Archive for the ‘Fóra de Xogo’ Category

«Poderosa», o novo «Harry Potter»?

Setembro 26, 2008

Xosé Manuel Eyré pregúntase no seu blog se Poderosa non será o novo Harry Potter. Recollemos un fragmento da súa anotación:

A novela é interesante. Xustamente iso: interesa. Consegue meter a lector na historia. Familiarízao con ela de xeito moi efectivo. Mañá comezo a escribir a crítica e a reler O profesor de vegliota, hai un par de cousas que necesito comprobar relativas á emotividade narratatorial.

Será esta Joana Dalva a sucesora de Harry Potter?

Poderes para iso ten, esta Poderosa. Mais, non vai depender diso. Finalmente todo dependerá do bon suceso do filme que en 2009 se rodará.

O lector adulto atopará acenos moi interesantes (algúns xa se ven nos subliñados desta Ferradura), por exemplo sobre a dualidade realidade-ficción, sobre o poder dos desexos, inclusive comentarios cara a unha posíbel poética, sobre o destino….

Premio Frei Martín Sarmiento, finalistas

Setembro 23, 2008

Acabamos de coñecer as obras finalistas da quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polos equipos de Normalización Lingüística da FERE e outorgado, a pasada edición, por máis de cinco mil lectores e lectoras. As obras finalistas das publicadas por Xerais, ao longo do pasado ano 2007, son as seguintes:

O fallo do premio coñecerase o 30 de abril de 2009 e será outorgado por milleiros de lectores e lectoras que valorarán as obras finalistas ao longo do curso.

“Poderosa”, diario dunha rapaza que tiña o mundo na man

Agosto 31, 2008

Poderosa de Sèrgio Klein é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil recente no Brasil. Traducida por Mercedes Pacheco Vázquez aparece esta semana en Fóra de Xogo para conquistar milleiros de lectores en galego. Poderosa constitúe a primeira entrega dunha serie (da que ata agora no Brasil a editora Fundamento leva publicados tres títulos e da que se publicará un cuarto en 2009) que tamén editará Xerais e da que xa se está preparando unha adaptación cinematográfica.

Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora.

Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe coa man esquerda provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia.

Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.

“Proxecto bolboreta”

Agosto 31, 2008

Esta semana aparecerá nas librarías galegas Proxecto bolboreta de Andrea Maceiras, a obra gañadora do Primeiro certame de Micronovela convocado polo concello de Soutomaior. Esta é a primeira obra que publica esta xove narradora de Cambre, estudante de Filoloxía na Universidade da Coruña.

Hadrián Barcés, matemático e gran soñador, decide realizar unha viaxe dende Pequín a Nova York coa intención de comprobar a veracidade do conxunto de teorías coñecidas como “Efecto Bolboreta”, acuñadas por científicos como James Gleick e Edward Lorenz a partir do proverbio chinés: “o bater das ás dunha bolboreta pódese sentir ao outro lado do mundo”. Hadrián recollerá no seu diario as detalladas anotacións desta aventura científica e solitaria polo mundo enteiro na que conseguirá resolver algunhas das súas incógnitas, sufrirá moitas penurias e decepcións, vivirá acontecementos inesperados e mesmo atopará neses vieiros o rostro fermoso da bolboreta do amor, o símbolo de todos os seus soños. O Proxecto Bolboreta é un xeito diferente de vida, un soño que merece ser cumprido.

“O ceo dos afogados”

Xullo 14, 2008

No blog Revolta da freixa publícase unha anotación sobre a lectura d’ O ceo dos afogados, a novela de Francisco Castro, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007.

Presentación en Noia

Xuño 29, 2008

A edición do Barbanza de La Voz de Galicia faise eco do acto de presentación de Veleno tinto de Ramón Carredano e Cazaría salvaxe de Agustín Agra, celebrado o venres, 27 de xuño, nos locais do Liceo de Noia. Ao acto, conducido polo escritor Carlos Mosteiro, asistiron máis dun centenar de persoas.

