes lanzamentos de Xerais.

XG00152001Ao comezo do programa, que se gravou nas instalacións da Fundación 10 de marozo, entrevístase a  Xosé Fernández Ferreiro, con motivo da aparición da súa décimo sexta novela, Tempo de centeo.

Despois abórdanse as etapas dun proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.

Despois, o condutor do programa falará co escritor Xosé Francisco Fernández Naval, sobre o seu último libro Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller.

XG00152501Por último, na sección de crítica, Isabel Soto analizará a obra Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.

Xosé Fernández Ferreiro entrevistado por “La Voz de Galicia”

Maio 20, 2009

g20p51f1Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia a entrevista que lle realizou a Xosé Fernández Ferreiro con motivo da publicación de Tempo centeo. Esta novela, centrada no tempo da posguerra, constitúe a décimo sexta do narrador de Espartedo.

[Foto Óscar París.]

Homenaxe á Cidade da Liberdade

Maio 20, 2009

O sábado 23, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro celebrarase a “Homenaxe á Cidade da Liberdade”, un acto literario arredor da novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A entrada é de balde. Cartaz Libros Arden Mal[Premer sobre o cartel para velo máis grande ou imprimilo]

A boca da literatura e a da canción, as palabras e a música, a poesía e os tangos, entrelazan e levedan nunha conmoción sen tregua sobre o escenario. A fonte que inspira este encontro é a novela Os libros arden mal*, de Manuel Rivas, que ten por escenario a cidade da Coruña. Desta obra, co gallo da súa publicación en Francia, o xornal Le Monde dixo que provoca no lector “emoción, asombro, marabilla e pracer”.

O punto de arrinque desta “historia dramática da cultura” é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras tentaban queimar para sempre o corazón libertario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.

Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder as mentes, resiste e xermola a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as “voces baixas” ou silenciadas da humanidade.

Esta posta en escena conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascón (voz, gaita, serrucho). Está prevista a participación doutros músicos invitados.

“Peaxes”, crítica en Lg3

Maio 19, 2009

Capa_PeaxesLorena Domínguez Mallo publica en Lg3 unha crítica de Peaxes, a novela de Santiago Lopo.

“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, en Celanova

Maio 19, 2009

Capa_CronicaO xoves, 21 de maio, ás 20:00, na Casa das Poetas de Celanova (rúa dos Poetas 37),  realizarase unha presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. No acto acompañarán ao autor, Luis Ferreiro e Manuel Bragado.

“Incertos”

Maio 18, 2009

XG00145801Rubén Ruibal publica no seu blog unha anotación sobre Incertos, o libro de relatos de Antón Dobao. Unha memorable recomendación literaria.

“Ramón Piñeiro. Os días ocultos”, presentación no Grove

Maio 15, 2009

XG00157701O sábado, 16 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Lembrabza Sargadelos do Grove (rúa Castelao 52 A) presentarase a novela de Daniel Ameixeiro, Ramón Piñeiro. Os días ocultos. O autor estará acompañado no acto do editor Manuel Bragado.

“Para seguir bailando”, presentación na Coruña

Maio 13, 2009

Capa NarrativaMañá, 14 de maio, ás 20:15 horas nas instalacións da Asociación Cultural Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22 baixo) na Cidade Vella da Coruña, presentarase o libro de rlatos de F.X. Fernández Naval, Para seguir bailando. No acto acompañarán ao autor, Tucho Calvo e Manuel Bragado.

“Peaxes”, crítica en “Culturas”

Maio 11, 2009

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 9 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica de Peaxes, a novela de Santiago Lopo. Reproducimos o texto:

Capa_PeaxesDa man de Santiago Lopo, quen subscribira a novela Game Over, interesante texto co que debutara e fora galardoado co sexto Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, chega esta nova entrega narrativa que, sen abandonar algún dos trazos que caracterizaron a anterior -gusto polo brevidade e o esencialismo; inclinación pola recreación de argumentos máis ou menos cotiáns- formula arestora unha proposta sinxela e non exenta de orixinalidade: un cobrador dunha cabina de peaxe da autoestrada debulla,  a xeito de diario e como certa liberación catárquica, experiencias e conxecturas que alimentan o que ve desde os vidros da cabina na que traballa. Así pois, sen tregua e aínda que fugazmente, permítesenos acceder a unha visión a un tempo global, mais tamén particular deses automobilistas que van e veñen e respecto dos que reconstrúe, con conxecturas que ás veces acertan e outras non, os seus percorridos vitais, logo de quebrar o illamento, tamén, metafórico, que supoñen tanto a cabina do cobrador como as xanelas dos coches. A novela, mercé  a súa atinada estrutura, tamén fotografa o noso momento contemporáneo, e non só por esa banda sonora continua que rodea cada vida e que caracteriza ou identifica a tantos deles -de Dylan a Louis Armstrong, de Verdi a B.B.King, de Narf a Belanova…-, facendo gala dunha salientable capacidade imaxinativa e esculcadora de actitudes e intereses, onde non se omite a presenza do humor e da ironía no deseño dos personaxes que finalmente, deixan de ser ficción pra converterse en seres de carfne e óso. Ramón Nicolás.

