Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, dedicado aos mellores libros galegos de 2008, unha crítica d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008.
Foi ambicioso Manuel Lourenzo na concepción inicial desta novela, isto é, planificou –conxecturo- unha obra de longo alento que puidese acoller no seu seo un amplísimo abano de posibilidades técnicas no que á construción dunha novela se refire, de mans dadas cun argumento que vai máis alá do que podería ser unha historia amorosa. O autor tripa estes camiños con habelencia, abofé, pois non en van a súa produción literaria vén xa de moi atrás e ten amosado longamente a súa pericia nestas lides. Asemade a novela planificada, por idénticas razóns, debería ser permeable ao feito de que nela se integrase, dun xeito natural, mesmo áxil, un feixe de recursos de filiación diversa que proceden dos máis amplos campos das humanidades. E velaquí o resultado.
Cos ollos postos na reflexión sobre o peso do destino e do máxico en todas as vidas, Lourenzo, como se dixo, constrúe unha historia de amor adolescente protagonizada por Simón e Anabel, unha historia que mergulla nun vasto océano que nace nos tempos medievais e que se estende até o presente tecendo unha arquitectura fortemente trabada e reconstruíndo as pezas dunha extensa panoplia cohesionada por múltiples recursos narrativos, que abalan entre o que se podería denominar a crónica dunha antiga “saga familiar” xunto co discurso memorialístico, para logo converxer nunha explicación solvente que ten que ver cunha concepción da escrita como solución terapéutica e liberadora, proxectando así cara a fóra unha historia que gaña en verosimilitude, sobre todo se se supera ese comezo que esixe, talvez, un esforzo engadido que, ao superarse, vai permitir conducirse polas páxinas restantes con outro alento.
Ao amentado xúntense aínda axeitadas doses da traxedia sempre presente, a carón dunha reiterada presenza do onírico ou de certas pasaxes de literatura de corte fantástico –singularizada nese libro misterioso de efectos máxicos que focaliza tantas páxinas da novela-…, elementos fundidos, en moitas ocasións, con outras posibilidades como son os excursos históricos, filosóficos, mesmo psicolóxicos ou humorísticos que outorgan unha pátina de polifonía climática moi de agradecer.
Nunha obra deste calibre resulta difícil non caer na tentación de matizar historias xa deseñadas desde outra perspectiva, o que implica que, dalgún xeito, devale o interese que nela deposita o lector. Con todo, alén do feito de que nun plano contemporáneo o perfil dos protagonistas apareza vernizado cun idealismo que configura unha época presentada un pouco topicamente como unha arcadia feliz, a novela de Lourenzo é moi recomendable para lectores que gusten das propostas narrativas de peso, coidadas estrutural e lingüisticamente e posuidoras dunha grande intensidade emocional; ademais os seus lectores dispoñen na rede dun blogspot baixo o epígrafe de “batume” composto por historias que inspiradas ou derivadas da novela, agora a viviren fóra do libro, mais tamén operativas para seguir lendo nel. Ramón Nicolás
Etiquetas: culturas, la_voz_de_galicia, manuel_lourenzo_gonzález, novela, o_xardín_das_pedras_flotantes, ramon_nicolás
Deixar unha resposta