«Riofero» de Xelís de Toro, unha selva de novelas

Xavier Queipo

XG00139401Algúns autores destilan as súas novelas coa lentitude coa que madurecen os viños do Porto e ofrcennos así, de cada tanto, unha garrafa de sabores e delicias que se diría extraída das reservas das caves de Vilanova de Gaia. Dez anos de silenzo levou Xelís de Toro no intervalo de producir este Riofero desque nos presentase –no século pasado- os seus Saltimbanquis no Paraíso.

A novela, que varios críticos entroncaron directamente co Corazón da Escuridade de Conrad, por aquilo, supoño, da ascensión do río, que semella ir invadindo corpos e almas dos que por el ascenden, é ao meu parecer unha novela da selva, que ten os seus antecedentes (ou referentes se se prefire) en certas alfaias dos sistemas literarios póximos como Cárcere verde de Xavier Alcalá ou A selva,  esa delicia saída da pluma do noso veciño do Sur, Ferreira de Castro ou mesmo Os Rios de Luandino Vieira, xa metidos no mato africano. Tamén hai elementos que a relacionan coas novelas sudamericanas de tema «selvático», de seringueiros e reductores de cabezas como La Vorágine de Jose Eustasio Ribeira, Canaima de Rómulo Gallegos ou aínda Los Pasos Perdidos de Alejo Carpentier. O río polo que ascenden esas personaxes apocalípticas de Riofero, na procura de non se sabe qué, mais sempre na procura de si mesmos, ábrese en centos de veas de auga e así as contén a todas elas e lles rinde homaxe (teña lido o autor as novelas que eu cito ou outras se cadra de temática semellante e non menor interese).

A imaxe de impacto do inicio da novela, telúrica, como saída do alén mundo, que abre o espicho polo que se aventura o escritor-narrador, do que fai xurdir as sombras que nos han acompañar en todo o traxecto do río, ata chegar ao poboado e alí perderse a súa pista nese «final twist» que nos deixa coa dúbida de se aconteceu o que aconteceu o todo é un mal soño. O «desvío final» non o vou rebelar, por unha cuestión de respeito duplo, aos que lean a novela e ao propio autor.

Mais non me resisto a transcribir a imaxe que me impactou ao inicio e que fixo que xa non puidese levantar os ollos da novela. Di así: «Polo medio do río baixaba unha barcaza que, de súpeto, ficou parada, abaneando a estribor e babor, bambeando nese espazo no que se encontran o río e o mar, incapaz de seguir baixando. No medio da barca campaba o mastro fumegante, e nel había un home crucificado co corpo chamizado.» Se esta imaxe non lles dá azos para seguir lendo, pois daquela mellor que non sigan, pois con semellante punto de partida só se pode tratar dunha novela de aventuras e misterio, das que algúns gustan e outros detestan.

Acumúlanse en Riofero elementos clásicos da novela de aventura exótica (algo de Kipling, un pizzicatto de Salgari e por suposto imaxes extraídas de The mission e Apocalypsis Now e unhas pingas de realismo máxico e do «real marabilloso» do que falaba Carpentier) dende o rapaz espelido e arteiro, sabechón e case adulto, curtido na desgraza e se cadra por iso vulnerábel até o aventureiro accidental, perdido nun mundo que o abraia a cada relanzo do río, o temor ao estranxeiro e a negativa a aceptar ser fotografados, as caixas de música que sempre aparecen no intre preciso das lembranzas románticas, e as historias de amores desgrazados, todo iso mesturado con algo de maxía, de antropoloxía cultural, de xeografía económica, botánica de amador e imaxes tiradas de mil filmes de aventuras, configuran un universo de «western de río» ou de novela de fronteira.

A presenza case constante de fantasmas achega o texto a algúns autores africanos da lusofonía (Manuel Rui, Mia Couto, Paulina Chiziane) e a mitoloxía do «saloon» e as bacantes que se namoran do heroe desaparecido e xa mítico no panteón de heroes do río a certa literatura do «Far West» como nas novelas de Karl May ou mesmo das historias do Mississipi como Mark Twain. Tamén aparecen desdobramentos de personalidade e afastamento do real por intermedio de certas substancias alucinóxenas, o que non deixa tamén de ser un clásico nas novelas de aventuras. Se alguén pensa que falta o elemento de amor tan típico das novelas do «Far West» de estranxeiro que chega ao poboado logo de demorada viaxe e se namora da bailarina ou da bacante do «saloon», que por suposto lle corresponde e de como son felices e desgrazados en sucesión de aconteceres e malaria dos sentimentos no podía faltar pois aí está , presente nas lembranzas que se contan do barqueiro, do heroe do río.

No medio de todo isto unha linguaxe de signos que hai que interpretar, que se nos ofrecen como indicadores para a comprensión ou coma linguaxe oculto. O narrador mesmo reflexiona sobre este punto cando afirma: Pensou que a ave que o espertara co seu sangue podía ser un deses sinais que debía entender. Parte da linguaxe oculta que debía desentrañar. A linguaxe que lle abriría as portas do río e o axudaría a entender a sorte do barqueiro».

Xelís de Toro non esquece o elemento investigador, anovador e experimental, tan característico dalgúns do seus traballos anteriores cando fai unha descrición polo miúdo dos encadres das fotografáis que tanto o xornalista (Marques) como o rapaz axudante do barqueiro (Cordel) van tirando no camiño. Elemento que sen acadar unha presenza excesiva axuda a recrear certas escenas descriptivas sen chegar a cansar.

En resumo, unha novelas das que paga a pena ler neste verán á sombra dunha palmeira ou dun piñeiro manso, mentres un se deleita cun cáliz dun viño das reservas das caves de Vilanova de Gaia ou daquela compaña que lles gorente. Que gozen da lectura e do verán dunha novela escrita nesa lingua fantástica, que polo que se vé ten ben máis inimigos dos que merece. A lingua na que escribiu Rosalía, a lingua que ninguén quería.

Bruxelas, xullo 2009

Advertisements

Etiquetas: , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: