Pilar Ponte publicou no «Faro da Cultura« de 19 de febreiro unha crítica sobre A corpo aberto, o máis recente libro de xornalismo literario de Manuel Rivas. Reproducimos o texto:
A última obra de Manuel Rivas, A corpo aberto, é unha recompilación de artigos publicados no xornal El País e na revista Integral onde o autor expresa o seu xeito de ver o mundo dende un posicionamento «Indie», libre, crítico e militante. O escritor a corpo aberto, cédelles a propia voz a aqueles que desde a súa perspectiva defenden as causas xustas: o ecoloxismo, a memoria histórica, a liberdade, a visibilidade da muller, a honradez política ou o respecto á vida animal, entre outras.
A primeira parte está dedicada á análise da «España do Último Día», a da crispación da era Aznar. Aquí convertémonos en periferia, o centro é Madrid e atopamos os temas que nos poderia ofrecer calquera analista político do reino, pero peneirado pola visión literaria de Rivas, tan lonxe do copy / paste ao que nos ten tan afeitos a prensa actual. Botamos de menos aquí algunha cita a pé de páxina explicando quen é quen, un elemento textual que axudaría a manter a vixencia da obra pasado certo tempo.
A segunda parte, titulada «Amnesia retrógada», céntrase na denuncia da desmemoria histórica, tanto na Guerra Civil, como na posguerra e na ditadura franquista, así como tamén na arxentina a través do caso da familia Oesterheld.
A terceira parte está dedicada á revolución do mar, aquí somos centro, e o autor máis ca ninguén, convertido en cronista e protagonista. Reivindica así a traxectoria do movemento cívico galego na aventura d’ O Xurelo, no desastre do Prestige, no nacemento de Nunca Máis e na ocupación das Encrobas.
Na última parte, «Re-existencias», o autor abandónase máis á forza da literatura e atopamos algúns dos mellores textos da obra: «O ganso salvaxe e o cazador acazapado», «As formas dos tesouros», «A ópera das ras» ou «A felicidade clandestina».
Manuel Rivas é un autor de lectura varia e ben aproveitada, isto é, un erudito, que se afasta da linguaxe xornalística común polos vieiros da literatura. Gusta de compartir o que le e sempre se lle agradece a lealdade coa cita textual, aínda que por exceso poida chegar mesmo á cita da cita.
Cómpre felicitar a Vicente Curtis polas fotos da cuberta e contracuberta que resumen os contidos básicos da obra (ecoloxismo, memoria, dor e literatura) e onde por estar, ata está a arañeira literaria de Virginia Wolf. E ollamos as fotos da obra, pucas, moi poucas, mais as xustas. Son as fotos das tres familias: a do sangue (a do autor), a da solidariedade (a das catro fillas de Elsa e HGO) e a do compromiso (a familia d’ O Xurelo, os tripulantes dunha noz de esperanza no medio do Atlántico).
E leo e desleo «O ganso salvaxe» e volvo crer nos tesouros, neses que as mans escrtioras deixan por aí, «camufladas«, para nos agasallar coa felicidade clandestina. Pilar Ponte.
Etiquetas: a_corpo_aberto, faro_da_cultura, manuel_rivas, pilar_ponte
Deixar unha resposta