“Cazaría salvaxe” e “Veleno tinto”, presentación en Noia

Xuño 25, 2008

O vindeiro venres, 27 de xuño, ás 20:30 horas serán presentados no Liceo de Noia Cazaría salvaxe de Agustín Agra e Veleno tinto de Ramón Carredano Cobas. No acto, organizado pola Asociación Culural Barbantia, La Voz de Galicia, a Sociedade Liceo de Noia e a editorial, participarán os autores, Carlos Mosteiro e Manuel Bragado.

“Vestio”, crítica

Xuño 12, 2008

Anxos García Fonte publica en Protexta unha crítica sobre os dous máis recentes títulos de Xosé Miranda na colección Fóra de Xogo: Vestio e As mans do medo.

“A cabeza de Medusa” de Marilar Aleixandre, adianto

Xuño 10, 2008

Xa se pode ler o capítulo 9, que leva por título “Mordendo as uñas”, d’ A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, novela gañadora do III Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

“A cabeza de Medusa”, premio Fundación Caixa Galicia 2008

Xuño 8, 2008

O xurado da 3ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de Filoloxía), Antonio Piñeiro Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e oito obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Eu son ti”, “O derradeiro inverno” e “Tusitala”.

Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Eu son ti” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Marilar Aleixandre e corresponde ao título A cabeza de Medusa.

A novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2008 arrinca con enorme contundencia: “O venres en que ía ser violada amenceu bochornoso”. Esta é unha obra que dende o principio nos sitúa de cheo e sen ambaxes na historia de Sofía, unha estudante de bacharelato que, xunto coa súa amiga Lupe, vai ser violada por un descoñecido ao saír dunha festa de Entroido. Violada, como as mulleres dos mitos clásicos que estudan na clase de Latín; como Medusa, a máis fermosa das Górgonas, forzada por Neptuno polo simple feito de ser bela. E se na mitoloxía a deusa Minerva, no canto de castigar o violador, castiga a Medusa transformándolle a cabeleira nun niño de serpes e condenándoa a converter en pedra a quen a mire, Sofía e Lupe tamén sentirán o castigo desa parte da sociedade que pensa que “as rapazas en minisaia están pedindo a berros que as violen”.

Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A cabeza de Medusa conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. Os personaxes, en maior medida adolescentes, cun papel significativo no desenvolvemento da acción, son tratados cunha elaborada caracterización que os identifica coa mocidade actual, o cal lle imprime verosimilitude á narración. A verosimilitude verase tamén apoiada por unha localización espacial concreta. A amizade, a solidariedade e a esperanza enchen as páxinas dunha obra comprometida que aborda con rigor e coñecemento un tema difícil, o da violencia, neste caso sexual, exercida contra as mulleres. Un tema que cómpre abordar coa valentía, a claridade e a tenrura con que se aborda nesta obra.

Marilar Aleixandre declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “Este libro fala de como vencer ao medo e á vergoña. Crese que é valente quen mata un tigre, mais eu considero que fai falta moito máis valor para enfrontar a vergoña e o medo. Escribir é entrar nun diálogo con outros, con outras. Con quen escribiu antes ca nós, con quen agora len e pode que escriban máis tarde. A cabeza de Medusa dialoga co poeta latino Ovidio, con quen convivín varios anos mentres escribía Mudanzas. Aínda que ás veces eu lle leve a contraria, foi Ovidio quen me ensinou que Medusa, antes de ser unha terríbel cabeza con serpes por cabelos, foi unha rapaza fermosísima, e que a súa transformación era un castigo por ser violada”.

