Martín Pawley publica hoxe nas páxinas do suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica d’ A deleiba do mundo, o ensaio de Amin Maalouf que chega esta fin de semana ás librarías galegas. O fermosísimo texto do crítico salienta que o ensaio do autor d’ A viaxe de Baldassare é un «ollar perturbador sobre o desarranxo do capitalismo e un canto á esperanza, á contación emocionada que outro rumbo é posible». Recollemos varios parágrafos dun texto crítico moi recomendable:
«Entramos no novo milenio sen compás». Desde a primeira liña Amin Maalouf deixa ben claro o seu desacougo ante o estado actual do mundo. É o berro de desesperación dun intelectual apaixonado pola razón e o coñecemento, que ve coma estes conceptos son postos en cuestión en máis partes do planeta das que nos gustaría recoñecer. Dun amante da liberdade que mira con tristura como deixou de ser un valor indiscutíbel para ser cercenada aquí e acolá con argumentos falsarios. A deleiba do mundo é o relato perturbador e inquietante do desastre económico, político, ecolóxico e ético do tempo en que vivimos e de como chegamos a el, mais se tan só fose iso non serviría para moito. O que fai do maxistral ensaio do escritor libanés unha ferramenta imprescindíbel é a súa condición de canto de esperanza, a súa emocionada certeza de que é posíbel atoparmos un rumbo diferente.
[…]
Maalouf amósase especialmente horrorizado pola perda da diversidade, pola pasividade ante a extinción de comunidades milenarias. «Un mundo onde se respecta cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera pode expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no denigramento, sexa por parte das autoridades ou da poboación, é un mundo que avanza, que progresa, que se eleva».
A frase debería estar esculpida á porta das escolas e dos parlamentos, e non porque sexa algo que non saibamos, senón pola tendencia que temos a esquecelo. «O século XXI será salvado pola cultura ou ben se afundirá», afirma coa contundencia de quen pensa que a escala de valores non pode fundarse noutra cousa que non sexa a cultura e o ensino.
[…]
«Tedes o dereito e o deber de estudar a nosa lingua en profundidade. Mais tamén tedes o dereito e o deber de non esquecer a vosa lingua de orixe, porque a nós cómprenos ter persoas que compartan os nosos valores, que comprendan as nosas preocupacións e que falen perfectamente todas as linguas de Europa, de Asia e de África, todas sen excepción, a fin de que poidamos facernos entender por todos os pobos do planeta. Entre eles e nós, vós seredes, en todos os ámbitos –a cultura, a política, o comercio–, os insubstituíbles intermediarios». Velaí outra frase máis para esculpir.
Etiquetas: amin_maalouf, a_deleiba_do_mundo, martin_pawley, nós, xornal_de_galicia
Deixar unha resposta