Isabel Soto publica en «lg3» a súa crítica de Lúa do Senegal, a máis recente novela de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Marina Seoane. A autora salienta que neste novela protagonizada por unha rapaza de dez anos que ten a lúa como confidente Fernández Paz «plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva». Pagaa pena recoller un dos parágrafos dun texto que convida a unha lectura en profundidade da novela:
En Lúa do Senegal atoparemos moitas das claves recorrentes do autor, coma tal, unha voz feminina, a utilización da primeira persoa narrativa, un personaxe con devoción polos libros e a lectura, intratextualidades ou, sobre todo e unha vez máis, unha historia «de fronteira» que abre as fiestras cara ao mundo, ás películas, aos poetas doutras latitudes. O libro aborda un problema actual, a inmigración, e faino elixindo como eixe central a carga emotiva que a rodea, a expresión íntima das dificultades, do desarraigo, da tristura, do rexeitamento, mais tamén integrando o optimismo, o respecto, a convivencia de linguas e culturas. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva: a de Khoedi, unha nena de once anos –que axiña nos trae á cabeza o mundo senegalés de Binta, do conmovedor filme de Javier Fesser, un dos referentes do autor no seu proceso de documentación– que atopa na Lúa a súa confidente, o único elemento común entre o mundo que coñece e o estraño que a rodea agora, dúas realidades tan distintas que a fan sentirse cos pés no aire, coma se non pertencese a ningures.
Etiquetas: novela, fernández_paz, lg3, isabel_soto, lúa _do_senegal
Deixar unha resposta