«Ámote vermella», novo poemario de Claudio Rodríguez Fer

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares do novo poemario de Claudio Rodríguez Fer, Ámote vermella. O poemario, ilustrado pola pintora Sara Lamas, forma parte do proxecto da exposición «Vermellas», dedicadas ás mulleres represalidas, organizada pola Universidade de Santiago e que será inaugurada no Campus de Lugo o vindeiro mes de marzo. A presentación do poemario realizarase coincidindo coa exposición.

xg00159301Con Ámote vermella, o poeta Claudio Rodríguez Fer conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo blues e proseguida con A loita continúa (Xerais 2004). Este poemario elexíaco, ilustrado pola pintora Sara Lamas, está organizado en tres partes: I. “No corazón da besta”; II. “Na besta do corazón” e III. “Memoria contra a morte”. Na primeira parte, a máis extensa do libro o poeta e a pintora homenaxean a todas as mulleres vítimas da barbarie do 36, esquecidas entre os esquecidos. Así recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González, nai humilde ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo. Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo, acabado de nacer. Homenaxe que se estende ás mestras represaliadas (como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez), ás matronas republicanas, ás decenas de mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto ou a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Na segunda e terceira parte, o poeta homenaxea as súas voces filiais máis queridas. Ámote vermella é un berro emocionante contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que cosntitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.

Advertisements

Etiquetas: , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: