Hoxe, ás 20:30 horas preséntase no Teatro Jofre de Ferrol O club da calceta, a película de Antón Dobao baseada na novela homónima de María Reimóndez. Coincidindo con esta estrea, anunciamos a aparición nas librarías na primeira semana de xuño da terceira e agardada novela da narradora lucense, Pirata.
A Mark Read levoulle moito tempo atopar o seu lugar. Mais aquí está, na cuberta do Williams. Despois da guerra en Flandres, da súa infancia como criado, das súas aventuras na mariña mercante, á fin atopou a súa identidade como pirata. Mais se cadra a súa busca non está completa, se cadra aínda lle queda moito por contar. Na súa historia falta aínda a coraxe de Anne Bonney e as preguntas que nin sequera Madame Ébano foi capaz de contestar. Están todas aínda abertas no mar.
Pirata de María Reimóndez é unha novela que fala da busca da identidade, da loita atroz pola liberdade en tempos difíciles e da esperanza de poderse sentir no fogar, mesmo nos lugares máis insospeitados. No marco real do século XVIII as súas personaxes deixan no mar estelas que falan das múltiples posibilidades da vida.
María Reimóndez abriu recentemente un blog da novela, onde se abordarán algúns dos contidos desta novela de loita pola liberdade en tempos dífíciles. Nos próximos días publicaremos un adianto para descargar.
Etiquetas: antón_dobao, maría_reimóndez, novela, o_club_da_calceta, pirata
Maio 20, 2009 ás 11:19 am |
¡Estou desexando ter o libro nas miñas mans!
Setembro 13, 2009 ás 9:59 am |
[…] E para rematar, unha das mellores cousas de Pirata […]
Agosto 16, 2010 ás 10:37 am |
[…] todo nos últimos anos , unha seire de títulos (poderiamos poñer como exemplo, O club da calceta, Pirata, ou a mesma Circe ou o pracer do azul) que poñen moi en cuestión a condición masculina, a partir […]