Continuou a gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia dicindo que “esta novela non transcorre nos tempos mitolóxicos (aínda que nela aparecen sandalias aladas e ollos en empréstimo), senón nos nosos. Dialoga tamén coas mulleres que, logo de seren violadas (ou maltratadas) fisicamente, son violadas socialmente por segunda vez. Como a Medusa, ninguén as mira aos ollos por medo a converterse en pedra, por medo a compartir a súa vergoña. Como Medusa, que se converteu nun poderoso talismán, Sofía, a protagonista da novela, négase a comportarse como unha vítima, a agocharse, a calar. Neste proceso de vencer ao medo e á vergoña, o amor xoga un importante papel. O amor, simbolizado na novela polos amorotes ventureiros (á fin, ‘amorote’ debe derivar dun cruzamento entre ‘amor’ e ‘ámote’). Eu estou segura: Perseo namorouse de Medusa”. Marilar Aleixandre rematou a súa intervención expresando que “esta novela tamén é un diálogo cunhas rapazas, alumnas dun instituto onde eu ensinaba, que foron violadas primeiro fisicamente, despois simbolicamente. É unha historia que levei dentro durante moito tempo, sabendo que a escribiría algún día”.

Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais 2008

Xuño 8, 2008

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXVª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, e a IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luís Bará, director xeral de Creación e Promoción Cultural da Consellaría de Cultura de Deporte; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; Xabier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón, o concelleiro de cultura do concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.

No acto, presentado por Celia Torres, directora de promoción da editorial e coordinadora dos premios, participou Tino Baz, o cantautor miñoto, que interpretou ao comezo o tema “Volvín á terra pero perdín o amor”, sobre un poema de Bernardino Graña (presente no acto e moi aplaudido polos asistentes) e rematou con “Romance da Maruxa…In memorian”.

Despois da actuación de Baz e intervención de Carlos G. Reigosa, que actuou como mantedor literario, déronse a coñecer os fallos dos xurados. A gañadora da XXIIIº edición do Premio Merlín de literatura infantil foi a xornalista madrileña Mar Guerra Cid pola súa novela Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”. Marilar Aleixandre foi a gañadora do IIIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil pola súa novela A cabeza de Medusa, presentada baixo o lema “Eu son ti”. O XXVº Premio Xerais de novela foi para Manuel Lourenzo González pola novela O Xardín das Pedras Flotantes, presentada baixo o pseudónimo “Manalva” e o lema “Flora da xunqueira”.

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que valorou a traxectoria dos premios ao longo as súas vinte e cinco edicións, o que considerou unha mostra da madurez do sistema literario galego e da novela como xénero privilexiado polas lectoras galegas. Por último agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Deporte, a conellaría de Cultura do Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios.

Recollemos as primeiras referencias sobre o fallo dos premios aparecidas hoxe domingo na prensa electrónica:

  • Faro de Vigo: “Xerais premia a Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra”.
  • La Voz de Galicia: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais cunha novela de amor”.
  • La Opinión A Coruña: “Manuel Lourenzo obtiene el Xerais con ‘O Xardín das pedras flotantes'”.
  • El País Galicia: Lourenzo González gana el Xerais con una historia de amor adolescente”.
  • El Correo Gallego: “Manuel Lourenzo, premiado co Xerais de Novela”.
  • Galicia hoxe: “O talento recoñecido”.
  • El Progreso: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais”.
  • Europa Press: “Los escritores Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre y Mar Guerra reciben los premios Xerais de literatura 2008”.
  • Vieiros: “Manuel Lourenzo, Premio Xerais de Novela 2008”.
  • A Nosa Terra: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela”.
  • Chuza: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela 2008”.
  • Praza das letras: “Manuel Lourenzo González, Premio Xerais 08”
  • Gznación: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra fanse cos premios xerais 2008”.
  • Xornal.com: “Manuel Lourenzo gañou o Xerais con ‘O Xardín das Pedras Flotantes'”.
  • MundoGaliza: “Premio Xerais de Novela 2008”.

Crítica de “Vestio”

Maio 29, 2008

Héitor Mera publica unha crítica no Faro da Cultura de hoxe sobre Vestio, a novela curta de Xosé Miranda publicada recentemente en Fóra de Xogo. Recollemos o parágrafo final do traballo titulado “A forza de intriga”:

“En Vestio Xosé Miranda domina con mestría as técnicas do relato ou novela curta de medo. Sabe que é o que precisa en cada momento a historia para acadar un nivel de intriga necesario conseguindo que o clímax narrativo chegue a cotas importantes de interese.”

