Ramón Nicolás publicou o sábado, 20 de xuño, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica preciosa de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do Premio Blanco Amor 2009.
Espirais de memoria e almas derrotadas
Nabokov afirmou que Tolstói, aludido por certo nesta novela en moi diferentes ocasións, na derradeira etapa da súa vida só se amosaba interesado literariamente por dous únicos temas como eran a vida e a mais a morte. Moito disto, senón esencialmente, encerra este premio Blanco Amor 2009 a través do que se nos posibilita entrar ás veces nos escuros, recónditos e sempre complexos recantos da alma humana.
Monte Louro, así pois, articúlase como unha proposta densa e compacta dividida en catro partes ou compartimentos en absoluto estancos, pois os personaxes saen e entran deles con lixeireza, como así ocorre cos lugares referenciados nela: basicamente Muros, Barcelona e Bos Aires. Cómpre agradecerlle ao autor, así pois, que establecese a ligazón precisa para entrar nese intenso rodopío literario que non é, malia o que poida semellar, un exercicio ficcional de biografismo, nin tampouco, aínda que destaque pola prosa cromática que exhibe, de descritivismo magnetizante tanto nos sentimentos coma nas xeografías (resultan ben documentadas e case transparentes as pasaxes que nos emprazan na Barcelona da posguerra, nun barco que cruza o Atlántico ou no Buenos Aires dos cincuenta e anos posteriores e mesmo non son menos exactas nin orientativas as que nos sitúan nun contexto social ou político concreto), nin sequera por ese cruzamento recorrente de vidas que o sentimento provoca; antes ben, ou complementariamente, é esta unha novela que asenta os alicerces nese proceso polo cal a mente humana é quen, ou non, de volver atrás, conformando unha espiral pola que escoa a memoria; un exercicio que debe ser salvífico e que, por veces, non o é debido ao peso do desarraigo, do desacougo que provoca a separación ou o esgazamento do que se estima porque, non se esqueza, esta é ao tempo unha historia de desamparos, de cicatrices, de almas derrotadas ou doentes e de resistentes robinsonianos.
O libro, así pois, percorre boa parte do século XX desde que un neno se vai criar como un orfo no Muros da posguerra até os anos oitenta no que unha luz, seica, volverá alumear a súa vida. Polo medio vivencias e experiencias construirán o substrato dun ser que xa non é quen, ou non quere, lembrar. Talvez a esa ausencia, suposta, de memoria contribúa unha heteronimia disociativa que tamén é vital, pola cal do orixinario Delio pasará a Artemio, e deste a Iago, e aínda do último a Sombra ou mesmo a Kim…, mais no fondo o pouso da infancia, simbolizado no lugar do Salto, na nai e no pai desparecido, no Muros natal, á sombra do Monte Louro, permanecerá, quéirase ou non, inalterable tras exilios e fuxidas.
Capítulo á parte merece subliñar a plasticidade, transparencia e riqueza lingüística que exhibe este Monte Louro, dotada dun ritmo traballado con intensidade e na que se aprecia un baseamento lírico; alén dun xogo de perspectivas narrativas que, se ben na súa formulación inicial pode chegar a desorientar, suscita moitos interrogantes que logo se entenden como esixencia activa para que o lector vaia cadrando cada peza na súa cuadrícula até chegar a ser parte dun universo de ficción –insisto- sólido e ben erixido. Ramón Nicolás.
Etiquetas: culturas, la_voz_de_galicia, luís_rei_núñez, monte_louro, novela, premio_blanco_amor, ramon_nicolás
Deixar unha resposta