Anxos García Fonte publica en “lg3” unha crítica sobre Monbars o Exterminador, a máis recente novela publicada de Hixinio Puentes, gañadora do Premio Eixo Atlántico de Narrativa galega e portuguesa 2006. Recollemos un dos parágrafos dun texto que cualifica a novela como encadrada dentro do “xénero de aventuras” e de “extraordinaria calidade”:
Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel… mais se hai algo que chama poderosamente a atención nesta nave narrativa é a madeira coa que está feita: un galego popular riquísimo ben embreado de voces e frases dialectais, ese regueiro vivificante nunha literatura que tende a retroalimentarse de si mesma en canto a materiais lingüísticos caendo con frecuencia nunha manía estandarizante empobrecedora. Hixinio Puentes, ben lonxe disto, demostra un dominio lingüístico fóra do común non só na utilización da terminoloxía mariñeira senón tamén na adaptación estilística ao contexto narrativo.
Deixar unha resposta