A nova da homenaxe que recibirá hoxe venres a partir da 20:00h en Vigo X.L. Méndez Ferrín polo seu septuaxésimo aniversario aparece recollida por varios medios informativos. Pola súa parte, La Voz de Galicia publica unha entrevista ao homenaxeado.
Salientamos os artigos que lle dedican ao escritor nado en Ourense Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe e Manuel Rivas na súa colaboración semanal no «Luces» da edición galega de El País. Extraemos uns parágrafos deste último:
Hoxe Ferrín recibe unha homenaxe en Vigo, en data que cadra co seu 70 aniversario. A cultura, e non só en Galicia, tende a recrearse na necrofilia. O intre máis glorioso adoita chegar en forma de obituario. Eu teño escrito algúns, mais estou a desenvolver unha especie de alerxia. Talvez o máis respectuoso cando alguén morre é usar o recurso dramático máis expresivo do teatro de Harold Pinter: (pausa). Por iso celebramos moito, dende unha forzada distancia, esta festa arredor dun creador que ten para Galicia a equivalencia da escrita en sílex dos circos concéntricos. Un pobo tamén se define por aquilo que homenaxea. O mellor, a sorte, é que se homenaxea a un creador en acción, a un pensamento ceibe, a un indómito e non a un mito. Homenaxea, e ben di Manuel Outeiriño, ao “poeta cimarrón”.
Ás veces semella que estamos cómodos cos mitos e incómodos cos vivos. A homenaxe a Ferrín suscitou unha corrente inversa. Unha obra gozosa, cooperativa. O libro titulado A semente da nación soñada. É un espazo de man común. Así saíu o libro que editan conxuntamente Sotelo Blanco e Edicións Xerais de Galicia. Ten o xeito dun forno comunal arraiano, eses lugares que nunca pechaban os días crus. Moito alimento, moita calor, moita lembranza criadora, portas que abren outras portas. Poucas loanzas tópicas, e moitas incursións suxestivas, como a que fai Enma Lazaré sobre Ferrín e Brassens, onde oímos borboriñar o trasgo libertario no rexo comunista.
Desta obra emerxe a verdadeira ideoloxía de Ferrín: a do home dispoñíbel co seu pobo, mesmo cando a circunstancia era hostil e indisposta. Eu non fun alumno de Ferrín, nin discípulo, nin compañeiro de partido. Mais lembro moi ben as veces que o vin. No Burgo, denunciando a contaminación da Cross que envelenou a ría coruñesa. En Xove, para parar aquel futurismo terrorífico da central nuclear. En Santiago, aínda afectado por unha doenza, poñendo voz á dignidade galega cando a “marea negra”. Estaba alí, disposto, na intemperie.
Etiquetas: ferrín, la_voz_de_galicia, luces, manuel_rivas
Deixar unha resposta