«Para seguir bailando», crítica en «Faro da Cultura»

Maio 7, 2009

Capa NarrativaFV-2009/05/07Francisco Martínez Bouzas publica no “Faro da Cultura” de hoxe o que constitúe a cuarta crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval. Bouzas salienta que nestes dez relatos “o lector poderá detectar sen demasiados esforzos o ADN privativo de Fernández Naval como narrador”. Un libro que constitúe “unha persistente e témera pescuda da esencia da vida, do tempo vivido, reflectidos cos galanos dunha escrita cumprida e madura”.

“Tempo de centeo”, a novela de Ferreiro sobre a fame de posguerra

Maio 6, 2009

Tempo de centeo é o título do novo libro  de Xosé Fernández Ferreiro. Nesta novela, a décimo quinta da produción novelística do narrador de Espartedo, retrátase aquel pequeno Ourense clerical e clasista dos anos da fame de posguerra. Tempo de centeo chegará ás librarías esta semana.

xg00152001Xosé Fernández Ferreiro, que con tanto acerto narrou a traxedia dos paseos e dos fuxidos galegos, ofrécenos en Tempo de centeo outra magnífica novela sobre a posguerra. Transcorre naquel pequeno Ourense, clerical e clasista, dos anos corenta e cincuenta do pasado século cando todo eran atrancos e miserias para o pobo. O personaxe principal é un adolescente que emigra da aldea á cidade, onde se ve obrigado a traballar en diversos oficios para subsistir nun mundo hostil e represivo no que se sente alleo e desnortado. só un grande amor e a súa paixón polo cine lle dan pulo e o liberan para soportar o noxo de cada día.

Tempo de centeo é unha historia amarga e realista, da que emerxen, coa forza das cousas prohibidas, todos os desexos humanos nun tempo escuro e desaventurado que trocou a vida de moitas xeracións.

“O’ Salto do Can”, primeira novela de Jorge Llorca

Maio 6, 2009

Esta semana chega ás librarías O’ Salto do Can, a primeira novela de Jorge Llorca. Novela de fasquía realista, recupera a memoria de toda unha xeración ferrolá escrita nos mármores das tabernas.

xg00164201Decote pasan centos de historias polos mármores das tabernas, como pasan as constelacións sobre a cuberta dos barcos, dalgunhas quedan as pegadas, como as que deixa o acedo do viño, outras desaparecen namais pasarlle un pano. Na taberna O´Salto do Can, Ponciano limpa as mesas cada maná, logo bota unha presa de serraduras polo chan, e despois busca no xornal os números da sorte. Bibián o perruqueiro soña con Fred Astaire, o cego Zacarías adiviña as cores, D. Ruperto, de Biscuit Antigüidades, gaba as “delicatessen” do “metre cusinier”, mentres a pantasma da señora de Fontá leva viño branco para guisar as pombas do xardín; Dorita quer se facer puta, o home do traxe gris fala con Poe. Peitoradas, o marqués de Ghataesfolada, Caruso e Fleta, a Serea dos Ollos Grandes, e ata un incerto Robert Taylor entraron un dia pola porta e quedaron para sempre; agora forman parte xa da moblaxe, como o reloxo de parede, o paraugueiro, a pirámide das cuncas, ou a loura do almanaque de Bodegas Prioriño que colga encima da caixa de farias, onde Ponciano garda as necrolóxicas. O ‘ Salto do Can constitúe a sorprendente e emocionante primeira novela de Jorge Llorca, a memoria de todo unha xeración ferrolá escrita nos mármores dunha taberna.

“Para seguir bailando”, crítica en “lg3”

Maio 5, 2009

Anxos García Fonte publica en lg3 unha crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval.  Un texto, do que recollemos o seu derradeiro parágrafo, que recibe ao libro con auténtico entusiasmo:

Capa NarrativaPara seguir bailando é un libro que se alimenta de temas moi presentes na actualidade do mundo que nos tocou vivir –a violencia machista, os abusos a menores, o abandono do mundo rural, a memoria histórica, a corrupción política, o fracaso dos movementos de liberación políticos nas sociedades posmodernas ou a internacionalización da cultura galega– no que o autor dá boa mostra da súa habilidade narrativa a través da multiplicidade de recursos utilizados e dunha pulcritude formal e lingüística digna de resaltar, precisamente por ser un aspecto frecuentemente descoidado en moitas edicións recentes. En definitiva, actualidade temática que convida á reflexión, habelencia narrativa e exquisito coidado da lingua literaria fan destes relatos unha proposta moi recomendábel para todos os públicos.

