O venres 16 comeza a chegar as librarías galegas A clase, coincidindo coa estrea da película homónima de Laurent Cantet, protagonizada polo autor da novela, François Begaudeau. Tamén se coñeceu hoxe que A clase (Entre les murs) será unha das nove candidatas preseleccionadas que optarán ao quinteto do que sairá o Oscar a mellor película de fala non inglesa.
«Eu falaba para unha clase silenciosa e distraída, Gibran e Arthur dedicábanse a unha análise comparativa das súas calculadoras e rebentaban co riso por non sei que, Michael asentía movendo a cabeza aínda que pensaba noutra cousa e, mentres, os muros daban en inclinarse perigosamente e terminarían por caernos a todos enriba.»
Cunha escrita descontinua que vai captando diferentes escenas e conflitos co alumnado e cos seus colegas, case coma se fose unha cámara, François Bégaudeau constrúe en A clase unha crónica do seu labor como profesor, engadindo mesmo as súas propias dúbidas e poñendo de manifesto as dificultades que xorden nas aulas, nos claustros, entre os adolescentes e tamén entre os adultos. Este é o impactante relato da vida nunha clase multicultural da bisbarra parisina, con todas as tensións entre profesores e alumnos, que en certa maneira traducen o conflito entre ricos e pobres, entre aqueles que posúen o saber e aqueles que non o teñen. Unha adaptación desta novela foi levada ao cine por Laurent Cantet, e a película homónima obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes 2008. A tradución galega foi preparada por Xavier Senín e Isabel Soto López.
Etiquetas: a_clase, françois_begaudeau, isabel_soto, laurent_cantet, novela, xavier_senín
Deixar unha resposta