«Mal de Escola», crítica en «Nós»

Martin Pawley publicou onte no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica de Mal de escola de Daniel Pennac. reproducimos o texto polo seu grande interese:

xg00151501Unha muller case centenaria contempla na televisión un documental sobre un escritor francés, ao cal amosa na vida cotiá, rodeado de libros na súa biblioteca, falando do oficio literario e do seu pasado como mestre. O escritor chámase Danniel Pennac e a muller é a súa anciá nai. Ela sabe que Daniel é unha figura respectada e está ao tanto do seu éxito profesional, mais dentro dela ficou para sempre o recordo da tristeza e a preocupación polo fillo que de mozo respondía ao prototipo de mal estudante.
Un mozo que cada anoitecer regresaba á casa ‘ perseguido pola escola’, angustiado polas súas dificultades aparentemente insalvábeis para memorizar as leccións e manexarse con algo de fortuna coa lingua e as matemáticas. Un adolescente ‘sen porvir’, un “problema” para calquera familia que antes ou despois acabará por preguntarse “que vai se do noso rapaz?” Por is, nun altura na que a cabeza da nai se move mellor polo pasado que polo presente, a inquietude polo fillo, obviamente xa innnecesaria, rexorde unha e outra vez en forma de pregunta: “Ti cres que chegará a algo?”.
A calculada contención emocional das primeiras páxinas de Mal de Escola, publicado hai pouco pola editorial Xerais, marca con precisión o ton do libro, que mestura de maneira eficacísima o recordo autobiográfico e o rexistro ensaístico para abordar cuestións referidas á pedagoxía e ás institucións educativas. Pennac explora a súa experiencia nos dous lados da fronte, como (mal) alumno primeiro e logo como profesor de instituto durante vintecinco anos, para compoñer un discurso esperanzado sobre o papel revolucionario da educación, entendida non como transmisión robotizada de coñecementos senón como ferramenta formadora e transformadora que actúa un a un sobre cada individuo para facer del un ser máis libre e independente. O autor repara nos malos estudantes desde a certeza de que son eles os que verdadeiramente xustifican a necesidade do profesor; achégase ao seu illamento, ao seu desexo de saber combinado coa “dor de non comprender”, sentimentos que el tamén viviu, e sobre todo á súa vontade de salvación, de ser rescatados por alguén que veña buscalos e os leve da man guiado pola paixón por comunicar e por algo que está por riba de toda sorte de métodos, teorías e prácticas docentes: o amor. Un termo subversivo “que non podes nin tan sequera pronunciar nunha escola, nun instituto, nunha facultade ou en calquera lugar semellante” e que ten dentro de si o potencial para cambiar o mundo.
O peor que lle podería pasar a este texto excepcional, editado por Xerais nunha espléndida versión de Xavier Senín e Isabel Soto —autores tamén da tradución d’A clase de François Begaudeau, obra tan diferente como complementaria desta, e que merecerá comentario á parte— é ficar sepultado baixo a etiqueta de manual de autoaxuda para ensinantes. Porque Mal de Escola deben lelo todos os profesores, claro, mais tamén todas as nais e pais, e todos os fillos; debería lelo todo o mundo, como corresponde aos grandes libros, os que nos fan mellores. Martin Pawley.

A segunda edición de Mal de escola poñerase á venda esta vindeira semana.

Etiquetas: , , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: