Monte Louro foi a novela gañadora por unanimidade do premio Blanco Amor de novela 2009, fallado o pasado 4 de abril no concello de Burela. A obra de Luís Rei Núñez xa está no prelo e será presentada o vindeiro 30 de maio, sábado, ás 12:30 no concello de Burela.
Unha muller casa e, tras quedar embarazada, é abandonada polo home, ao que idolatra, no tempo da proclamación da República. O fillo criase como un orfiño nun Muros de posguerra de onde tamén el vai acabar dimitindo polo tempo da súa estrea na mocidade. O destino tenlle reservada cita en Barcelona cun nome falso, cunha amante que lle permitirá atisbar a plenitude e, de propina, cun crime que o condena a fuxir para sempre. Provisto dunha nova identidade desembarcará daquela en Bos Aires, onde a experiencia da emigración se verá decontado premiada co éxito e cun grande amor. Monte Louro, o máis poderoso referente xeográfico da infancia, agrándase na memoria como resumo mítico do que no pasado non puido ser e talvez non será xa nunca. Tamén andan ao axexo o complexo de culpa, o desequilibrio e, finalmente, unha baixada ós infernos na que parece que sairá triunfante o Mal. Terá que xurdir o empeño dunha filla cuxa existencia se ignoraba para que moitos anos despois volva semellar posible recompoñer o puzzle roto da vida… Todo isto e moito máis contánolo Rei Núñez nunha novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009, que o acredita como mestre do oficio de escribir, chamada a converterse nun clásico das letras galegas.
Etiquetas: burela, luís_rei_núñez, monte_louro, novela, premio_blanco_amor
Xullo 14, 2009 ás 9:06 am |
[…] chegando á casa comecei a ler a novela. porque o autor estaba no barco e a novela na casa -nesa que está tralas dúas horas de viaxe […]