Sandra Faginas publicou o sábado, 23 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica sobre Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica do que é autor Juan Blanco Valdés. Reproducimos un texto que a súa autora titulou: “Máis alá do punto e coma”:
Un dos personaxes que García Márquez mellor retratou na súa última novela é “el abominable hombre de las nueve”, ese ser que fai a súa aparición co seu bolígrafo vermello e comeza a encher de borróns as páxinas dos redacotres dun xornal. Unha imaxe simplificadora (non por irreal) da figura do corrector-editor que na actualidade está profesionalizada e que cada vez é máis demandada nos medios de comunicación e editoriais. En galego, por primeira vez, contamos cunha obra orientada a axudar a quen se dedica a esta tarefa, Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica, de Juan L. Blanco Valdés. Hai que darlle ao seu autor o mérito de afrontar aspectos ben distintos dun traballo apaixonante e delicado, próximo a ourivería, daqueles que teñen nas súas mans o poder de transformar un texto nunha crónica, unha reportaxe ou un libro.
Con esta fineza e precisión, e un didactismo que o lector agradecerá, aborda Juan Blanco Valdés os problemas, dificultades e límites da edición para achegar sempre solucións. Desde a pregunta inicial que é un libro pasando polas máis técnicas como cando corrixir, cal é a tarefa do editor ata repasara aspectos de ortotipografía.
Pero por riba doutros acertos, o maior éxito de Blanco Valdés é terlle dado o corpo de letra maiúscula, de profesional, a un traballo que tradicionalmente se foi facendo en galego rebuscando entre libros en castelán (como os de Martínez de Sousa, que prologa o libro) e diferentes dicionarios e ortografías, mentres se loitaban cos programas informáticos, aos que a obra lle dedica unha ampla parte. Todo isto resolveuse definitivamente co libro de Blanco Valdés, a quen lle honra o fito de ser pioneiro. Sandra Faginas.
Etiquetas: culturas, do_orixinal_ao_libro, juan_blanco_valdés, la_voz_de_galicia, sandra_faginas
Deixar unha resposta