Marcos S.Pérez publica en «Vieiros» unha entrevista con Xelís de Toro, o autor de Riofero. Recollemos algúns parágrafos do texto:
O libro emprega recursos da literatura máis formularia. O libro é, sen complexos, unha novela de aventuras. Por que está tan mal considerada en certos eidos da alta cultura a literatura como evasión?
Eu diría que Riofero é a un tempo un libro de aventura e un libro que trata de como se escribe unha aventura. A aventura da subida ao río refírese ao proceso de pescuda de algo que anceiamos encontrar; mentres que a escrita dunha aventura refírese por extensión a como se escribe todo tipo de literatura. Utilicei todos os recursos da novela de aventuras, sobre todo traballei o ritmo, a tensión, a anticipación, as personaxes teimudas nun obxectivo, o medo ante o descoñecido, etc. En canto a se existe en certos sectores da cultura un menosprezo pola literatura popular, de xénero, de evasión, todos eles conceptos moi ambiguos, existe menos do que existiu, pero segue a existir. Esta distinción ignora interesadamente que moita da que se chama literatura clásica, ou canónica, foi no seu momento literatura de evasión ou lecer. Se alguén é quen de marcar unha fronteira entre literatura de alta cultura e literatura de lecer, encontrará que hai libros bos e malos a cada un dos lados.«Eu apuntei ao corazón da literatura…», dis na contracapa. Cal é? Onde está? Como é o corazón da literatura?
Non sei se a literatura ten corazón pero si hai un latexar. Precisamos contar e oír contos, escribir e ler historias que falan de nós e do que sentimos. A literatura é a imposibilidade do silencio, é falar e contar sen estar totalmente seguros do que estamos a contar. Parafraseando a un que sabía máis ca min e que lle chamaban Beckett, é moi difícil falar de algo que teña sentido, porén somos incapaces de quedar calados, isto resume bastante ben o que eu penso da literatura.
Etiquetas: marcos_s.pérez, novela, riofero, vieiros, xelis_de_toro
Deixar unha resposta