Isaac Lourido publica hoxe no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica d’ Ámote vermella o poemario de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas. Recollemos os dous primeiros fragmentos dun texto onde se salienta que este libro forma parte dun proxecto integral de creación literaria do escritor lucense:
Dúas foron as liñas de forza nas que Claudio Rodríguez Fer fixo descansar a triloxía que, despois de Lugo Blues (1987) e A loita continúa (2004), vén clausurar Ámote vermella (nunha coidadísima edición, por certo, ilustrada por Sara Lamas, con protagonismo absoluto da cor vermella e fóra de colección). A primeira desas liñas de forza recoñécese na reivindicación da dignidade e da xustiza para as vítimas do fascismo e do autoritarismo no século XX, representada nesta terceira entrega na memoria e no recoñecemento das mulleres represaliadas pola ditadura de Franco.
A segunda fronte de intervención dá continuidade ao emblema da traxectoria anterior do autor, pois reincide na construción dun imaxinario amoroso, rico en imaxes audaces e alicerzado na súa ligazón coa pulsión sexual, a representación corporal, a tensión telúrica e unha ideoloxía de signo libertario. Todas estas condicións recoñécense, en maior ou menor medida, no prescrito por algunhas das poéticas surrealistas de comezos de século e reforzan, en última instancia, a necesidade de observar as producións de Rodríguez Fer, Olga Novo e Carmen Blanco como resultado dun mesmo núcleo de creación partillado, reconfortado e exhibido sen complexos.
Etiquetas: ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, isaac_lourido, nós, sara_lamas, xornal_de_galicia
Deixar unha resposta