Héitor Mera publicou no «Faro da Cultura» do 19 de febreiro unha crítica de Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga. reproducimos o texto:
Xa nos sorprendera Iolanda Zúñiga coas súas Vidas pos-it pola contención lingüística e fondura de miras literarias. Non é este un poemario que teña moito que ver coa súa anterior publicación, pero serve para decatármonos que en Zúñiga comeza a albiscarse a confirmación dunha boa autora e moi, moi competente poetisa.
Vexo este poemario como dous lóstregos intensos que percorren cada unha das partes das que se compón. Dúas visións do amor que se dan nunha persoa, pero que cambian radicalmente a visión, as prioridades e as vivencias do namorado.
A primeira parte sería «Despois da Fantasía. Ti», onde o amor tórnase submiso, paifoco e alienante para o eu lírico, unha muller que é consciente da parvada que está cometendo someténdose da maneira perante outra persoa. O cotián, abafamente cotián, é unha secuencia de situacións innanes que se aparentan significativas na vida desta muller namorada ou aparvada polo feito de estar cun compañeiro que ás veces non exerce como tal. Hai frustración e reflexión. Os versos percorren rapidamente a lectura en asíndetos, polisíndetos e anáforas vertixinosas, boa presentación da ansiedade e desesperación recoñecida no sentir da incauta.
A segunda parte do poemario é a da autoafirmación persoal. «Logo do combate. Eu» deixa ás claras cal é a evolución. Da submisión ao compromiso persoal, non egoísmo, senón presentación dunha persoa que procura nela as necesidades para Vivir, sen necesidade de escravitudes innencesarias e case que inventadas.
Recomendamos este poemario de Iolanda Zúñiga por ser quen de transmitir sentimentos e vivencias con claridade, así como polo gran calidade lírica e técnica que demostra con metáforas sensibles e imaxes posuidoras dun gran poder emocional.
A poesía é un xénero no que tes que comunicar. Con contención, espremmendo cada verba, verquendo moitas das túas teimas e sentimentos, chegando ao lector para converterse nesa ferramenta para a reflexión necesaria no día a día. Con Zúñiga atopámonos diante de verdadeira poesía.
Etiquetas: amor_amén, faro_da_cultura, heitor_mera, iolanda_zúñiga
Deixar unha resposta