James Salter, entrevista en “Xornal de Galicia”

Maio 5, 2009

James Salter, o autor d’ A idade da auga, é entrevistado hoxe en Xornal de Galicia. O escritor escocés que publicou o seu primeiro libro de relatos en galego anuncia que está traballando sobre unha novela longa, titulada A zona boyajian, a partir dun argumento que preparou para o conxunto de relatos do seu primeiro libro. “É outra historia de Vigo, mais de 400 páxinas salienta”.salter_xornal

Entrevista a Santiago Lopo en «Faro de Vigo»

Maio 3, 2009

2009-05-03_img_2009-05-03_01_32_32_so6bFaro de Vigo publica hoxe unha entrevista a Santiago Lopo realizada con motivo da presentación de Peaxes en Vigo esta semana. Lopo define a súa obra como «unha novela cun estilo áxil e con moito ritmo. A acción é fundamental e a relación coas persoas levará a un final apoteósico. Funciona moi ben co público de calquera idade.»

«Para seguir bailando», primeira crítica

Maio 2, 2009

Leo F. Campos publica en «Nós» suplemento de Xornal de Galicia o que constitúe a primeira crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval.Recollemos un parágrafo dun texto que recibe de forma entusiasta o libro:

Capa NarrativaChama a atención a redondez e simetría na disposición dos relatos que conforman Para seguir bailando (Xerais, 2009). Estamos diante dun libro compacto, interpretable como un todo narrativo, se non por razóns argumentais, si en virtude da estrutura que revela a disposición das súas pezas. Temos dous eixos espazo-temporais homónimos, “Contemporáneos I” e “II”, situados a dous contos do principio e a dous do final respectivamente, sobre os que pivota toda a obra. Entrambos falan da dialéctica urbano-rural dende puntos de vista complementarios. Antes, “Noite de pallabarro” e “Noite de cloroformo” encetan a obra dende os dominios da infancia e a primeira mocidade. O núcleo duro constitúeno os dous relatos que tratan a política actual dende ópticas outra volta complementarias: a resistencia armada (“O escriba e o comandante”) e a Administración do poder (“Ovos de serpe”). O núcleo brando constitúeno “A vida secreta de L.” e “A noite de Ith”, que pescudan, en contraste cos dous anteriores, no ámbito do privado, no primeiro dende dentro dos protagonistas e no segundo dende fóra. O colofón lévanos até Bos Aires e a idade madura con “Margot, a noite e un adeus” e “Para seguir bailando”.

«Ramón Piñeiro. Os días ocultos», presentación en Santiago

Maio 2, 2009

10002949313Daniel Ameixeiro presentará mañá domingo, 3 de maio, ás 19:00 horas na Feira do Libro de Santiago a súa novela Ramón Piñeiro. Os días ocultos. No acto estará acompañado do editor Manuel Bragado.

Jaureguizar asina «O Globo de Shakespeare»

Abril 30, 2009

j_224514Jaureguizar asinará exemplares d’ O Globo de Shakespeare, na Feira do Libro de Santiago, o venres, primeiro de maio, a partir das 19:00 horas.

«Peaxes», crítica en «Faro da Cultura»

Abril 30, 2009

Vi005c30Armando Requeixo publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Peaxes, a novela de Santiago Lopo. Requeixo salienta que esta novela curta «pode ser unha moi agaradable inmersión de lectura na realidade plural e non sospeitada de xentes do común».

[Premer sobre a imaxe para ler a crítica con maior comodidade.]

«Para seguir bailando», presentación en Ourense

Abril 29, 2009

Capa NarrativaPara seguir bailando, o libro de relatos de X.F. Fernández Naval, será presentado mañá 30 de abril, ás 20:15 horas no Liceo de Ourense. No acto acompañarán ao autor Ánxeles Cuñas e Xavier Paz.

«Conexión Tubinga»

Abril 29, 2009

No blog Trafegando ronseis publícase unha anotación moi interesante de Thalía Troitiño sobre a súa lectura de Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal.

xg00159601Este libro, Conexión Tubinga de Alberto Canal, conta a historia dun mozo que está estudando no Seminario. El, Tito Besteiro, vive no Divino Mestre, onde forma parte dun grupo, “Os Zaratustra“, grupo de mozos que se reunen clandestinamente polas noites nas habitacións para falar dos libros lidos, experiencias, etc.

A historia, principalmente, sitúase no ano anterior ao Rito, último paso para ser cura.
Durante este ano vivirá grandes experiencias que farán que se replantexe o seu futuro, e coñecerá á persoa que o marcará e axudará con respecto a este.

A historia xira en torno a un libro prohibido no Divino Mestre, o titulado Existe Deus? de Hans Kiing. O porqué da prohibición vén dos anos 70, anos de enfrontamento da igrexa vangardista de Hans Kiing coa igrexa tradicional.
Toda a polémica desenvólvese na cidade alemá de Tubinga.

Neste libro trátanse aspectos como o amor, a liberdade de elección, os enfrontamentos do pasado, o que é e o que foi a Igrexa, a homosexualidade…

Creo que é un libro interesante e disfrutei da súa lectura, por iso quero recomendalo aquí. Fíxome reflexionar sobre algúns aspectos dos que trata a obra, o que é importante. Thalía Troitiño.