Rosalía de Castro en Xerais

rosalia_de_castroHoxe, 24 de febreiro, celébrase o 172 aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro. Dende os inicios de Xerais, a nosa escritora primeira sempre tivo unha importante presenza no noso catálogo. O primeiro título foi en 1982 a Poesía completa en galego, en edición do profesor Benito Varela Jácome, actualmente descatalogada despois de ser reimpresa en múltiples ocasións. Coa creación da Biblioteca das Letras Galegas, nesa colección publicamos en 1990 os dous poemarios en galego de Rosalía, Cantares gallegos en edición de Xavier R. Baixeras (actualmente na décima edición) e Follas Novas en edición de Marina Mayoral e Ana Blanca Roig (hoxe na oita edición). En 2003 o estudoso rosaliano Anxo Angueira editou Rosalía de Castro. Antoloxía, libro cedé, prologado por X.L. Méndez Ferrín, ilustrado con cadros da pintura galego do XIX e organizado arredor de sete ámbitos temáticos:

xg00085201Así en «Terras de Rosalía», incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. «Santos, campás e pecados» é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En «Festas e fames» danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camões, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En «Sombras e soidades» ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En »Verba de muller» recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en »Pola dignidade nacional», antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.

cvxg112201O catálogo de Xerais inclúe varios libros de estudos rosalianos: Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004) no que inclúe o corpus dos traballos rosalianos do profesor Xesús Alonso Montero e Rosalia 21, o recente volume colectivo, coordinado por Anxo Angueira, que actualiza a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Ademais, Xosé Antón Neira Cruz preparou en 1997 Así viviu Rosalía, a primeira biografía ficcionada da nosa autora dirixida ao público máis novo.

Advertisements

Etiquetas: , , , , , , , , , , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: