Con motivo das actividades do Día de Rosalía (172 aniversario do seu nacemento) aparece, Rosalía 21, libro colectivo de ensaios que forma parte dun proxecto multisoporte, «Rosalía 21», que pretende reler a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Un proxecto concibido co principal obxectivo de revisar e reivindicar, desde unha lectura contemporánea, a figura da nosa autora primeira.
O proxecto «Rosalía 21», promovido pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e coordinado por Anxo Angueira, ten tres principais realizacións, as tres complementarias: un espectáculo audiovisual baseado na imaxe e na palabra, na poesía e na música; un disco coas gravacións base dese espectáculo e o presente libro. Os tres soportes participaron coordinadamente dun repertorio temático común que tiñan que ver con nove grandes eixos temáticos: a terra, a casa, a emigración, a muller, a sombra, os miserábeis, a revolución, a alborada e Rosalía poeta nacional.
No presente libro, para cada apartado propúxoselle a unha persoa a realización dun ensaio. Así Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda realizou dúas achegas biográficas; María López Sández aborda “Rosalía e a paisaxe galega”; Iria Sobrino Freire analiza “Os prólogos a Cantares Gallegos e Follas Novas, manifestos por unha cultura da resistencia”; Nancy Pérez Rey estuda “Rosalía de Castro e a emigración. A poeta e Cuba”; Xabier Cordal Fustes revisa as estratexias políticas da autora no traballo “Rosalía de Castro: un método para a liberación”; Daniel Salgado é autor de “Corazón de aceiro: cinco notas sobre o político en Rosalía de Castro”; María do Cebreiro escribe sobre “Rosalía de Castro ou a produción do infinito”; Iago Castro Buerguer fala de “Rosalía de Castro: transgresión e feminismo”; María Reimóndez estuda as traducións e recepción de Rosalía fóra de Galicia; e, por último, Anxo Angueira, editor do volume escribe o traballo “Algunhas visións de Rosalía de Castro”, onde se intenta ofrecer unha sucinta visión das consideracións que historicamente se fixeron de Rosalía, como escritora e icona. O libro inclúe, ademais, unha viaxe fotográfica preparada por Uqui Permui, que tamén se ocupou do deseño e maquetación do libro. As traducións foron realizadas por Xabier Xil Xardón (español), María Reimóndez (inglés) e Emma Lázare e Denise Peyroche (francés).
A edición do libro Rosalía 21 foi presentada hoxe xunto ao espectáculo audiovisual e poético que se celebrará o xoves, 26 de febreiro, ás 21:00 horas no teatro Pirncipal de Santiago.
Etiquetas: anxo_angueira, rosalía_21, rosalía_de_castro
Febreiro 24, 2009 ás 12:17 am |
O espectáculo Rosalía 21 preséntase en Compostela o Xoves 26 de Febreiro ás 21h no Teatro Principal
Febreiro 24, 2010 ás 7:21 pm |
[…] Coincidindo co 173 aniversario preséntase o espectáculo Rosalía 21 […]
Febreiro 24, 2021 ás 4:16 am |
jelene
«Rosalía 21» | Xerais blog