“Memoria contra Alzheimer”, crítica

Maio 22, 2008

Xosé Feixó publica hoxe en Faro da Cultura a primeira crítica de Memoria contra Alzheimer, a novela de Rafael Laso publicada en Fóra de Xogo.

Rede Lectura

Maio 2, 2008

Atopamos no blog Rede Lectura, promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, varios comentarios de lectores recomendando libros infantís e xuvenís editados pola editorial. Estes son os casos de Así comezou todo, o libro de Jürg Schubiger (recente premio Andersen) traducido por Patricia Buján; Cartas de amor de Fran Alonso; Negros e brancos de David Mckee e Minimaladas de Carlos López Gómez e David Pintor.

Catálogos de lecturas en pdf

Abril 5, 2008

Xa se poden descargar no noso espazo web os catálogos 2008, en formato pdf, das coleccións Fóra de Xogo; Merlín; Sopa de Libros, Amancio Amigo, As aventuras de Nunavut e Andavía, ademais do nosas series dirixidas a Primeiros Lectores.

No entanto, consideramos que a ferramenta máis actualizada coa que contamos para proporcionar información sobre os nosos fondos e novidades é o noso catálogo en liña, onde se pode obter información editorial completa sobre os nosos 1.581 títulos dispoñibles neste momento, ademais de currículums de autores e autoras, e nas próximas semanas, tamén, de ilustradores e tradutores de boa parte destas obras.

Aqueles lectores e lectoras que o desexen poden subscribirse ao noso servizo de novidades por e-correo.

“Veleno tinto” de Ramón Carredano

Abril 4, 2008

Naquela mañá de inverno de 1319, Frei Samuel, o humilde monxe sandador do mosteiro de Toxosoutos, camiñaba cara a Noia cunha dor de frieiras que case o facía chorar. No castelo de don Rui de Soga de Lobeira, agardábao o bispo Berenguel de Landoire coa intención de agradecerlle un impagable servizo que o freire lle ofrecera na súa loita contra os que pretendían apartalo do bispado de Compostela. Mais, a morte dun dos criados de don Rui, envelenado por beber dunha xerra de viño quente, obrigará ao pícaro e intelixente freire a realizar unha concienciuda investigación coa intención de coñecer o motivo e o autor de semellante crime.

Veleno tinto é unha apaixonante novela de intriga, tecida sobre unha coidadosa reconstrución histórica da vida e das intrigas políticas da Galicia do século XIV, que supón, ademais, a consolidación do personaxe literario de frei Samuel, un dos máis singulares e divertidos da nosa narrativa actual. Esta novela supón o primeiro título de Ramón Carredano na colección Fóra de Xogo, despois de obter en 2005 o Premio Merlín de Literatura Infantil.

“Cazaría salvaxe” de Agustín Agra

Abril 4, 2008

Wotan, o Demo Negro ou Señor do Inframundo, tiña ollos de lume, o corpo invisíbel ás miradas e unha negrume inescrutábel ocupaba o baleiro que ía deixando. Nas noites de invernía saía de caza, dacabalo, coa compaña dos seus cadelos diabólicos, zugadores de sangue, que perseguían e degoaban canto atopaban. Mais, foi Ricardo Ferreiro, o rapazolo da aldea de Marselle que salvou o pelello por dúas veces, quen foi designado para ser o elixido. Cando regresou ao País do Vento, despois do seu longo exilio na Illa de Dona Escura do Mar Tenebroso, conseguiu cos poderes e artes alí adquiridos acabar con Wotan e pór fin a súa tiranía, que asolaba vilas e aldeas, aínda a custa de pagar un prezo altísimo por semellante afouteza.Novela de terror, misterio, bruxaría e fantasía, enfiada coa prosa primorosa das narracións populares dos vellos violinistas, Cazaría salvaxe non deixa alento ao lector até a súa derradeira páxina. Esta estrea de Agustín Agra, gañador do Premio Merlín 2006, na colección Fóra de Xogo, aparecerá nas librarías o 10 de abril.