Archive for 13 Xaneiro 2009

«A batalla do paraíso triste» no «Diario Cultural»

Xaneiro 13, 2009

xose_ramon_penaAquí pode escoitarse a entrevista  a Xosé Ramón Pena emitida hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación d’ A batalla do paraíso triste.

«Festina Lente», crítica de Xulio Valcárcel

Xaneiro 13, 2009

Xulio Valcárcel publica esta crítica da novela Festina Lente, de Marcos Calveiro, en El Ideal Gallego.

ideal281208

Pàmies e Monzó, crítica en Vieiros

Xaneiro 13, 2009

Mario Regueira publica en Vieiros unha interesante crítica sobre as traducións ao galego de Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies e Mil cretinos, de Quim Monzó. Recollemos un par de fragmentos significativos:

xg00152401Pàmies, o automatismo da vida moderna
A obra de Sergi Pàmies preséntanos unha aposta decidida polo relato curto, organizado nunha estrutura moi sólida. A coherencia cun proxecto de libro determinado déixase notar en aspectos como a extensión, o manexo do tempo do relato ou a unidade temática, conseguindo unha obra redonda, sen fisuras. Partindo dun título aparentemente cómico, como pode ser Se comes un limón sen facer xestos, o autor mergúllanos nunha obra que trata sobre as pequenas traxedias da cotidianeidade, ou a perspectiva macabra que a mesma oculta frecuentemente. Os personaxes de Pàmies son soprendidos polas pequenas variacións dun curso estabelecido, sen saber ao tempo darlle unha solución aos seus problemas ou enfrontar con afouteza unha nova situación. Resulta inevitábel relacionar isto co automatismo da vida nas grandes urbes, a paisaxe máis frecuente nestes contos. A deshumanización das persoas, así como os seus problemas para comunicárense, apesar dos lazos de afecto, tamén aparecen como unha constante neste libro, que só cede ocasionalmente o seu espazo ficcional a algunha pequena fabulación simbólica ou algún xogo metaliterario, excepcións nun conxunto de relatos marcados polo realismo. (…)

xg00152301Monzó, o realismo vacilante
O libro de Quim Monzó, pola contra, artella o seu proxecto dende unha perspectiva máis aberta, disposto a xogar co lector. A omisión nos paratextos do feito de estarmos ante un libro de relatos, así como a peculiar estrutura do mesmo, colócanos na primeira folla cunha sensación de incerteza, dubidando xa sobre a propia natureza da obra. Do mesmo xeito o desenvolvemento das narracións é acompañado frecuentemente dun desenlace anticlimático, contribuíndo a aumentar un tanto a sensación de desorientación. Os temas, porén, seguen incidindo na mesma crueza da vida deshumanizada e falta de comunicación das persoas no mundo contemporáneo. Concretamente, a relación cos parentes internados en centros de maiores, a soidade das persoas que viven nas cidades, ou o xogo de favores dentro do mundo editorial (tema que comparte curiosamente con Pàmies). (…)

«Nin che conto», presentación de Eyré

Xaneiro 13, 2009

Xosé Manuel Eyré presentou onte á noite no seu blog Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa. Reproducimos o texto da anotación moi interesante para coñecer as intencións do autor:

Como se anuncia no blog de Xerais, teremos Nin che conto no remate deste mes. Nin che conto sairá na colección Materiais, mais elles un libro dificilmente clasificábel. Dou un repaso ao máis substancial que sobre a teoría da Literatura Mínima ( ou hiperbreve, ou…) saíu á luz. Detéñome no canon que, a nivel internacional, se vén repetindo como tal, procuro fundamentalmente microcontos, pero non renuncio a calquera outra manifestación. E logo fago o mesmo co galego, o que é, case, dicir que percorro a historia do microconto galego, sen renunciar a outras manifestacións hiperbreves. Na parte relativa ao canon internacional, na marxe inferior, logo da zona de silencio ou transición, para desmecanizar o acto lector, dispuxen unha serie de textos que animan, aconsellan, provocan, guían a lectura. E, na parte galega, son provocacións á escrita. Algunhas delas son das mellores microficcións que escribín nunca, curiosas, curiosa tipoloxía de textos, verán, nas que trata de que o lector se familiarice coas prácticas escriturais mínimas, con algunhas, porque son moitísimas.

Que o gocen. Que o gocedes. Para min, escribilo foi unha auténtica gozada. Paixón tan intensa que me levou a sentir ben preto o alento do lector. Se cadra, de aí tamén que non renunciara a creación propia.

Vou dicir que con el celebro vinte anos de exercicio crítico, aínda que non o fixen con esa intención.

E vou tendo algunhas ideas para presentalo. Por suposto, se son realizábeis esta sideas, non serán nada convencionais.